Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 25 de setembro de 2018 Páx. 43325

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se adxudica unha bolsa de formación nun lectorado de lingua, literatura e cultura galegas, convocada mediante a Orde do 4 de maio de 2018 (ED110A).

A Orde do 4 de maio de 2018 (DOG núm. 99, do 25 de maio) establece as bases e anuncia a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, de dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nos centros de estudos galegos localizados noutras tantas universidades de fóra de Galicia.

Logo de ver a proposta de resolución definitiva de adxudicación das ditas bolsas de formación e a certificación, remitidas ambas pola subdirectora xeral de Política Lingüística en cumprimento do establecido no artigo 16.2 da antedita orde, acompañadas da acta da comisión de valoración constituída ao abeiro do artigo 15.5 da referida orde e da resolución definitiva de admitidos e excluídos, este secretario xeral, en uso das facultades que lle son expresamente delegadas en virtude da disposición adicional única da Orde do 4 de maio de 2018,

DISPÓN:

Artigo 1

Adxudicar a bolsa de formación no lectorado de lingua, literatura e cultura galegas do centro de estudos galegos localizado na Universidade Sorbonne Nouvelle (París), coas condicións establecidas na orde da convocatoria e polo período que se indica, á persoa relacionada no anexo.

Artigo 2

Deixar sen efecto a bolsa convocada na Universidade de São Paulo (São Paulo) debido á denuncia do convenio por parte da universidade.

Artigo 3

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2018

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística

ANEXO

Adxudicación das bolsas de formación

Destino

Apelidos e nome

NIF

Período

Universidade Sorbonne Nouvelle (París)

Peiteado Alonso, Ariana

39468831A

1.10.2018 a 30.9.2021