Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 25 de setembro de 2018 Páx. 43327

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado por esta consellería.

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, de xeito que, tal e como recolle o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle á dita consellería propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no dito ámbito.

As subvencións con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF constitúen unha vía esencial de sustentamento das axudas públicas para a realización de programas de interese xeral, que en Galicia permitiu a execución, no ano 2017, de investimentos e programas cun financiamento superior aos 11 millóns de euros, o que permite concluír que esta actividade subvencional da Administración constitúe na nosa comunidade un verdadeiro instrumento de vertebración social no marco da asignación tributaria que a cidadanía realiza na súa declaración anual da renda.

Nesta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Existe crédito dispoñible para esta finalidade na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, cuxo obxecto sexa o sinalado no artigo 5.

2. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. Terá o código BS623D para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2018, crédito por importe total de dez millóns cincocentos setenta e nove mil cento cincuenta euros (10.579.150 €), consignado nas aplicacións orzamentarias seguintes en función das liñas de actuación subvencionables relacionadas no artigo 5:

Liñas de actuación

Aplicación

Importe €

Liña I. Actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica

12.02.312B.481.1

891.032,00

Liña II. Actuacións de inclusión social

12.03.313C.481.6

3.607.450,00

Liña III. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas maiores ou con discapacidade

12.04.312E.481.1

4.713.947,00

Liña IV. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou con discapacidade

12.04.312E.781.1

831.872,00

Liña V. Actuacións destinadas á xuventude

12.05.313A.481.0

249.828,00

Liña VI. Actuacións destinadas ao voluntariado

12.05.312F.481.0

285.021,00

Total

10.579.150,00

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. Así mesmo, poderase reaxustar o crédito entre as distintas aplicacións orzamentarias no caso de resultar remanente nalgunha delas segundo o previsto no artigo 13.3, despois da tramitación da correspondente modificación, de ser o caso.

Artigo 3. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, agás aquelas da mesma natureza que se outorguen pola Administración xeral do Estado en virtude das súas competencias e sen prexuízo daqueles gastos que poidan ser imputables ás subvencións que se concedan nos respectivos ámbitos.

2. O importe da subvención concedida non poderá ser en ningún caso de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo do correspondente programa. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para a mesma finalidade concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. En todo caso, deberá/n facerse constar de forma clara o/os concepto/s de gasto/s afectado/s, así como o/os importe/s imputados/s a cada unha delas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social e a Cruz Roja Española sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. A/as entidade/s solicitante/s deberá/n de estar inscrita/s no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), no Rexistro de Entidades Xuvenís ou ben no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes establecido no artigo 7.3. En todo caso, a entidade deberá de estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu cometido con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización das actividades consideradas subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.

f) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico deberán de solicitar as axudas a través de estas.

g) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materias necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no parágrafo anterior.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención a aplicar a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.

4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Artigo 5. Programas e actuacións subvencionables

As subvencións destinaranse a programas de interese xeral que teñan fins de carácter social. O contido dos programas deberá axustarse ás liñas de actuación sinaladas a continuación, segundo a tipoloxía de cada programa:

a) Liña I. Actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica.

b) Liña II. Actuacións de inclusión social.

c) Liña III. Actuacións destinadas á atención, promoción da autonomía persoal e apoio das persoas maiores ou a persoas con discapacidade.

d) Liña IV. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou a persoas con discapacidade.

e) Liña V. Actuacións destinadas á xuventude.

f) Liña VI. Actuacións destinadas ao voluntariado.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Para os efectos desta orde, consideraranse como gastos subvencionables os que conten coas seguintes características:

a) Que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios.

b) Que se efectúen durante o ano 2019 e sexan efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 23.

c) Que teñan a seguinte natureza:

1º. Gastos do persoal laboral da entidade: custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á empresa. As retribucións estarán limitadas polas contías determinadas para os diferentes grupos de cotización á Seguridade Social segundo a seguinte táboa salarial, referidos a catorce pagas anuais para unha xornada semanal de corenta horas:

– Grupo I: 31.619,06 €.

– Grupo II: 25.295,45 €.

– Grupo III: 22.133,14 €.

– Grupo IV: 18.970,83 €.

– Grupo V: 15.809,53 €.

– Grupos VI e VII: 12.647,22 €.

– Grupo VIII: 10.539,35 €.

Para xornadas inferiores ás corenta horas realizarase o cálculo proporcional.

2º. Gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos: retribucións. Esta modalidade, de carácter excepcional, admitirase unicamente nos casos en que, polas especiais características do programa, non resulte axeitado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate polo persoal suxeito á normativa laboral.

Estas retribucións quedarán tamén afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas no punto anterior.

3º. Axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 3 por 100 do importe total subvencionable do programa, agás que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe na resolución de concesión da axuda.

4º. Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, sempre que non superen o 15 por 100 do importe total subvencionable do programa. Poderán imputarse os derivados de auditorías externas sobre a xestión do/dos programa/s por parte da entidade.

5º. Gastos de investimento referidos a equipamento, obras de adaptación e rehabilitación e adquisición de vehículos adaptados, no caso da liña de actuación IV: proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou con discapacidade.

2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de membros das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

3. Atendendo á natureza das actividades, a entidade beneficiaria poderá levar a cabo a súa subcontratación, mediando sempre autorización e sen exceder o 50 por 100 do importe do programa subvencionado e que se axustará, en todo caso, ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 7. Iniciación do procedemento. Solicitudes

1. As entidades deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo II dirixida á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, á que se acompañará a documentación complementaria indicada no artigo seguinte. A súa presentación implica a aceptación da totalidade de prescricións previstas nesta orde, así como na demais normativa aplicable.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

4. Na solicitude, anexo II, asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta orde e demais normativa aplicable:

a) Identificación do solicitante, do/da representante, enderezo para notificacións, datos bancarios e identificación da persoa para as funcións de coordinación e comunicación.

b) Os datos do/dos programa/s respecto do/dos que se solicita subvención: denominación, código de prioridade, colectivo destinatario e importe solicitado.

c) Declaracións sobre:

1º. Outras subvencións solicitadas ou concedidas, veracidade dos datos, inexistencia de causa que implique prohibición para ser beneficiario, cumprimento de requisitos, coñecemento de obrigas e acordo coas actuacións de control.

2º. Condicións do persoal contratado que vai participar no proxecto: inexistencia de sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil, así como que as persoas voluntarias que van participar nel e que estean relacionadas con menores de idade non teñen antecedentes penais non cancelados por delitos de violencia doméstica ou de xénero, por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidade sexual do outro cónxuxe ou dos/das fillos/as, ou por delitos de tráfico ilegal ou inmigración clandestina de persoas, ou por delitos de terrorismo en programas cuxas persoas destinatarias fosen ou poidan ser vítimas destes delitos, en aplicación do previsto no artigo 8.4 da Lei 45/2015, do 14 de outubro, do voluntariado.

d) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no artigo 9.1.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria de cada programa respecto do que se solicita subvención (anexo III).

b) Memoria do Investimento (anexo IV), se é o caso.

c) Documento específico para valoración das entidades (anexo V).

d) Documento específico para valoración dos programas (anexo VI).

e) No caso de agrupacións sen personalidade xurídica, documento dos compromisos de execución asumidos por cada membro, e o importe da subvención que se vai aplicar a cada un.

f) Estatutos da entidade debidamente legalizados.

g) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no rexistro administrativo da Comunidade Autónoma ou que no dito rexistro esta se atribúa a persoa distinta á designada.

h) Documentación acreditativa dos requisitos establecidos no anexo I:

1º. Para a liña II:

1.1º. Declaración responsable de atoparse as persoas beneficiarias en risco ou situación de exclusión social.

1.2º. Para os programas que se realicen en centros penais, autorización da dirección dos centros de que se trate.

2º. Para a liña IV:

2.1º. Execución de obras:

2.1.1º. Documento acreditativo de titularidade suficiente sobre o inmoble, contrato de arrendamento ou documento de cesión, segundo o caso.

2.1.2º. Proxecto ou anteproxecto de obras.

2.1.3º. Informe sobre viabilidade urbanística e acreditación da posibilidade legal de obter licenzas e permisos necesarios.

2.1.4º. En caso de proxectos de investimentos financiados en convocatorias anteriores:

2.1.4.1º. Declaración do representante da entidade de que o proxecto non sufriu reformas nin revisións ou variacións no prezo inicial.

2.1.4.2º. Certificado do director facultativo relativo á execución da obra realizada, ou do representante legal da entidade executante, se é o caso.

2.1.4.3º. Memoria sobre a execución dos investimentos e o grao de cumprimento dos obxectivos previstos, á data de publicación da convocatoria.

2.2º. Adquisición de bens inmobles:

2.2.1º. Orzamento detallado.

2.2.2º. Certificado do taxador independente debidamente acreditado, inscrito no correspondente rexistro oficial ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, no que se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.

2.3º. Adquisición de subministracións, equipamentos ou vehículos.

2.3.1º. Orzamento da casa subministradora, con indicación do custo por unidade e do importe total das adquisicións que se pretenden realizar.

3º. Para a liña VI:

3.1º. Declaración responsable de subscribir contrato de seguro de responsabilidade civil e accidentes que cubra as persoas voluntarias durante a duración do programa.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada situada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento corresponderalle a unha comisión integrada por unha persoa funcionaria en representación de cada un dos órganos competentes por razón da materia. A Secretaría Xeral Técnica da consellería solicitaralles aos ditos órganos a correspondente designación. A comisión realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

Artigo 12. Emenda da solicitude e remisión da documentación ao correspondente órgano

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co previsto no artigo 45 da dita lei, os requirimentos de emenda deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

2. Revisada a documentación inicial e, de ser o caso, realizado o trámite de emenda, a citada unidade procederá a:

a) Elevar ás persoas titulares das direccións xerais correspondentes un informe no que se reflictan os expedientes susceptibles de resolución de inadmisión e de declaración ou aceptación de desistencia, con indicación das circunstancias que concorran, co fin de que desde aquelas se formulen as correspondentes propostas de resolución.

b) Remitirlle á comisión de valoración prevista no artigo seguinte aqueles respecto dos que se verificase a presentación da documentación en prazo e forma e o cumprimento de requisitos previos.

Artigo 13. Comisión de valoración e proposta de resolución

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes admitidas serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

a) Presidente/a: un/unha representante da Consellería de Política Social con nivel de subdirección xeral.

b) Vogais: un/unha representante con nivel de xefe de servizo de cada unha das dirección xerais competentes en materia de:

1º. Familia, infancia e dinamización demográfica.

2º. Inclusión social.

3º. Maiores e persoas con discapacidade.

4º. Xuventude, participación e voluntariado.

c) Secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a por proposta da persoa titular da presidencia.

No caso de ausencia dalgunha/s da/das persoa/s que a integra/n, será/n substituída/s pola persoa designada polo/a presidente/a.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. A comisión procederá ao exame do contido da documentación co fin de determinar se as actuacións e os gastos que abranguen son susceptibles de subvención.

– A orde de prelación para a concesión das subvencións determinarase en función da puntuación obtida por valoración dos criterios establecidos no artigo 14 e non se poderá conceder subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 50 puntos.

Para a determinación do importe da axuda que corresponde a cada un dos programas que supere o limiar de puntuación mínima previsto no punto anterior, procederase do seguinte modo:

– A comisión de valoración determinará cal é o orzamento subvencionable de cada programa; este será igual á axuda solicitada coa exclusión daqueles gastos que non sexan elixibles ou que non sexan estritamente necesarios para acadar a finalidade da subvención.

– Dentro de cada unha das liñas de actuación establecidas no artigo 5, ordearanse os programas segundo a puntuación total acadada, de maior a menor.

– En caso de que o importe total subvencionable dos programas dunha liña de actuación superase o importe consignado na convocatoria nesa liña, o comité de valoración procederá ao rateo do crédito global da líña entre as entidades susceptibles de recibir a axuda, en proporción á puntuación total obtida e ao importe solicitado.

Posteriormente, a comisión de valoración emitirá un informe cos resultados da citada avaliación que presentará ás persoas titulares das direccións xerais e estas formularán a correspondente proposta de resolución.

3. No caso de que, tras calcular o importe que correspondería a cada unha das entidades que poden obter a condición de beneficiaria, quedase saldo de crédito dispoñible e fose insuficiente o previsto noutra/s aplicación/s, segundo o establecido no artigo 2, o importe resultante poderá ser obxecto de modificación orzamentaria, se é o caso, co fin de financiar programas a través deste/s último/s.

Artigo 14. Criterios de valoración

Para a adxudicación das subvencións teranse en conta os criterios obxectivos de valoración e a ponderación deles que a seguir se relacionan:

a) Criterios obxectivos de valoración das entidades solicitantes.

1º. Implantación (máximo de 10 puntos): valorarase o maior ámbito territorial das actuacións e programas realizados pola entidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia nos últimos dous anos.

Para estes efectos, outorgaranse:

– Ás entidades que desenvolvan actuacións en dúas provincias: 5 puntos.

– Ás entidades que desenvolvan actuacións en tres provincias: 7,5 puntos.

– Ás entidades que desenvolvan actuacións en catro provincias: 10 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta o seu ámbito territorial.

2º. Experiencia na xestión e execución de programas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (máximo 10 puntos): valorarase a especialización e experiencia na xestión e execución de programas sociais de similar natureza aos programas para os que solicita subvención nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria. Para estes efectos outorgaranse:

– Ás entidades que teñan unha experiencia dun ano: 2 puntos.

– Ás entidades que teñan unha experiencia de dous anos: 4 puntos.

– Ás entidades que teñan unha experiencia de tres anos: 6 puntos.

– Ás entidades que teñan unha experiencia de catro anos: 8 puntos.

– Ás entidades que teñan unha experiencia de cinco anos: 10 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a experiencia da propia confederación, federación ou agrupación, ou a das entidades que a integren, e terase en conta neste último caso que para acadar a puntuación anterior deben contar coa experiencia exixida en cada un dos tramos anteriores un mínimo do 30 % das entidades integrantes.

3º. Calidade na xestión da entidade (máximo de 1,5 puntos): valorarase con 1,5 puntos ás entidades que conten con certificados de calidade en vigor en base á norma ONG con calidade, ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a máxima puntuación outorgarase cando estas ou todas as entidades que as integran teñan o certificado. Noutro caso a puntuación outorgase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan co certificado: 0,5 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan co certificado: 1 punto.

– Máis do 70 % das entidades contan co certificado: 1,5 puntos.

4º. Auditoría externa (máximo de 1,5 puntos): valorarase con 1,5 puntos á entidade que conte con auditoría externa de contas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a máxima puntuación outorgase cando estas ou todas as entidades que as integran estean sometidas a auditoría externa. Noutro caso a puntuación outorgase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades están sometidas a auditoría: 0,5 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades están sometidas a auditoría: 1 punto.

– Máis do 70 % das entidades están sometidas a auditoría: 1,5 puntos.

5º. Orzamento (máximo de 4 puntos): valorarase o volume do orzamento da entidade no último ano, ou da súa delegación na Comunidade Autónoma de Galicia cando esta sexa de ámbito nacional, de acordo coa seguinte distribución:

– Orzamento anual de importe superior a 25.000,00 euros e igual ou inferior a 100.000,00 euros: 1 punto.

– Orzamento anual de importe superior a 100.000,00 euros e igual ou inferior a 250.000,00 euros: 2 puntos.

– Orzamento anual de importe superior a 250.000,00 euros e igual ou inferior a 500.000,00 euros: 3 puntos.

– Orzamento anual de importe superior a 500.000,00 euros: 4 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do orzamento de todas as entidades que as integran.

6º. Financiamento obtido doutras institucións (máximo de 1 punto): valorarase o volume de ingresos procedente do financiamento obtido doutras entidades públicas ou privadas, de acordo cos seguintes tramos:

a) 0,5 puntos ás entidades con, cando menos, o 5 por cento e ata o 10 por cento do seu orzamento obtido con financiamento alleo.

b) 1 punto ás entidades con, cando menos, o 10 por cento do seu orzamento obtido con financiamento alleo.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de financiamento obtido por todas as entidades que a integran respecto do orzamento total de todas elas.

7º. Participación social e voluntariado (máximo de 3 puntos). Valorarase o maior número de persoas voluntarias inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia por parte da entidade solicitante, sempre e cando as ditas entidades actúen nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde, de acordo co seguinte criterio:

– De 1 a 20 persoas voluntarias: 1 punto.

– De 21 a 50 persoas voluntarias: 1,5 puntos.

– De 51 a 100 persoas voluntarias: 2 puntos.

– De 101 a 200 persoas voluntarias: 2,5 puntos.

– Máis de 200 persoas voluntarias: 3 puntos.

Para tal efecto, teranse en conta os datos de inscrición no dito rexistro na data de publicación desta orde.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do número de voluntarios cos que contan todas as entidades que as integran, sempre e cando as ditas entidades actúen nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde.

8º. Adecuación de recursos humanos (máximo de 9 puntos): valorarase o persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme os seguintes criterios:

8.1º. Volume de recursos humanos: valorarase o número de persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– De 3 e ata 10 traballadores: 1,5 puntos.

– Máis de 10 e ata 50 traballadores: 2 puntos.

– Máis de 50 e ata 100 traballadores: 2,5 puntos.

– Máis de 100 traballadores: 3 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta o número total de traballadores de todas as entidades que as integran.

8.2º. Proporción do persoal asalariado con contrato indefinido da entidade.

– Ata o 50 %: 0,5 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 %: 0,75 puntos.

– Máis do 70 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de contratos indefinidos de todas as entidades en relación co cadro de persoal laboral de todas elas.

8.3º. Proporción do emprego de persoas con discapacidade en relación co número total de persoas remuneradas.

– Desde o 2 % ata o 10 %: 0,5 puntos.

– Máis do 10 % e ata o 20 %: 0,75 puntos.

– Mais do 20 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoas con discapacidade contratadas por todas as entidades en relación co cadro de persoal laboral de todas elas.

8.4º. Emprego de persoas perceptoras de Risga ou que se atopen en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia: outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada, cando menos, unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando todas as entidades que as integran teñan contratado, cando menos, unha persoa en situación ou risco de exclusión social. Noutro caso a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,50 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,75 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 1 punto.

8.5º. Emprego de mulleres vítimas de violencia de xénero que non estean en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia: outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada, cando menos, unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións a puntuación máxima se outorga cando todas as entidades que as integran teñan contratado, cando menos, a unha muller vítima de violencia de xénero. Noutro caso a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,50 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,75 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 1 punto.

8.6º. Emprego de maiores de 45 anos: valoraranse as contratacións destas persoas nos últimos dous anos sobre o total das contratacións realizadas, de acordo con criterios seguintes:

– Máis do 10 % e ata o 23 % de de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 0,5 puntos.

– Máis do 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións para a puntuación terase como referencia o número de contratacións de empregados maiores de 45 anos realizados por todas as entidades que as integran en relación co total de contratacións dos últimos dous anos.

8.7º. A existencia nas entidades de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan entre outras medidas o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral valorarase con 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a máxima puntuación outorgarase cando todas as entidades que as integran contan con plans de igualdade. Noutro caso a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,50 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,75 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 1 punto.

b) Criterios obxectivos de valoración dos programas.

1º. Calidade técnica do programa (ata 41 puntos):

1.1º. Diagnóstico social: ata 6 puntos. Valorarase que o programa conte cun diagnóstico social da situación sobre a que se pretende intervir e a calidade deste.

1.2º. Obxectivos do programa: ata 10 puntos. Valoraranse os obxectivos que se pretenden acadar pola entidade solicitante, o impacto do proxecto, o número de usuarios e a poboación á que van dirixidos.

1.3º. Contido técnico do programa: ata 20 puntos. Valorarase o contido técnico do programa e a súa adecuación ao obxectivo proposto, a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, o calendario de realización, a adecuación dos recursos humanos, dos medios estruturais, materiais e técnicos para o desenvolvemento e xestión do programa, así como os indicadores de control e avaliación deste.

1.4º. Innovación: ata 5 puntos. Valoraranse os programas innovadores, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas polos recursos do sistema de servizos sociais ou cando incorporen novas tecnoloxías ou sistemas de organización e xestión que acheguen un maior valor ao programa.

2º. Ámbito do programa (ata 14 puntos):

2.1º. Ámbito temporal: ata 10 puntos. Valoraranse con 2 puntos por cada ano aqueles programas que, sendo continuidade doutros financiados nalgún dos últimos cinco anos anteriores no marco destas subvencións, garanten a continuidade de atención ás persoas destinatarias, cando pola súa vulnerabilidade, a interrupción destes poida provocar situacións de grave empeoramento da súa situación persoal, social ou económica.

No caso de programas cuxa finalidade sexa a de financiar investimentos, 10 puntos, outorgaranse a aqueles proxectos que teñan sido subvencionados anteriormente e que non se tivesen finalizado na súa totalidade.

2.2º. Ámbito territorial: ata 4 puntos. Valorarase o ámbito territorial da actuación a realizar,conforme a seguinte escala:

– As actuacións que se desenvolvan en dúas provincias: 1 punto.

– As actuacións que se desenvolvan en tres provincias: 2 puntos.

– As actuacións que se desenvolvan en catro provincias: 3 puntos.

No caso de que os programas se desenvolvan en áreas rurais e/ou áreas rurais de alta dispersión de acordo co Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento (DOG núm. 63, do 30 de marzo) outorgarase 1 punto.

3º. Cofinanciación do programa: valoraranse con 3 puntos aos programas que conten con outras fontes de financiamento público e/ou privado.

4º. Corresponsabilidade no financiamento do programa: valoraranse con 2 puntos os programas cofinanciados pola propia entidade.

Artigo 15. Resolución

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da Consellería de Política Social por proposta das persoas titulares das direccións xerais correspondentes, segundo o previsto no artigo 13. E no caso de que o seu contido sexa a concesión de subvención, despois da fiscalización pola Intervención Delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o dito prazo sen que recaese resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

3. En aplicación do disposto no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe da axuda da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar a entidade beneficiaria a que, nun prazo de dez días, reformule a solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención proposta e/ou formule as alegacións que considere pertinentes. En calquera caso, a reformulación deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer a viabilidade do programa, polo que se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

Artigo 16. Publicación e notificacións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

2. Así mesmo, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse complementariamente só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días hábiles a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito extremo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultasen sobrantes por causa de renuncia poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións segundo o determinado nos artigos 13, 14 e 15.

4. Unha vez recibida a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación. No caso de non comunicación entenderase tacitamente aceptada en todas as súas condicións.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa, publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas puideren impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Así mesmo, conforme o citado artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez recaída a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecte a actuación subvencionable e non dea lugar á execución deficiente e/ou incompleta. Será de aplicación o seguinte:

a) A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade e a esta xuntarase:

1º. Memoria xustificativa.

2º. Relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

3º. Orzamento modificado, se é o caso.

b) Poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros.

c) Non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

d) Cando implique modificación do importe total concedido, tramitarase conxuntamente coa do expediente de gasto.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Consellería de Política Social por proposta das persoas titulares das correspondentes direccións xerais, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

4. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non afecten esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puideran ter dado lugar á modificación da resolución téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación polo órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. A Administración poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia de erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a:

a) Executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e cumprir o seu obxectivo.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, de acordo co establecido no artigo 23.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, destinar os ditos bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un prazo que non pode ser inferior a cinco anos, no caso de bens susceptibles de inscrición nun rexistro público nin a dous anos para o resto de bens.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Conservar os documentos xustificativos orixinais da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) Incorporar de forma visible no material de difusión dos programas subvencionados o seu financiamento público.

j) Ter subscrita unha póliza de seguro de accidentes e de enfermidade e de responsabilidade civil a favor do persoal voluntario que participe nos programas subvencionados conforme o previsto nos artigos 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

k) Cumprir coa obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

l) Calquera outra obriga imposta ás beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

2. Os servizos da Consellería de Política Social poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

Artigo 22. Pagamento

O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución e, en todo caso, na anualidade 2018.

Artigo 23. Xustificación: obxecto, prazo e documentación

1. O programa e actuacións que abrangue deberá coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas modificacións autorizadas e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

2. Só será subvencionable o gasto realizado que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación determinado no punto seguinte respecto do que se xustifique o pagamento, segundo o disposto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, mediante extractos ou certificacións bancarias asinados e selados nos que deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura e a súa data.

3. A documentación xustificativa presentarase ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social con data límite o 15 de febreiro de 2020.

4. A documentación que deberá achegarse será a seguinte, en función do importe da subvención:

a) As entidades a que lles concedera por importe igual ou superior a 50.000 € realizarán a xustificación a través de conta xustificativa con achega de informe de auditoría, de acordo co regulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A verificación que debe realizar a auditoría de contas, en todo caso, terá o seguinte alcance:

1º. O cumprimento por parte das entidades beneficiarias das obrigas establecidas nesta orde e no resto da normativa que lle é de aplicación na xestión e aplicación da subvención.

2º. A adecuada e correcta xustificación da subvención por parte das entidades beneficiarias.

3º. A realidade e a regularidade das operacións que, de acordo coa xustificación presentada polas entidades beneficiarias, foron financiadas coa subvención.

4º. O adecuado e correcto financiamento das actividades subvencionadas.

5º. Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

b) As entidades a que se lles concedera por importe inferior a 50.000 € poderán optar, á súa elección, por realizar a xustificación a través de conta xustificativa con achega de informe de auditoría nos termos previstos no punto a), ou a través da conta xustificativa con achega de xustificantes de gasto, regulada no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Neste último caso, deberán xuntar:

1º. Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención.

2º. Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pagamento.

3º. Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

4º. Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

5º. Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, copia compulsada do expediente de contratación, de ser o caso, e como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6º. Para os proxectos de voluntariado segundo se recolle no anexo I, liña VI, copia da póliza e xustificante de estar ao día no pagamento do contrato de seguro de responsabilidade civil e accidentes subscrito pola entidade que cubra as persoas voluntarias durante a duración do programa polos prexuízos que puidesen causarse durante o desenvolvemento da actuación subvencionable.

Artigo 24. Incumprimento, reintegro, infraccións e sancións

1. Ás entidades beneficiarias das subvencións recollidas nesta orde, seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 23 desta orde: reintegro do 2 % da axuda concedida, no caso de que o atraso na presentación sexa de ata 10 días, do 10 %, no caso de que o atraso sexa superior a 10 días e inferior a 20 días, e do 100 % da axuda concedida, no caso de que o atraso na presentación sexa igual ou superior a 20 días.

c) Non dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento nos termos establecidos na letra i) do artigo 21: reintegro do 2 % da axuda concedida.

d) Aplicación da subvención a conceptos de gasto e a ámbitos territoriais doutras comunidades autónomas ou a programas diferentes aos que figuran na solicitude: reintegro do 100 % da axuda concedida.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nos puntos anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o beneficiario poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de mora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución, e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado, deberase informar a Dirección Xeral de Inclusión Social da devolución voluntaria realizada.

Artigo 25. Comprobación, inspección e control

1. A Consellería de Política Social poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde:

a) En concreto, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 €, en cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano concedente realizará a comprobación material do investimento, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

b) Sen prexuízo do anterior, realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

2. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Remisión normativa

Respecto de todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

f) Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

g) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

h) Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

i) Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

j) Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación do Código civil e da Lei de axuizamento civil.

k) Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

l) Lei 45/2015, do 14 de outubro, do voluntariado.

m) Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 27. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento poderase obter información, a través do teléfono 012, do enderezo electrónico ceroseteirpf@xunta.gal, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, na Dirección Xeral de Inclusión Social, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia –Consellería de Política Social– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

ANEXO I

Liña I. Actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica.

I.1. Actuacións en materia de prevención, protección e fomento dos dereitos da infancia.

Programas que recollen medidas dirixidas á prevención e protección da infancia e o fomento dos seus dereitos.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas de prevención, intervención e seguimento das situacións de posible risco prenatal.

b) Programas que leven a cabo actuacións que permitan a prevención, detección e intervención educativa, sociofamiliar, e/ou psicoterapéutica en situacións de violencia cara á infancia, incluíndo se é a causa da orientación sexual e/ou a identidade de xénero do/da neno/a, e da explotación infantil, así como da violencia entre iguais.

c) Programas que promovan o desenvolvemento educativo e sociofamiliar da infancia a través de actividades educativas, culturais e de lecer que fomenten hábitos de vida saudables e favorezan a participación infantil e a súa inclusión social, contribuíndo á sensibilización sobre os dereitos da infancia, e facilitando o intercambio de información institucional que posibilite a relación dos nenos e nenas coas súas familias, especialmente atendendo a situacións de risco.

d) Programas que ofrezan atención educativa e sociofamiliar a nenos e mozos que están aloxados e conviven en servizos residenciais de protección á infancia, potenciando factores de desenvolvemento persoal e habilidades sociais para a súa integración e reinserción social que sexan innovadores e establezan criterios de avaliación, apliquen estándares de calidade xeral e de accesibilidade por cada tipo de servizo en acollemento residencial e fomenten a participación dos menores na elaboración da programación de actividades do centro.

e) Programas que inclúan aspectos de mediación intercultural para facilitar a adaptación da persoa menor ao centro, ademais da relación dos técnicos coas familias.

f) Programas de acollemento familiar dirixidos a persoas menores que se atopen baixo unha medida de protección, que lle ofrezan un novo medio familiar como alternativa ao internamento en centros de menores.

g) Programas de prevención da delincuencia xuvenil e aqueles deseñados para levar a cabo as medidas e actuacións administrativas en casos de menores de 14 anos que cometan delitos, incluíndo o traballo coas familias, así como os programas de apoio e colaboración na execución das medidas de internamento e medio aberto que levan a cabo os responsables desta, desenvolvendo actuacións que contribúan á mellora e reforzo da calidade da intervención, facilitando recursos e actividades para o desenvolvemento das medidas e/ou establecendo mecanismos de coordinación que fagan máis eficaz a integración dos menores no contexto familiar, social, educativo e laboral mediante o traballo coas familias.

h) Programas de mediación pre e possentencial no ámbito da xustiza penal xuvenil baseados na responsabilización, reparación conciliación, prevención, educación, integración e reinserción.

I.2. Actuacións de apoio ás familias e conciliación.

Programas que recollan actuacións de apoio ás familias e de conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos membros da unidade familiar:

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas que recollan actuacións con familias nas que convivan nenos, nenas e adolescentes con necesidades especiais de coidado.

b) Programas de orientación, mediación e intervención familiar dirixidos á atención e prevención das diferentes situacións problemáticas ou de risco, que pola súa natureza poidan estar asociadas a procesos de desintegración familiar.

c) Programas de orientación e intervención psicoterapéutica para a abordaxe de situacións de violencia filioparental.

d) Programas que recollan actividades e intervencións que se desenvolvan en zonas desfavorecidas ou no ámbito rural e que inclúan intervencións en contornos familiares de especial vulnerabilidade ou dificultade social.

e) Programas que recollan actuacións nas áreas de saúde, seguimento escolar, pautas de crianza saludable e positiva e socialización, entre outras.

f) Programas que consideren actuacións dirixidas á difusión, sensibilización ou promoción da parentalidade positiva.

g) Programas cuxo obxectivo sexa procurar unha axeitada atención asistencial e/ou socioeducativa aos nenos e nenas ao tempo que se facilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas que integran o núcleo familiar dos nenos/as usuarios/as do programa, así como aqueles destinados a prestar apoio ás familias dos menores en relación con pautas de crianza, para cubrir necesidades puntuais de conciliación, espazos de xogo, de encontro familiar, ou servizos de respiro, apoio á primeira infancia no ámbito rural, atención domiciliaria e outros de análoga natureza.

h) Programas de formación, orientación e apoio ás persoas do ámbito familiar que exerzan labores parentais de coidado e crianza, favorecendo as relacións interxeracionais.

i) Programas de asesoramento e acompañamento laboral a familias que se atopan en situación de especial dificultade ou exclusión social, familias en situación de risco e familias monoparentais e/ou numerosas.

Liña II. Actuacións de inclusión social.

II.1. Actuacións comúns dirixidas a todas as persoas en situación o risco de exclusión social:

a) Programas de atención ás necesidades básicas: serán programas dirixidos á atención e cobertura das necesidades básicas acuciantes. Incluirá prestacións dos servicios de atención ás necesidades básicas; de cobertura da necesidade de alimento e de provisión de recursos básicos; atención social continuada; de atención na rúa; de acollida básica de atención urxente incluídos na Carteira de Servizos de Inclusión da Xunta de Galicia. Poderá estenderse a todas as prestacións incluídas nestes servizos, especialmente: restauración, enderezo postal, ducha e entrega de material de hixiene, perrucaría, repartición de comida elaborada, provisión de alimentos, provisión de vestiario e enxoval doméstico, apoio na provisión de medios e na obtención de documentos administrativos esenciais, atención á convivencia, apoio psicolóxico.

b) Programas de apoio á inclusión sociolaboral: serán programas dirixidos a persoas e familias en vulnerabilidade ou situación de pobreza e/ou exclusión social, orientados a reverter procesos de exclusión social, incluíndo a exclusión severa, mediante o apoio socioeducativo e psicosocial, así como, se é o caso, o fortalecemento das competencias precisas para posibilitar o acceso ao emprego. As prestacións e súa intensidade variarán en función do establecido no proxecto de inclusión sociolaboral.

c) Programas de reforzo socioeducativo para menores en situación ou risco de exclusión social: serán programas dirixidos ao fomento da educación infantil e o reforzo educativo extraescolar, a prevención do absentismo e o abandono escolar e a actividades promotoras da integración social (campamentos, actividades extraescolares...).

d) Programas de formación: as accións formativas normalmente formarán parte das prestacións dos procesos de inclusión e transición e subvencionaranse nos programas de inclusión sociolaboral, ben que, excepcionalmente, se subvencionarán programas de formación independentes, e nomeadamente, cando sexan para a adquisición das competencias clave e alfabetización dixital.

e) Programas de inclusión residencial: comprenderán accións de atención orientada a apoio as persoas en procesos de inclusión sociolaboral que teñan dificultades no acceso o mantemento da estabilidade residencial. Incluiranse tamén neste punto os programas de intervención integral dirixidos a promover a inclusión social básica das persoas sen fogar mediante o acceso á vivenda.

f) Programas de intervención comunitaria en territorios en exclusión: os seus destinatarios son persoas ou grupos sociais, especialmente en situación de vulnerabilidade, pobreza ou exclusión, que residan nun territorio en exclusión. Para os efectos desta orde, entenderase como territorio en exclusión aquel que, como consecuencia dos impactos do cambio demográfico (envellecemento e declive de poboación) unidos a unha alta dispersión da poboación, falta de oportunidades de emprego e dificultade de acceso a servizos públicos, presenta dificultades importantes para o seu desenvolvemento.

g) Programas de actuacións en áreas urbanas ou periurbanas nas que se acredite unha concentración significativa ou anómala de situacións de exclusión social: son programas destinados a persoas e familias residentes en áreas urbanas e periurbanas en risco ou situación de exclusión social.

h) Programas de atención a persoas en situación ou risco de exclusión social con trastornos aditivos e patoloxía mental crónica: serán programas dirixidos á provisión dun servizo de inclusión residencial ás persoas con trastornos aditivos que estean na última fase dun proceso terapéutico de deshabituación ou con patoloxías mentais crónicas estabilizadas clinicamente que se atopan en situación de exclusión social e que non dispoñen de fogar ou apoio residencial substitutivo.

i) Programas de mediación social e/ou intercultural: programas dirixidos a dar apoio profesional destinado a facilitar a comunicación, o entendemento e a transformación das relacións entre persoas e grupos sociais culturalmente diferenciados, asi como a previr e solucionar conflitos e/ou construír unha nova realidade social compartida.

II.2. Programas específicos para poboación xitana. Ademais dos programas comúns, a que poden acceder as persoas xitanas, poderán financiarse os seguintes programas especifícos:

Programas de asesoramento técnico especializado: programas destinados a proporcionar información en materias de diversa índole que requiren un coñecemento especializado (estranxeiría, dereito familiar, abordaxe da violencia de xénero, discriminación por motivos raciais ou étnicos...). Incluirá asesoramento técnico profesional e acompañamento na realización de trámites.

II.3. Programas específicos para persoas inmigrantes. Ademais dos programas comúns, aos que poden acceder as persoas inmigrantes, poderán financiarse os seguintes programas específicos:

a) Programas de asesoramento técnico especializado: programas destinados a proporcionar información en materias de diversa índole que requiren un coñecemento especializado (estranxeiría, dereito familiar, abordaxe da violencia de xénero, discriminación por motivos raciais ou étnicos...). Incluirá asesoramento técnico profesional e acompañamento na realización de trámites.

b) Programas de promoción da participación social: programas dirixidos á adquisición de habilidades lingüísticas e/ou coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida pola poboación inmigrante e emigrante retornada en situación de vulnerabilidade. Inclúe accións formativas de alfabetización e competencia oral nas linguas oficiais de Galicia e as dirixidas ao coñecemento dos valores e características da sociedade de acollida, así como a mediación intercultural.

Requisitos comúns para todos os programas destinados á inclusión social:

1. Os programas desenvolveranse de conformidade coas prioridades e obxectivos previstos na Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020 e na carteira de servizos de inclusión social de Galicia.

2. Será requisito necesario que as persoas beneficiarias se encontren en risco ou situación de exclusión social, entendendo que a persoa se atopa nesta situación cando cumpra os requisitos previstos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia. As entidades beneficiarias acreditarán o cumprimento deste requisito mediante declaración responsable.

3. Os programas deberán describir concreta e amplamente como se van desenvolver as actuacións, indicando a denominación da actividade, o número de horas, o número de participantes, as accións de adquisición de hábitos sociais e laborais, que serán adecuadas ás necesidades do mercado e das propias persoas beneficiarias, e, se é o caso, as accións concretas que se realizarán para acadar a inserción laboral das persoas beneficiarias. Ademais, deberán concretar o número de persoas beneficiarias, as súas características en relación ás accións que se van desenvolver e os criterios establecidos para a súa selección.

4. Os programas deberán acreditar de forma explícita a súa colaboración cos servizos sociais públicos municipais ou autonómicos da zona de actuación.

5. Os/as profesionais que leven a cabo estes programas, deberán contar con experiencia e formación adecuada ao tipo de intervención que se vai realizar.

6. Os programas que se realicen en centros penais deberán contar coa preceptiva autorización da dirección dos centros de que se trate.

Liña III. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas maiores ou con discapacidade.

III.1. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade.

Programas que fomenten a autonomía persoal, a inclusión e o apoio das persoas con discapacidade e das súas familias.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas dirixidos a mellorar a calidade de vida, a autonomía persoal e a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

b) Programas de apoio a persoas con discapacidade con alteracións da saúde mental ou que se atopan noutras situacións que incrementan a súa exclusión social.

c) Programas de apoio a persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.

d) Promoción da prevención, identificación e diagnóstico precoz da discapacidade e da atención temperá.

e) Programas culturais, deportivos e de participación en xeral nos que se favoreza a presenza conxunta de persoas con e sen discapacidade.

f) Programas de investigación no ámbito sociosanitario que permitan mellorar a autonomía persoal das persoas con discapacidade.

g) Programas de creación de sistemas de información e estatísticos que permitan a avaliación da situación das persoas con discapacidade para poder mellorar a súa calidade de vida.

h) Programas que promovan a autonomía persoal facilitando a comunicación, a mobilidade e accesibilidade das persoas con discapacidade (linguaxe de signos, transporte adaptado, mobilidade porta a porta, etc.).

i) Programas de utilización de tecnoloxías, produtos ou servizos relacionados coa información e a comunicación ou outros servizos que faciliten a autonomía persoal, a súa permanencia no domicilio e na súa contorna social e familiar.

j) Programas que favorezan o apoio ao envellecemento activo das persoas con discapacidade.

k) Programas dirixidos a familias con persoas con discapacidade, en situación de especial vulnerabilidade.

l) Programas que promovan o desenvolvemento das habilidades e competencias adecuadas nas familias e coidadores de persoas con discapacidade.

m) Programas que promovan servizos transitorios de aloxamento de familias desprazadas por motivos médicos e en períodos de convalecencia.

n) Programas que promovan servizos de respiro, apoio e descanso para familiares coidadores de persoas con discapacidade.

o) Programas de reforzo educativo e de mellora da inclusión educativa en centros educativos ordinarios das persoas con discapacidade.

p) Programas de promoción da formación de adultos, formación prelaboral e de adquisición de habilidades das persoas con discapacidade.

q) Programas de atención e apoio ás familias de persoas con discapacidade.

r) Programas de formación e promoción do voluntariado en estes programas.

III.2. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas maiores.

Programas que fomenten a prevención da dependencia a través do envellecemento activo e saudable, actuacións que promovan a autonomía persoal e a permanencia das persoas maiores no seu domicilio e programas que contribúan a combater a soidade e o illamento social, entre outras actuacións.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas dirixidos á promoción da autonomía persoal, envellecemento activo e prevención da dependencia.

b) Programas dirixidos a persoas maiores con cargas familiares ou que vivan soas.

c) Programas de atención dirixidos a persoas maiores con deterioración cognitiva ou dependentes, especialmente os de carácter innovador.

d) Programas dirixidos a persoas maiores que estean en situación de especial vulnerabilidade.

e) Programas de atención sociosanitaria ás persoas maiores no final da vida.

f) Programas dirixidos a persoas maiores incapacitadas legalmente.

g) Programas de servizos de acompañamento para a realización de visitas médicas ou outras xestións ou actividades.

h) Promoción do emprego das TIC entre as persoas maiores.

i) Programas de promoción de redes sociais e outras actuacións de apoio e acompañamento que contribúan a combater a soidade e o illamento social das persoas maiores.

j) Programas de atención, coidado persoal e asistencia doméstica que favorezan a permanencia das persoas maiores no seu domicilio, incluídas subministracións externas de comida e lavandaría.

k) Programas de atención socio-sanitaria en centros de día e centros de noite.

l) Programas de utilización de tecnoloxías, produtos ou servizos relacionados coa información e a comunicación ou outros servizos que faciliten a autonomía persoal, a súa permanencia no domicilio e na súa contorna social e familiar (teleasistencia...).

m) Programas de formación e prestación de servizos de asistencia persoal, para persoas fráxiles sen dereito á prestación de dependencia.

n) Programas de formación e promoción do voluntariado nestes programas.

o) Programas que promovan o desenvolvemento das habilidades e competencias adecuadas nas familias e persoas coidadoras de persoas maiores.

p) Programas que promovan servizos transitorios de aloxamento de familias desprazadas por motivos médicos e en períodos de convalecencia.

q) Programas que promovan servizos de respiro, apoio e descanso para familiares coidadores de persoas maiores.

Liña IV. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou con discapacidade.

Serán obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Proxectos de investimento para a realización de obras de primeiro establecemento, reforma, restauración, rehabilitación ou gran reparación para a prestación de servizos de atención a persoas maiores, dependentes ou persoas con discapacidade.

b) Proxectos de investimento para a realización de obras de conservación e mantemento de centros e servizos de atención a persoas maiores, dependentes ou persoas con discapacidade.

c) Proxectos de investimento para a adquisición de inmobles destinados a prestación de servizos de atención a persoas maiores, dependentes ou persoas con discapacidade.

d) A adquisición de subministracións, equipamentos e vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas maiores, dependentes ou persoas con discapacidade.

Requisitos específicos dos proxectos de investimento:

1. Execución de obras.

– Memoria xustificativa detallada e valorada da necesidade da execución da obra.

– Documento acreditativo de que se dispón de titularidade suficiente sobre o inmoble ou, no caso de que sexan inmobles arrendados ou cedidos, contrato de arrendamento ou documento acreditativo de cesión polo menos por 20 anos, e autorización do propietario.

– Proxecto ou anteproxecto de obras, axustado á normativa vixente de acordo coas especificacións legais, técnicas e arquitectónicas, adecuadas aos usuarios do centro. Cando se trate de obras de menor contía (conservación e reparacións de menor contía) deberá presentarse, no seu lugar, orzamento detallado e memoria asinada polo contratista.

– Informe sobre viabilidade urbanística e acreditación da posibilidade legal de obter as licenzas e permisos necesarios.

– O importe total dos custos xerais (tales como honorarios de arquitectos e enxeñeiros) non poderán superar o 12 % do investimento subvencionable.

– Cando se trate de proxectos de investimento financiados en convocatorias anteriores:

• Declaración do representante da entidade na que conste que o proxecto non sufriu reformas nin revisións ou variacións no prezo inicial.

• Certificado do director facultativo relativo á execución da obra realizada ou, noutro caso, do representante legal da entidade executante relativo ás actuacións realizadas.

• Memoria sobre a execución dos investimentos e o grao de cumprimento dos obxectivos previstos, á data de publicación desta convocatoria.

2. Adquisición de bens inmobles.

– Memoria xustificativa detallada e valorada da necesidade da adquisición do ben inmoble para a cal se solicita a subvención.

– Orzamento detallado.

– Certificado de taxador independente debidamente acreditado, inscrito no correspondente rexistro oficial ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, no que se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.

3. Adquisición de subministracións, equipamentos ou vehículos.

– Memoria xustificativa detallada e valorada da necesidade do equipamento.

– Orzamento/s da casa subministradora, con indicación do custo por unidade e do importe total das adquisicións que se pretenden realizar.

Liña V. Actuacións destinadas á xuventude.

V.1. Actuacións de prevención de riscos contra a saúde dos mozos e mozas e promoción de hábitos de vida saudable neste colectivo.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas de educación para a saúde que establezan actuacións na prevención de enfermidades de transmisión sexual, trastornos da conduta alimentaria, embarazos non desexados e riscos contra a saúde da mocidade.

b) Programas de educación viaria que recollan actuacións encamiñadas á sensibilización e prevención de accidentes de tráfico entre a xuventude.

c) Programas de fomento de hábitos de vida saudable entre a mocidade mediante a intervención socioeducativa.

V.2. Actuacións de mellora da empregabilidade dos mozos e mozas.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas para mozos e mozas dirixidos á procura de emprego mediante a adquisición de valores, competencias e habilidades.

b) Programas que faciliten o acceso ao emprego por conta propia ou allea mediante o establecemento de itinerarios personalizados de inserción que combinen diferentes actuacións como información, orientación, formación e práctica laboral.

c) Programas de desenvolvemento de actividades formativas e seguimento laboral dos mozos contratados.

d) Programas para o deseño e realización de accións integrais de orientación laboral e itinerarios personalizados de inserción laboral.

e) Programas que promovan a igualdade no emprego entre a poboación xuvenil.

f) Programas para mozos que cumpran cos obxectivos do Plan nacional de implantación da garantía xuvenil.

g) Programas que fomenten a cultura emprendedora, a creación de empresas e o autoemprego, entre os mozos e mozas.

h) Programas que conteñan accións de información, motivación e asesoramento na elaboración de proxectos empresariais.

i) Programas que desenvolvan accións formativas a emprendedores e emprendedoras.

V.3. Programas de educación non formal que faciliten a integración social dos mozos e mozas.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas que desenvolvan contidos educativos e/ou aprendizaxes e experiencias que faciliten a adquisición de valores de solidariedade, convivencia, tolerancia, igualdade e participación comprometida entre os mozos e mozas.

b) Programas dirixidos a desenvolver accións preventivas contra o racismo, a xenofobia e todo tipo de discriminación das persoas por razón de sexo, orixe racial ou étnica, nacionalidade, relixión ou crenzas, orientación ou identidade sexual, idade, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

c) Actuacións dirixidas á prevención, detección e loita contra a violencia entre iguais.

d) Programas que desenvolvan e/ou promovan sistemas de recoñecemento e validación formal das competencias e habilidades derivadas da participación en actividades de educación non formal.

Liña VI. Actuacións destinadas a voluntariado.

VI.1. Actuacións de promoción da acción voluntaria.

Programas de promoción da acción voluntaria que fomenten a participación activa das persoas voluntarias en entidades de acción voluntaria.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas dirixidos a impulsar a participación como persoas voluntarias de colectivos que pola súa específica experiencia profesional ou vital poidan supoñer unha importante achega á esfera cotiá doutros colectivos con específicas necesidades sociais.

b) Programas que fomenten actividades solidarias e de participación social nos diferentes sectores de acción voluntaria establecidos no artigo 5 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria como instrumento de cambio e transformación social.

c) Promoción de programas innovadores no ámbito do voluntariado que permitan obter coñecementos en novos eidos de actuación ou impulsen novos mecanismos de participación dentro das distintas áreas de actuación da Estratexia Galega de Acción Voluntaria.

d) Promoción de programas que favorezan e promovan pautas de relación entre entidades de acción voluntaria e entidades empresariais coa finalidade de proxectalos ao exercicio dun voluntariado corporativo e de fomento da responsabilidade social empresarial nesta materia.

VI.2. Actuacións de formación das persoas voluntarias.

Programas dirixidos á formación das persoas voluntarias que permitan mellorar o itinerario da acción voluntaria, a formación e organización do voluntariado, así como a adquisición de experiencias que permitan obter novas habilidades e competencias ou que melloren as xa adquiridas.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Formación do voluntariado en programas innovadores dentro das diferentes sectores de acción voluntaria establecidos na Lei de acción voluntaria.

b) Formación do voluntariado no medio rural como elemento dinamizador da realidade socioeconómica e social na que se desenvolve.

VI.3. Actuacións de sensibilización en materia de voluntariado.

Programas dirixidos a sensibilizar a poboación en xeral sobre a importancia da acción voluntaria e o seu recoñecemento como axente de cambio e transformación social.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Sensibilización do voluntariado en materia ambiental.

b) Sensibilización do voluntariado en materia de atención e acompañamento a personas maiores.

c) Sensibilización do voluntariado nas distintas áreas de intervención social establecidas na Estratexia Galega de Acción Voluntaria.

Requisitos específicos dos proxectos de voluntariado:

1. Especificar o número de persoas voluntarias.

2. Especificar o número de persoas beneficiarias.

3. Ter subscrito e en vigor un contrato de seguro de responsabilidade civil e accidentes da entidade que cubra as persoas voluntarias durante toda a duración do programa que responda dos prexuízos que puideran causarse durante o desenvolvemento da actuación subvencionable.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file