A Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018, establece no artigo 24 o procedemento de instrución das solicitudes. Nel non se inclúe a posibilidade de notificar mediante publicacións tal e como recolle a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no seu artigo 45.
Por outra banda, no artigo 42 da Orde do 28 de decembro de 2017 dispón que a primeira anualidade dos investimentos obxecto das subvencións concedidas a través das liñas 1-Común e 1-Sofor deberá ser executada, pagada e xustificada con data límite do 10 de outubro de 2018.
Considerando a escasa marxe existente para poder conceder e executar a primeira anualidade, considérase necesario axilizar os trámites da instrución notificando mediante publicacións e ampliar o prazo sinalado no parágrafo anterior, modificacións que non prexudican dereitos de terceiros.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación dos artigos 24 e 42 da Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020
Un. O número 8 do artigo 24 queda redactado da seguinte maneira:
«8. O órgano instrutor, con anterioridade á proposta de resolución de concesión da subvención, de acordo co facultado no artigo 20.4 da Lei 9/2007, requiriralles aos solicitantes para os que se propón provisionalmente a concesión da subvención a presentación, nun prazo de quince (15) días hábiles de acordo co artigo 30.2 da Lei 39/2015, da documentación que se relaciona no anexo XIII.
Este requirimento efectuarase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia. O prazo contarase a partir do día seguinte ao da publicación».
Dous. Engádese o número 6 ao artigo 25 coa seguinte redacción:
«6. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación producirá os efectos dunha notificación, polo que deberá conter os elementos que exixe o artigo 40.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».
Tres. O artigo 42 queda redactado do seguinte modo:
«A primeira anualidade dos investimentos obxecto das subvencións concedidas a través das liñas 1-Común e 1-Sofor deberá ser executada, pagada e xustificada con data límite do 31 de outubro de 2018. Este prazo máximo é improrrogable».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2018
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural