Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 24 de setembro de 2018 Páx. 43175

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, para o ano 2018 (código de procedemento SI452A).

O Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos cales se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social; no mesmo sentido, o artigo 14 da Constitución española regula a igualdade de todas as persoas ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

En desenvolvemento destas competencias aprobáronse dúas leis galegas en materia de igualdade, a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, hoxe refundidas no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. No seu artigo 1 recóllense os principios de actuación da Comunidade Autónoma en materia de igualdade, entre os que se inclúen a busca e a eliminación absoluta das discriminacións por razóns de sexo, sexan directas ou indirectas; a modificación dos patróns socioculturais de conduta de mulleres e homes, con miras a acadar a eliminación dos prexuízos e das prácticas consuetudinarias baseadas na idea de inferioridade ou superioridade de calquera dos sexos ou en funcións estereotipadas de mulleres e de homes e a integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na elaboración, execución e seguimento de todas as accións desenvolvidas polo sector público autonómico no exercicio das súas competencias.

Así mesmo, no artigo 40 establécese que a Xunta de Galicia adoptará, dentro das súas competencias, as medidas conducentes a favorecer, en condicións de igualdade entre mulleres e homes, a inserción social das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, especialmente cando estean a cargo de familias monoparentais. Todo iso no ámbito do compromiso básico da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, definindo os mecanismos para fomentar o protagonismo das mulleres como parte activa do desenvolvemento da nosa sociedade.

A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe tamén un obxectivo básico e prioritario das políticas autonómicas, que teñen o seu reflexo nas ditas normas, na planificación estratéxica, así como na sucesiva elaboración de plans no eido da igualdade nos cales, entre outras, recollen obxectivos e actuacións específicas para dar resposta ás necesidades das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, impulsar a participación destas mulleres e tomar en consideración as súas necesidades específicas, co fin de avanzar na construción dunha sociedade máis próspera, plural e cohesiva, na cal a igualdade entre mulleres e homes sexa cada vez máis unha realidade efectiva en todos os espazos da vida pública e privada de Galicia.

A Secretaría Xeral da Igualdade, segundo dispón o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ten atribuídas, entre outras funcións, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero, incorporar o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade, así como promover programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

As subvencións con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF constitúen unha vía esencial de sostemento das axudas públicas para a realización de programas de interese xeral, que en Galicia permitiu a execución, no ano 2017, de investimentos e programas cun financiamento superior aos 11 millóns de euros, o que permite concluír que esta actividade subvencional da Administración constitúe na nosa comunidade un verdadeiro instrumento de vertebración social no marco da asignación tributaria que a cidadanía realiza na súa declaración anual da renda.

Nesta resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Existe crédito dispoñible para esta finalidade na Lei 18/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Esta resolución de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Polo anterior e con base nas ditas competencias, a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario colaborar e cooperar no desenvolvemento de actuacións das entidades de iniciativa social que polos seus fins ou actividades contribúan á consecución dos obxectivos previstos e, na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e procedemento

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas para o ano 2018 destinadas á realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, cuxo obxecto sexa o sinalado no artigo 5.

2. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. Terá o código SI452A para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2018, crédito por importe total de catrocentos dezasete mil oitocentos trinta e seis euros (417.836 €), consignado nas aplicacións orzamentarias seguintes en función das liñas de actuación subvencionables relacionadas no artigo 5:

Programa

Aplicación

Proxecto

Importe €

Liña 1. Actuacións no ámbito da promoción da igualdade entre homes e mulleres.

05.11.313B.481.2

2018 00004

207.829,00

Liña 2. Accións de prevención e loita contra a violencia de xénero e apoio ás súas vítimas

05.11.313D.481.0

2018 00004

210.007,00

Total

417.836,00

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. Así mesmo, poderase reaxustar o crédito entre as distintas aplicacións orzamentarias no caso de resultar remanente nalgunha delas segundo o previsto no artigo 13.3, despois da tramitación da correspondente modificación, de ser o caso.

Artigo 3. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, agás aquelas da mesma natureza que se outorgue a Administración xeral do Estado en virtude das súas competencias e sen prexuízo daqueles gastos que poidan ser imputables ás subvencións que se concedan nos respectivos ámbitos.

Non obstante, estas axudas son incompatibles para o mesmo programa, actuación ou actividade coas subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade convocadas anualmente pola Secretaría Xeral da Igualdade.

2. O importe da subvención concedida non poderá ser en ningún caso de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo do correspondente programa. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para a mesma finalidade concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. En todo caso, deberá/n facerse constar de forma clara o/s concepto/s de gasto/s afectado/s, así como o/s importe/s imputados/s a cada unha delas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social e a Cruz Vermella Española sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais, e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven a súa función con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización dos programas e actuacións subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.

Os fins e obxectivos das entidades solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre homes e mulleres e a potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos seus estatutos ou desprenderse da súa actuación xeral.

f) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materias necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no punto 1 anterior.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se vai aplicar a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Artigo 5. Programas e actuacións subvencionables

a) As subvencións destinaranse a programas de interese xeral que teñan fins de carácter social, dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero. O contido dos programas deberá axustarse ás liñas de actuación sinaladas a continuación, segundo a tipoloxía de cada programa:

Liña 1. Actuacións no ámbito da promoción da igualdade entre mulleres e homes.

Programas que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, para lograr a eliminación de estereotipos de xénero que conducen a que as mulleres padezan unha situación de desvantaxe no eido laboral, social, persoal, económico, político e cultural.

Serán obxecto de subvención os seguintes tipos de programas:

1. Acollemento, atención e asesoramento para mulleres en situación de vulnerabilidade.

2. Programas dirixidos á inserción sociolaboral das mulleres, especialmente as mulleres do medio rural, que impulsen o emprendemento, o autoemprego, a formación e a mellora da súa capacitación de cara a mellorar a súa empregabilidade.

3. Programas dirixidos á atención de mulleres xestantes e lactantes en situación de vulnerabilidade, dirixidos a proporcionar asesoramento, apoios e axudas ante as dificultades que poidan sufrir nesta etapa.

4. Programas de conciliación dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade que consistan en actividades de coidado e atención a menores de doce anos, persoas con discapacidade e/ou dependentes e persoas maiores.

5. Actuacións de información e de formación para o empoderamento e participación activa das mulleres, en especial as que sofren situacións de vulnerabilidade e/ou as que residen no medio rural.

6. Programas dirixidos ás mozas para fomentar a igualdade de mulleres e homes entre a mocidade e a erradicación de estereotipos de xénero.

7. Programas para o tratamento da saúde integral das mulleres e/ou sobre a sexualidade das mulleres.

Liña 2. Accións de prevención e loita contra a violencia de xénero e apoio ás súas vítimas.

Descrición: programas que teñan por obxecto a prevención de todas as formas de violencia contra as mulleres, segundo o recollido na lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, incluída a protección integral das súas vítimas e dos seus fillos e filas menores:

Serán obxecto de financiamento os seguintes programas:

1. Programas de acollida e aloxamento que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e das súas fillos e fillas.

2. Programas de apoio e tratamento dirixidos especificamente a mulleres vítimas da violencia de xénero con outras problemáticas asociadas, principalmente toxicomanías e/ou enfermidade mental, incluído o aloxamento.

3. Programas de apoio e tratamento integral dirixidos a grupos de mulleres vítimas da violencia de xénero especialmente vulnerables: mozas e adolescentes, mulleres con discapacidade, mulleres maiores, mulleres que residen no medio rural, mulleres inmigrantes, mulleres pertencentes a minorías étnicas, etc.

4. Programas que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e dos seus fillos e fillas.

5. Programas de información, formación e sensibilización, dirixidos á prevención de calquera tipo de violencia contra as mulleres, especialmente entre a mocidade e no ámbito rural.

b) Os programas desenvolveranse no ano 2019, sendo a data límite de presentación da documentación xustificativa o 15 de febreiro de 2020, segundo o estipulado no artigo 23.3.

c) Poderase solicitar subvención para un único programa por cada unha das dúas liñas de actuación.

d) En todo caso, a contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 75.000 euros.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Para os efectos desta resolución, consideraranse como gastos subvencionables os que conten coas seguintes características:

a) Que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resultaren estritamente necesarios.

b) Que se efectúen durante o ano 2019 e sexan efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 23.

c) Que teñan a seguinte natureza:

1º. Gastos do persoal laboral da entidade: custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Socia correspondentes á empresa.

As retribucións estarán limitados polas contías determinadas para os diferentes grupos de cotización á Seguridade Social segundo a seguinte táboa salarial, referidos a catorce pagas anuais para unha xornada semanal de corenta horas:

– Grupo I: 31.619,06 €.

– Grupo II: 25.295,45 €.

– Grupo III: 22.133,14 €.

– Grupo IV: 18.970,83 €.

– Grupo V: 15.809,53 €.

– Grupos VI e VII: 12.647,22 €.

– Grupo VIII: 10.539,35 €.

Para xornadas inferiores ás corenta horas realizarase o cálculo proporcional.

2º. Gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos: retribucións. Esta modalidade, de carácter excepcional, admitirase unicamente nos casos en que, polas especiais características do programa, non resulte axeitado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate polo persoal suxeito á normativa laboral. Estas retribucións quedarán tamén afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas no punto anterior.

3º. Axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non superen, no seu conxunto, o 3 por 100 do importe total subvencionable do programa, agás que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe na resolución de concesión da axuda.

4º. Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, sempre que non superen o 15 por 100 do importe total subvencionable do programa. Poderán imputarse os derivados de auditorías externas sobre a xestión do/s programa/s por parte da entidade.

2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de membros das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

3. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incurrir a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou programa subvencionado, tales como contratación de persoal, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles, sempre que non sexan achegados pola mesma persoa física ou xurídica.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia e Consellería de Administracións Públicas e Xustiza, por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 7. Iniciación do procedemento. Solicitudes

1. As entidades deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I dirixida á Secretaría Xeral da Igualdade, da Vicepresidencia e Consellería de Administracións Públicas e Xustiza, á cal se xuntará a documentación complementaria indicada no artigo seguinte. A súa presentación implica a aceptación da totalidade de prescricións previstas nesta resolución, así como na demais normativa aplicable.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

4. Na solicitude, anexo I, asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar os datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta resolución e demais normativa aplicable:

a) Identificación da entidade solicitante, da persoa representante, enderezo para notificacións, datos bancarios e identificación da persoa para as funcións de coordinación e comunicación.

b) Os datos do/s programa/s respecto do/s cales se solicita subvención: denominación, liña de actuación, colectivo destinatario e importe solicitado.

c) Declaracións sobre:

1º. Outras subvencións solicitadas ou concedidas, veracidade dos datos, inexistencia de causa que implique prohibición para ser beneficiario, cumprimento de requisitos, coñecemento de obrigas e acordo coas actuacións de control.

2º. Condicións do persoal contratado que vai participar no proxecto: inexistencia de sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil. Así como que as persoas voluntarias que van participar nel e que estean relacionadas con menores de idade non teñen antecedentes penais non cancelados por delitos de violencia doméstica ou de xénero, por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidade sexual do outro cónxuxe ou dos fillos/as, ou por delitos de tráfico ilegal ou inmigración clandestina de persoas, ou por delitos de terrorismo en programas cuxas persoas destinatarias fosen ou poidan ser vítimas destes delitos, en aplicación do previsto no artigo 8.4 da Lei 45/2015, do 14 de outubro, do voluntariado.

d) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación que exerce a persoa que asina a solicitude para actuar en nome da entidade cando se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

b) Memoria explicativa de cada programa (anexo II) respecto do que se solicita subvención.

c) Documento específico para a valoración da entidade (anexo III).

d) Documento específico para a valoración do/s programa/s (anexo IV).

e) Estatutos da entidade debidamente legalizados.

f) Documento de compromisos de execución asumidos por cada membro, e o importe da subvención que se vai aplicar a cada un, no caso das agrupacións sen personalidade xurídica.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada situada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento previsto nesta resolución corresponderalle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión de valoración.

Artigo 12. Emenda da solicitude e remisión da documentación ao correspondente órgano

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá á entidade solicitante para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida a súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. De conformidade co previsto no artigo 45 da dita lei, os requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.

2. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión de valoración.

Artigo 13. Comisión de valoración e proposta de resolución

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

– Presidencia: o/a subdirector/a xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue.

– Secretaría: exercerá a secretaría da comisión un/unha dos/das vogais da comisión.

– Vogalías: o/a subdirector/a xeral para o tratamento da violencia de xénero, o/a xefe/a do Servizo de Planificación e Programación, o/a xefe/a do Servizo de Fomento, o/a xefe/a do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional, o/a xefe/a do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas, e o/a xefe/a do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a comisión de valoración será substituída pola persoa designada pola presidencia da comisión.

2. A comisión de valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

3. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e pautas establecidos no artigo 14, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

2. A comisión procederá ao exame do contido da documentación co fin de determinar se as actuacións e os gastos que abranguen son susceptibles de subvención.

A orde de prelación para a concesión das subvencións determinarase en función da puntuación obtida por valoración dos criterios establecidos no artigo 14, non se poderá conceder subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 45 puntos.

Para a determinación do importe da axuda que corresponde a cada un dos programas que supere o limiar de puntuación mínima previsto no parágrafo anterior procederase do seguinte xeito:

– A comisión de valoración determinará cal é o orzamento subvencionable de cada programa, sendo este igual á axuda solicitada coa exclusión daqueles gastos que non sexan elixibles ou que non sexan estritamente necesarios para acadar a finalidade da subvención.

– Dentro de cada unha das dúas liñas de actuación establecidas no artigo 5, ordenaranse os programas segundo a puntuación total acadada, de maior a menor.

– En caso de que o importe total subvencionable dos programas dunha liña de actuación supere o importe consignado na convocatoria nesa liña, a Comisión de Valoración procederá ao rateo do crédito global da liña entre as entidades susceptibles de recibir a axuda, en proporción á puntuación total obtida e ao importe solicitado.

Posteriormente, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

3. No caso de que tras calcular o importe que correspondería a cada unha das entidades que terían a condición de beneficiaria quedase saldo de crédito dispoñible e fose insuficiente o previsto noutra/s aplicación/s segundo o establecido no artigo 2, o importe resultante poderá ser obxecto de modificación orzamentaria, se é o caso, co fin de financiar programas a través deste/s último/s.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible segundo o establecido no artigo 2 desta convocatoria, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución complementarias seguindo a orde de puntuación obtida.

Artigo 14. Criterios de valoración

Para a adxudicación das subvencións teranse en conta os criterios obxectivos de valoración e a ponderación deles que a continuación se relacionan:

a) Criterios obxectivos de valoración das entidades solicitantes (anexo III).

1º. Implantación (máximo de 10 puntos): maior ámbito territorial das actuacións e programas realizados pola entidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia nos últimos dous anos.

Para estes efectos, outorgaranse:

– Ás entidades que desenvolvan actuacións en dúas provincias: 5 puntos.

– Ás entidades que desenvolvan actuacións en tres provincias: 7,5 puntos.

– Ás entidades que desenvolvan actuacións en catro provincias: 10 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta o seu ámbito territorial.

2º. Experiencia na xestión e execución de programas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia: (máximo 10 puntos): valorarase a especialización e experiencia na xestión e execución de programas de similar natureza aos programas para os que solicita subvención nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria. Para estes efectos, outorgaranse:

– Ás entidades que teñan unha experiencia dun ano: 2 puntos.

– Ás entidades que teñan unha experiencia de dous anos: 4 puntos.

– Ás entidades que teñan unha experiencia de tres anos: 6 puntos.

– Ás entidades que teñan unha experiencia de catro anos: 8 puntos.

– Ás entidades que teñan unha experiencia de cinco anos: 10 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a experiencia da propia confederación, federación ou agrupación, ou a das entidades que a integren, tendo en conta neste último caso que para acadar a puntuación anterior deben contar coa experiencia exixida en cada un dos tramos anteriores, un mínimo do 30 % das entidades integrantes.

3º. Calidade na xestión da entidade (máximo de 1,5 puntos): valorarase con 1,5 puntos ás entidades que conten con certificados de calidade en vigor en base á norma ONG con calidade, ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a máxima puntuación outorgase cando estas ou todas as entidades que as integran teñan o certificado. Noutro caso a puntuación outorgase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan co certificado: 0,5 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan co certificado: 1 punto.

– Máis do 70 % das entidades contan co certificado: 1,5 puntos.

4º. Auditoría externa (máximo de 1,5 puntos): valorarase con 1,5 puntos á entidade que conte con auditoría externa de contas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a máxima puntuación outorgase cando estas ou todas as entidades que as integran estean sometidas a auditoría externa. Noutro caso a puntuación outorgase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades están sometidas a auditoría: 0,5 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades están sometidas a auditoría: 1 punto.

– Máis do 70 % das entidades están sometidas a auditoría: 1,5 puntos.

5º. Orzamento (máximo de 4 puntos): valorarase o volume do orzamento da entidade no último ano (exercicio 2017) ou da súa delegación na Comunidade Autónoma de Galicia cando esta sexa de ámbito nacional, de acordo coa seguinte distribución:

– Orzamento anual de importe superior a 25.000,00 euros e igual ou inferior a 100.000,00 euros: 1 punto.

– Orzamento anual de importe superior a 100.000,00 euros e igual ou inferior a 250.000,00 euros: 2 puntos.

– Orzamento anual de importe superior a 250.000,00 euros e igual ou inferior a 500.000,00 euros: 3 puntos.

– Orzamento anual de importe superior a 500.000,00 euros: 4 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do orzamento de todas as entidades que as integran.

6º. Financiamento obtido doutras institucións (máximo de 1 punto): valorarase o volume de ingresos procedente do financiamento obtido doutras entidades públicas ou privadas, de acordo cos seguintes tramos:

– 0,5 puntos ás entidades con, cando menos, o 5 por cento e ata o 10 por cento do seu orzamento obtido con financiamento alleo.

– 1 punto ás entidades con, cando menos, o 10 por cento do seu orzamento obtido con financiamento alleo.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de financiamento obtido por todas as entidades que a integran respecto do orzamento total de todas elas.

7º. Participación social e voluntariado: (máximo de 3 puntos). Valorarase o maior número de persoas voluntarias inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia por parte da entidade solicitante, sempre e cando a dita entidade actúe nas mesmas áreas de actividade obxecto desta resolución, de acordo co seguinte criterio:

– De 1 a 20 persoas voluntarias: 1 punto.

– De 21 a 50 persoas voluntarias: 1,5 puntos.

– De 51 a 100 persoas voluntarias: 2 puntos.

– De 101 a 200 persoas voluntarias: 2,5 puntos.

– Máis de 200 persoas voluntarias: 3 puntos.

Para estes efectos, teranse en conta os datos de inscrición no dito rexistro na data de publicación desta resolución.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do número de persoas voluntarias coas que contan todas as entidades que as integran, sempre e cando as ditas entidades actúen nas mesmas áreas de actividade obxecto desta resolución.

8º. Adecuación de recursos humanos (máximo de 9 puntos): valorarase o persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme os seguintes criterios:

8º.1. Volume de recursos humanos: valorarase o número de persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– De 3 e ata 10 traballadores: 1,5 puntos.

– Máis de 10 e ata 50 traballadores: 2 puntos.

– Máis de 50 e ata 100 traballadores: 2,5 puntos.

– Máis de 100 traballadores: 3 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta o número total de traballadores de todas as entidades que as integran.

8º.2. Proporción do persoal asalariado con contrato indefinido da entidade.

– Ata o 50 %: 0,5 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 %: 0,75 puntos.

– Máis do 70 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de contratos indefinidos de todas as entidades en relación co cadro de persoal laboral de todas elas.

8º.3. Proporción do emprego de persoas con discapacidade en relación co número total de persoas remuneradas.

– Desde o 2 % ata o 10 %: 0,5 puntos.

– Máis do 10 % e ata o 20 %: 0,75 puntos.

– Mais do 20 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoas con discapacidade contratadas por todas as entidades en relación co cadro de persoal de todas elas.

8º.4. Emprego de persoas perceptoras de Risga ou que se atopen en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia: outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada polo menos a unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións a puntuación máxima se outorga cando todas as entidades que as integran teñan contratado cando menos a unha persoa en situación ou risco de exclusión social. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,50 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,75 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 1 punto.

8º.5. Emprego de mulleres vítimas de violencia de xénero: outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada cando menos a unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións a puntuación máxima se outorga cando todas as entidades que as integran teñan contratado, cando menos, unha muller vítima de violencia de xénero. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo cos seguintes criterios:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,50 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,75 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 1 punto.

8º.6. Emprego de persoas maiores de 45 anos: valoraranse as contratacións destas persoas nos últimos dous anos sobre o total das contratacións realizadas, de acordo cos criterios seguintes:

– Máis do 10 % e ata o 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 0,5 puntos.

– Máis do 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións para a puntuación terase como referencia o número de contratacións de persoas empregadas maiores de 45 anos realizadas por todas as entidades que as integran en relación co total de contratacións dos últimos dous anos.

8º.7. A existencia nas entidades de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan, entre outras medidas, o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral valorarase con 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a máxima puntuación outorgarase cando todas as entidades que as integran contan con plans de igualdade. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,50 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,75 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 1 punto.

b) Criterios obxectivos de valoración dos programas (anexo IV):

1º. Calidade técnica do programa (ata 41 puntos):

1º.1. Diagnóstico social: ata 2 puntos. Valorarase que o programa conte cun diagnóstico social da situación sobre a que se pretende intervir e a calidade del.

1º.2. Obxectivos do programa: ata 5 puntos. Valoraranse os obxectivos que se pretenden acadar pola entidade solicitante, o impacto do proxecto, o número de persoas usuarias e a poboación á cal van dirixidos.

1º.3. Contido técnico do programa: ata 26 puntos. Valorarase o contido técnico do programa e a súa adecuación ao obxectivo proposto, a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, o calendario de realización, a adecuación dos recursos humanos, dos medios estruturais, materiais e técnicos para o desenvolvemento e xestión do programa, así como os indicadores de seguimento e avaliación do mesmo.

1º.4. Innovación: ata 8 puntos. Valoraranse os programas innovadores, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas polos recursos de carácter público ou cando incorporen novas tecnoloxías ou sistemas de organización e xestión que acheguen un maior valor ao programa.

2º. Ámbito do programa (ata 14 puntos):

2º.1. Ámbito temporal: ata 10 puntos. Valoraranse con 2 puntos por cada ano aqueles programas que, sendo continuidade doutros financiados nalgún dos últimos cinco anos anteriores no marco destas subvencións, garanten a continuidade de atención ás persoas destinatarias, cando pola súa vulnerabilidade, a interrupción deles poda provocar situacións de grave empeoramento da súa situación persoal, social ou económica.

2º.2. Ámbito territorial: ata 4 puntos. Valorarase o ámbito territorial da actuación que se vai realizar, conforme a seguinte escala:

– As actuacións que se desenvolvan en dúas provincias: 1 punto.

– As actuacións que se desenvolvan en tres provincias: 2 puntos.

– As actuacións que se desenvolvan en catro provincias: 3 puntos.

No caso de que os programas se desenvolvan en concellos cualificados como zonas pouco poboadas (ZPP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, outorgarase 1 punto adicional.

3º. Cofinanciación do programa: valoraranse con 3 puntos os programas que conten con outras fontes de financiamento público e/ou privado.

4º. Corresponsabilidade no financiamento do programa: valoraranse con 2 puntos os programas cofinanciados pola propia entidade.

Artigo 15. Resolución

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta convocatoria serán ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade e, no caso de que o seu contido sexa a concesión de subvención, despois da fiscalización pola Intervención Delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o dito prazo sen que recaia resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

3. En aplicación do disposto no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe da axuda da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar á entidade beneficiaria a que, nun prazo de dez días, reformule a solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención proposta e/ou formule as alegacións que xulgue pertinentes. En calquera caso, a reformulación deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer a viabilidade do programa, polo que se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

Artigo 16. Notificacións

1. De acordo co disposto no artigo 45 da Lei 29/2015, do 1 de outubro, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, os actos administrativos que afecten as entidades interesadas serán obxecto de publicación e esta producirá os efectos de notificación. A publicación realizarase a través do Diario Oficial de Galicia, e tamén poderá figurar a efectos de publicidade na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade (http://igualdade.xunta.gal). Excepcionalmente, no suposto de existir imposibilidade de realizar a publicación, efectuaranse notificacións de acordo co reflectido nos parágrafos seguintes.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) hábiles a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultaren sobrantes por causa de renuncia poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións segundo o determinado no artigo 13.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 31.1 ás que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Así mesmo, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e a finalidade da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez recaída a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecte a actuación subvencionable e non dea lugar á execución deficiente e/ou incompleta. Será de aplicación o seguinte:

a) A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade e a esta xuntarase:

1º. Memoria xustificativa.

2º. Relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

3º. Orzamento modificado, se é o caso.

b) Poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros.

c) Non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveran lugar con posterioridade a ela.

d) Cando implique modificación do importe total concedido, tramitarase conxuntamente coa do expediente de gasto.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

4. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non afecten esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen ter dado lugar á modificación da resolución téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación polo órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. A Administración poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia de erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta resolución estarán obrigadas a:

a) Executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e cumprir o seu obxectivo.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, de acordo co establecido no artigo 23.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Conservar os documentos xustificativos orixinais da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

h) Incorporar de forma visible no material de difusión dos programas subvencionados o seu financiamento público.

i) Ter subscrito unha póliza de seguro de accidentes e de enfermidade e de responsabilidade civil a favor do persoal voluntario que participe nos programas subvencionados conforme o previsto nos artigos 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

j) Cumprir coa obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

k) Calquera outra obriga imposta ás entidades beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta resolución.

Artigo 22. Pagamento

O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución e, en todo caso, na anualidade 2018.

Artigo 23. Xustificación: obxecto, prazo e documentación

1. O programa e actuacións que abrangue deberá coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas modificacións autorizadas e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

2. Só será subvencionable o gasto realizado que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación determinado no punto seguinte respecto do que se xustifique o pagamento, segundo o disposto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, mediante extractos ou certificacións bancarias asinados e selados nos cales deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura e a súa data.

3. A documentación xustificativa presentarase ante a Secretaría Xeral da Igualdade con data límite o 15 de febreiro de 2020.

4. A documentación que deberá achegarse será a seguinte:

As entidades poderán optar, á súa elección, por realizar a xustificación a través da conta xustificativa con achega de xustificantes de gasto, regulada no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ou a través de conta xustificativa con achega de informe de auditoría.

a) No caso de presentar a xustificación a través de conta xustificativa con achega de xustificantes de gasto, deberán xuntar:

1º. Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención.

2º. Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pagamento.

3º. Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

4º. Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

5º. Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, terá que presentar copia compulsada do expediente de contratación, de ser o caso, e, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

b) As entidades que opten por realizar a xustificación a través de conta xustificativa con achega de informe de auditoría, de acordo co regulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a verificación que debe realizar a auditoría de contas, en todo caso, terá o seguinte alcance:

1º. O cumprimento por parte das entidades beneficiarias das obrigas establecidas nesta resolución e no resto da normativa que lle é de aplicación na xestión e aplicación da subvención.

2º. A adecuada e correcta xustificación da subvención por parte das entidades beneficiarias.

3º. A realidade e a regularidade das operacións que, de acordo coa xustificación presentada polas entidades beneficiarias, foron financiadas coa subvención.

4º. O adecuado e correcto financiamento das actividades subvencionadas.

5º. Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

6º. Ademais terán que presentar unha memoria das actuacións realizadas en desenvolvemento do/s programa/s realizado/s.

Artigo 24. Incumprimento, reintegro, infraccións e sancións

1. Ás entidades beneficiarias das subvencións recollidas na presente resolución, seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento dos gastos realizados nos termos establecidos no artigo 23 desta resolución: reintegro do 2 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa de ata 10 días, do 10 % no caso de que o atraso sexa superior a 10 días e inferior a 20 días, e do 100 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa igual ou superior a 20 días.

c) Non dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento nos termos establecidos na letra j) do artigo 21: reintegro do 2 % da axuda concedida.

d) Aplicación da subvención a conceptos de gasto e a ámbitos territoriais doutras comunidades autónomas ou a programas diferentes aos que figuran na solicitude: reintegro do 100 % da axuda concedida.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nos puntos anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto no artigo 14.4. do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, a entidade beneficiaria poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda Pública Galega. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución, e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado deberase informar a Secretaría Xeral da Igualdade da devolución voluntaria realizada.

Artigo 25. Comprobación, inspección e control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta resolución.

Poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta resolución. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

2. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Remisión normativa

Respecto de todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

f) Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

g) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

h) Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

i) Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

j) Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

k) Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.

l) Lei 12/2016, do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

m) Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro, polo que se aproba o Programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero.

n) Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

o) Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Comunidade autónoma de Galicia.

Artigo 27. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento poderase obter información a través do teléfono 012, e/ou nos enderezos electrónicos promocion.igualdade@xunta.gal e vx.igualdade@xunta.gal da Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 28. Información básica sobre protección de datos persoais.

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza– coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en:

https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2018

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file