Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 26 de setembro de 2018 Páx. 43500

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2018 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección, que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), na súa xuntanza do 27 de xuño de 2018 acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, facultando o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos de investimento empresarial e convocar as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408A).

A presente convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e para implicarse en procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoio avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo e turístico, así como ás pemes (...).

Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) O 28 de decembro de 2018.

Unha vez finalizado o prazo non se admitirán máis solicitudes. Non obstante o anterior, no suposto de existir remanente de crédito cando finalice o prazo, mediante acordo do Consello de Dirección do Igape, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, poderase ampliar o prazo anterior co límite do 29 de marzo de 2019.

Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2018

Ano 2019

Ano 2020

09.A1.741A.7701

500.000 €

3.000.000 €

3.000.000 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do mencionado Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses desde a presentación de solicitude de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de xuño de 2020.

O prazo para presentar a solicitude de cobramento será dun mes desde a finalización do prazo de execución fixado na resolución de concesión, cos seguintes límites:

– Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución estea comprendido entre o 11 e o 31 de outubro de 2018, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de novembro de 2018.

– Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución estea comprendido entre o 11 e o 30 de xuño de 2019, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2019.

– Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución estea comprendido entre o 10 e o 30 de xuño de 2020, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 10 de xullo de 2020.

Quinto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica
aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo
de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo
Feder Galicia 2014-2020

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

O obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma e potenciar o mantemento e creación de emprego, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes, así como coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Así mesmo, preséntase como un instrumento axeitado para incidir no desenvolvemento da industria, en liña coa Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia en data do 13 de maio de 2015.

Con carácter xeral as presentes bases ampáranse nas directrices sobre as axudas estatais de finalidade rexional para o período 2014-2020 e no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE.

Segundo o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados o que, de ser o caso, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto de investimento empresarial que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Serán subvencionables os proxectos de investimento en activos fixos novos que respondan a algunha das seguintes tipoloxías:

1.1. Creación dun novo establecemento.

1.2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.

1.3. Diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían nel.

1.4. Transformación fundamental do proceso global de produción dun establecemento existente. Estes proxectos suporán a implementación dunha innovación no proceso global de produción que impliquen o uso por primeira vez de métodos de organización que inclúan melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo, dos sistemas de produción ou a integración de áreas funcionais da empresa.

2. Dimensión do proxecto de investimento:

O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 50.000 € e non superior a 2.000.000 de €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.

No caso dos proxectos do número 1.3 anterior, o investimento subvencionable deberá, ademais, superar o 200 % do valor neto contable dos activos que se reutilizan, de acordo cos rexistros do balance de situación ao fin do exercicio económico anterior ao comezo do proxecto.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción contemplada no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada en rexistro do expediente completo e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas axudas ampáranse no artigo 14 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

4. A presente convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante, en particular, obxectivo temático 3, prioridade de investimento 3.4, obxectivo específico 3.4.1, actuación 3.4.1.3, campo de intervención CE001 e liña de actuación 07, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, número 2.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro (DOUE L 347, do 20 de decembro).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 8 destas bases. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do mencionado Regulamento (UE) 1303/2013, de xeito que un proxecto poderá recibir axuda dun ou varios fondos europeos ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto. Do mesmo xeito, a combinación das axudas recollidas nestas bases co financiamento percibido no marco do Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-PO Feder Galicia 2014-2020, non admitirá incorporar a mesma partida de gasto como xustificante de ambas as liñas de axuda.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia para desenvolver algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases.

b) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición de empresa en crise establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE. As empresas cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño) ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

5. O Igape realizará as comprobacións documentadas necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) núm. 651/2014, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2, do mesmo texto normativo, para considerar unha empresa en crise.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados para o desenvolvemento de actividades relacionadas no anexo II destas bases, excluíndose as seguintes:

a) As recollidas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1388/2014 da Comisión, do 16 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

b) As actividades de produción e comercialización dos produtos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea e as actividades de transformación de productos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea en productos agrícolas enumerados no dito anexo I.

c) As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, o sector da construción naval, do sector das fibras sintéticas, o sector do transporte, así como ás infraestruturas conexas e á produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

2. Nas actividades de prestación de servizos en que así se prevexa no anexo II destas bases, deberase acreditar que máis do 50 % da súa cifra neta de negocios, no exercicio anterior á solicitude, foi facturado a empresas industriais.

3. No sector da hostaleira, só serán subvencionables:

– Novos establecementos coas seguintes categorías mínimas: catro estrelas, cando os novos establecementos estean situados nos termos municipais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela ou Ferrol, e tres estrelas no resto de localizacións.

– En establecementos xa existentes, os investimentos necesarios para incrementar a categoría ata acadar, como mínimo, as indicadas no parágrafo anterior.

Artigo 6. Investimento subvencionable

1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, e que se materialicen nos seguintes conceptos:

1º. Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, levadas a cabo en terreos propiedade do solicitante, suxeitos aos límites máximos de custo subvencionable establecidos nos módulos recollidos no anexo III.

2º. Adquisición de edificacións ou construcións novas, por un importe que non exceda o 10 % do gasto total subvencionable.

3º. Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.

4º. Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

5º. Activos inmateriais relacionados directamente co proceso produtivo (ou co de prestación de servizos, se é o caso) que cumpran os seguintes requisitos:

1) Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda;

2) deben ter a consideración de activos amortizables;

3) deberán ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado, e

4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

6º. Os custos de reformas de instalacións levadas a cabo en bens inmobles arrendados suxeitos aos límites máximos de custo subvencionable establecidos nos módulos recollidos no anexo III e sempre que o arrendamento teña unha vixencia mínima de 5 anos contado desde a data de finalización do proxecto.

7º. No caso de implantacións nos concellos adheridos ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa Concellos Doing Business Galicia, serán subvencionables, ademais, os investimentos en terreos non edificados e terreos edificados ata o límite do 10 % do gasto total subvencionable.

2. Os activos adquiridos deberán ser novos.

3. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

4. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos de administración, directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

5. Quedan excluídos os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada ou polo seu incremento de rendemento manifesto.

Artigo 7. Condicións dos proxectos

1. Naqueles casos de subvención ás construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a base sobre a que se aplicará a subvención será a que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos, unha vez aplicados os módulos e criterios recollidos no anexo III, e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen sexan propiedade do solicitante ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente. Se dentro do prazo de execución do proxecto, ou do de mantemento dos investimentos, establecidos na resolución de concesión fosen alleadas as instalacións da antiga localización do solicitante, e o importe neto da venda resultase superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos do cálculo da subvención, reaxustarase o importe da subvención concedida.

2. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só o emprendería dunha maneira limitada ou diferente ou noutro lugar. A axuda non debe subvencionar os custos dunha actividade en que a empresa incorrería en calquera caso, nin debe compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica.

Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, da Comisión. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución de obras ou un pedido ou oferta aceptada dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda.

Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

3. O prazo de execución do proxecto será o establecido na resolución de concesión, que estará baseado no proposto polo solicitante no plan de investimentos e, en todo caso, comprendido entre o día seguinte ao da presentación da solicitude e os 12 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión, sen que poida exceder o prazo máximo de execución establecido na resolución de convocatoria.

4. Consideraranse investimentos subvencionables os realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto referido no punto anterior.

5. Cando o importe subvencionable dos elementos que se adquiran a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

As ofertas ou orzamentos de provedores deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, domicilio e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando si inclúe ou non o IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados (podendo incorporar anexos coa documentación comercial dos elementos ou as súas especificacións técnicas). No caso de que non se elixa a proposta máis económica deberá xustificarse expresamente nunha memoria que, polo menos, terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos, excepto os correspondentes ás actividades que tradicionalmente se viñan prestando por empresas privadas, a risco e ventura destas e cuxos clientes son tamén empresas privadas.

Artigo 8. Contía da axuda

A contía da axuda será o resultado de multiplicar a porcentaxe de subvención aprobada polo importe do investimento subvencionable.

A porcentaxe de subvención aprobada será a suma das porcentaxes obtidas na baremación dos seguintes criterios:

1. Tamaño da empresa: determinarase de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.

Concederanse 24 puntos porcentuais no caso de pequenas empresas e 15 puntos porcentuais no caso de medianas empresas.

2. Mantemento do emprego: determinarase con base na cifra media de emprego dos 3 meses anteriores á solicitude da axuda, ou dos 12 meses anteriores no caso de actividades que acrediten unha elevada estacionalidade.

Concederanse 3 puntos porcentuais por mantemento de emprego no caso de pequenas e medianas empresas.

3. Creación de emprego estable: determinarase con base no compromiso de creación neta de postos de traballo con carácter indefinido durante o prazo de execución do proxecto.

a) Concederanse:

– 2 puntos porcentuais pola creación de cada posto de traballo no caso de pequenas empresas que poidan ser consideradas microempresas, cun máximo de 3 puntos porcentuais;

– 1 punto porcentual pola creación de cada posto de traballo no caso do resto das pequenas empresas, cun máximo de 3 puntos porcentuais;

– 0,5 puntos porcentuais pola creación de cada posto de traballo no caso de medianas empresas, cun máximo de 2 puntos porcentuais; e

b) No caso de novos establecementos en que non exista emprego que manter e, por tanto, a puntuación do criterio 2 anterior sería igual a cero, os límites máximos de puntuación no presente criterio de creación de emprego serán de 6 puntos porcentuais no caso das pequenas empresas e 5 puntos porcentuais no caso das medianas empresas.

Para os efectos de mantemento e creación de emprego, computarase como 1 posto de traballo os derivados de contratos a tempo completo e como 0,5 postos de traballo os derivados de contratos a tempo parcial.

En todo caso, a intensidade máxima de axuda será de 30 puntos porcentuais no caso das pequenas empresas e 20 puntos porcentuais no caso das medianas empresas.

Artigo 9. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante, e do proxecto para o que solicitan a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Deberán cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

e) Que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) núm. 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

f) Que a entidade solicitante non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

g) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, ou dous anos no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída (artigos 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

i) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 5 ou 3 anos segundo o establecido no artigo 17.a) das bases reguladoras.

2. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Considérase que todos os solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento e ademais deben declarar a súa capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

3. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación do expediente administrativo:

1º. Compromiso de alta no IAE durante o período de execución do proxecto no caso de novos establecementos ou novas actividades subvencionables.

2º. Para sociedades xa constituídas:

– Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.

– Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

– No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a entidade estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Achegaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da entidade solicitante.

3º. Para sociedades en constitución:

– Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.

– Proxecto de estatutos da sociedade.

Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. Para tal fin, a documentación establecida nos dous primeiros puntos do número 2º anterior, deberá ser presentada no Igape no prazo máximo de tres meses desde a presentación da instancia de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen tela presentada ou se a documentación presentada fose incorrecta, e logo de requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.

4º. Memoria descritiva do investimento proxectado, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.

5º. No caso de actividades de servizos á industria, declaración responsable coa relación dos importes facturados, con e sen IVE, por cliente, do exercicio inmediatamente anterior ao da solicitude.

6º. No caso de actividade hostaleira, resolución da Axencia Galega de Turismo, ou entidade equivalente, respecto da categoría do establecemento na data de solicitude da axuda.

7º. No caso de investimentos de diversificación da produción en establecementos existentes, deberán achegar o inventario de inmobilizado que serviu de base para a formulación das contas anuais correspondentes ao último exercicio económico pechado con indicación, para cada elemento do inventario, da data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición, importe da amortización acumulada á data do inventario e, se é o caso, doutras depreciacións por perda de valor, e o valor neto contable á data do inventario. Deberanse indicar os activos que se pretende reutilizar.

b) Documentación relativa aos investimentos:

1º. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o solicitante, de acordo co establecido no artigo 7.5 destas bases reguladoras.

2º. No caso de investimento en obra civil deberán achegar os seguintes planos:

i) Esbozo de localización dentro do termo municipal.

ii) Plano xeral acotado das instalacións, diferenciando a situación inicial da posterior ao investimento.

iii) Planos de distribución en planta, en que se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipo.

3º. No caso de reforma en inmobles arrendados, ademais da documentación do número 2º anterior, o solicitante deberá presentar contrato de arrendamento do inmoble cunha duración mínima de 5 anos contado desde a data de finalización do proxecto.

c) Documentación relativa aos criterios baremables de mantemento e creación de emprego:

1º. Vida laboral dos 3 meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda de todos os centros de traballo da empresa en Galicia, con indicación do centro de traballo onde se acometerán os investimentos obxecto de solicitude.

2º. No caso de actividades que acrediten unha elevada estacionalidade, poderán solicitar que a base de cálculo, para o mantemento e/ou creación de emprego, sexa a cifra media de emprego do beneficiario dos 12 meses anteriores ao da presentación da solicitude. Neste caso, o solicitante deberá presentar o informe da Tesouraría Xeral da Seguridade Social do cadro de persoal media, por meses, dos 24 meses anteriores ao da presentación da solicitude de todas as contas de cotización da empresa en Galicia.

Entenderase que existe estacionalidade cando a media do cadro de persoal mostre un incremento igual ou superior ao 20 % durante, polo menos, dous meses ao ano.

3º. Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de afiliados adscritos ás contas de cotización da empresa por tipos de contrato, e de todos os centros de traballo da empresa, á data de presentación da solicitude de axuda.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Así mesmo, de conformidade co citado artigo 28 da Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 10.2. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

4. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante. Este certificado poderase requirir, en todo caso, cando exista máis dun centro de traballo.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas referido ao último período impositivo para o que estivese vencido o prazo para a súa presentación voluntaria, no caso de autónomos.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Órganos competentes

A Área de Financiamento será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, á persoa titular da Dirección Xeral do Igape ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada. Logo do informe dos servizos técnicos, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular da Dirección da Área de Financiamento, a persoa titular da Subdirección de Programas de Financiamento e o/a técnico/a responsable do Programa. Así mesmo, poderase convocar o persoal dos servizos técnicos, os/as representantes das consellerías sectoriais, así como os/as técnicos/as especializados/as.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese:

a) Se a documentación non achegada corresponde á exixida para o expediente administrativo, terase por desistido na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

b) Se a documentación non achegada corresponde á relativa aos investimentos, detraerase do investimento atendible o importe dos investimentos afectados.

c) Se a documentación non achegada corresponde á acreditación dos criterios baremables, non se obterá puntuación ningunha nos correspondentes criterios.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, xustificadamente poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución será elevada á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao contido da resolución.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

2. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. En tal caso, farase constar no expediente tal circunstancia e darase por efectuada a notificación.

3. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez recaída a resolución de concesión estarase ao establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, admitíndose, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao gasto subvencionable, á data de execución do proxecto, á localización, ao emprego se é o caso, e á titularidade da empresa. En ningún admitiranse modificacións que den lugar a unha contía de axuda superior á establecida na resolución de concesión.

En canto á prórroga da data de execución do proxecto, só se poderá autorizar por un prazo máximo da metade do prazo inicial e exclusivamente nos casos en que se acredite que o retraso non é por causa imputable ao beneficiario, sen que poida exceder o prazo máximo de execución establecido no punto cuarto do resolvo.

2. A solicitude de modificación deberá presentarse dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 10 e presentando a súa instancia dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos e, se é o caso, o emprego durante os seguintes prazos:

1º. Manter os investimentos, vinculados á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia, durante 3 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto, salvo que se trate de bens inscritibles nun rexistro público, que deberán manterse durante 5 anos. O investimento subvencionado poderá ser substituído dentro deste período, no caso de obsolescencia ou avaría, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante o período mencionado, non podendo ser obxecto de subvención. No caso de reforma en inmobles arrendados, deberá manterse o arrendamento ata transcorrido o período de 5 anos desde a data de finalización do proxecto.

2º. No caso de compromiso de mantemento de emprego, manter a cifra media de emprego do beneficiario dos 3 meses anteriores ao da solicitude da axuda, ou dos 12 meses no caso de elevada estacionalidade acreditada, durante todo o período de execución do proxecto e durante os 2 anos posteriores ao dito prazo. A empresa deberá contar coa cifra de mantemento establecida na resolución de concesión á data de execución do proxecto.

3º. No caso de compromiso de creación de emprego estable deberán crearse, durante o prazo de execución do proxecto, os postos de traballo comprometidos e contar, á data de finalización do prazo execución do proxecto fixada na resolución de concesión, con ese incremento neto de postos de traballo indefinidos con respecto á cifra de emprego a manter establecida. Así mesmo, deberán manter o emprego acadado á data de finalización do prazo de execución do proxecto (o que está obrigado a manter máis o de nova creación) durante os 2 anos posteriores á finalización do dito prazo.

A obriga de mantemento do emprego durante o prazo de execución do proxecto e a obriga de creación de emprego comprobarase á finalización do prazo de execución do proxecto, debéndose acreditar a creación neta de postos de traballo con contratos indefinidos, a tempo completo ou a tempo parcial, segundo proceda.

Para a comprobación do mantemento da cifra de emprego establecida na resolución de concesión e, se é o caso, a creación de emprego comprometido, calcularase a media correspondente ao prazo de execución do proxecto. Ao final do dito prazo o beneficiario deberá acreditar os postos de traballo que se van manter máis os de nova creación, tanto para o emprego total como para o emprego indefinido. Así mesmo, nos dous anos seguintes ao fin do prazo de execución do proxecto terase que manter a media do emprego tanto para o emprego total, como para os empregos indefinidos.

A axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte á natureza do investimento, ao cesamento da actividade ou aos postos de traballo. A axuda está condicionada ao cumprimento desas condicións e será obxecto dun procedemento de inicio de expediente de incumprimento, que poderá derivar en reintegro, noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación ou, no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, de 2 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 8 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo V a estas bases.

g) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

j) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. O prazo para presentar a solicitude de cobramento é o establecido na resolución da convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo IV a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través da instancia de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo IV), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, non se exixirá aos interesados a presentación de documentos orixinais salvo que estas bases o establezan expresamente para documentos concretos, en particular, os así previstos no número 6 do presente artigo. Cando o documento orixinal estivese en formato papel, o beneficiario deberá obter unha copia auténtica, de acordo co previsto no artigo 27 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, con carácter previo á súa presentación electrónica.

O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente.

Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, poderase requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal para o cotexo das copias por el achegadas. Tal solicitude deberá ser debidamente motivada.

A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Nos casos en que a xustificación documental resulte insuficiente para acreditar o importe e a realización de determinados investimentos, o Igape poderá solicitar que se presente un informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Orixinal (en formato electrónico ou copia auténtica) das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do investimento subvencionable. No caso de adquisición, construción, rehabilitación ou mellora de inmobles en propiedade requirirase escritura pública que terá que facer constancia de que o ben destinarase ao fin concreto para o que se concedeu a subvención e o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes aspectos de inscrición no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de adquisición de bens inmobles achegarase, ademais, un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, segundo establece o artigo 28.7 da referida lei. No caso de reforma de inmobles arrendados deberá achegarse o contrato de arrendamento cunha duración mínima de 5 anos contado desde a data de finalización do proxecto.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, e estarán debidamente selados pola entidade financeira, e asinados polo beneficiario. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

2º. Certificación bancaria conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

3º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que se deberá manifestar sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Licenza municipal de obra no caso de proxectos subvencionados que inclúan obra civil. No caso de obras acollidas ao sistema de comunicación previa segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, deberá achegarse a dita comunicación acompañada dun certificado emitido polo Concello indicando que a dita comunicación é eficaz.

d) Comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no caso de proxectos de creación dun novo establecemento ou de inicio dunha nova actividade.

e) No caso de investimentos en activos intanxibles, deberán acreditarse as condicións establecidas no número 5 do artigo 6.1) destas bases, mediante informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que verifique o cumprimento das condicións 1ª, 2ª, 3ª e 4ª do citado artigo.

f) No caso de establecementos hoteleiros, resolución da Axencia Galega de Turismo, ou entidade equivalente, respecto da categoría do establecemento na data de finalización do prazo de execución do proxecto.

g) A copia -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 18.f) destas bases.

h) Nos casos de mantemento e creación de emprego indefinido por conta allea, certificados da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de afiliados adscritos ás contas de cotización da empresa por tipos de contrato, e de todos os centros de traballo da empresa en Galicia durante todo o prazo de execución do proxecto.

i) Memoria técnica, que se deberá cubrir no formulario de liquidación.

j) O beneficiario tamén deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 18.e), número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

k) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 7.5) das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

9. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

10. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 16 destas bases, logo de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Aboamento das axudas

1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 20. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Consello.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Incumprir a obriga de achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

g) Cando, como consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable quede por debaixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas ou supere os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos no artigo 20.4.

h) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

i) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 18 destas bases.

j) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

k) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de condicións referidas ao mantemento e creación de emprego dentro do período de execución do proxecto, o incumprimento suporá a perda dos puntos porcentuais concedidos ao emprego non mantido ou non creado no período.

5. No período de mantemento dos investimentos e do emprego, nos casos en que se aplique o artigo 6.1, números 5º e 6º e o artigo 17.a) destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a seguir:

a) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 17 destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

b) Non manter os investimentos ou os arrendamentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

c) No que se refire ao mantemento do emprego no período posterior á data de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente atendendo á media de emprego non mantido durante o período e aplicándolle a mesma ponderación outorgada na resolución de concesión nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido.

Artigo 21. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 14, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Consello.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos, ou dous anos no caso de operacións con gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o órgano concedinte informará da data de inicio a que se refire esta obriga de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Igape.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 25. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, nas directrices sobre as axudas estatais de finalidade rexional para o período 2014-2020, no Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño), no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), no Regulamento (UE) núm. 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006, así como na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 e outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Actividades incentivables-CNAE 2009

Axudas do Igape aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Sección

CNAE

Actividade

Observacións

Industrias extractivas

08.

Outras industrias extractivas

09.

Actividades de apoio ás industrias extractivas

Só para as actividades do CNAE 08

Industria manufactureira

10.

Industria da alimentación

Excepto as sinaladas no artigo 5.1.a)

 

11.

Fabricación de bebidas

Excepto as sinaladas no artigo 5.1.a)

 

13.

Industria téxtil

 

14.

Confección de prendas de vestir

 

15.

Industria do coiro e do calzado

 

16.

Industria da madeira e da cortiza, agás mobles; cestaría e espartaría

 

17.

Industria do papel

 

18.

Artes gráficas e reprodución de soportes gravados

 

20.

Industria química

Excepto as actividades do CNAE 20.6

 

21.

Fabricación de produtos farmacéuticos

 

22.

Fabricación de produtos de caucho e plásticos

 

23.

Fabricación doutros produtos minerais non metálicos

 

24.

Metalurxia; fabricación de produtos de ferro, aceiro e ferroaleacións

 

25.

Fabricación de produtos metálicos, agás maquinaria e equipo

 

26.

Fabricación de produtos informáticos, electrónicos e ópticos

 

27.

Fabricación de material e equipo eléctrico

 

28.

Fabricación de maquinaria e equipo n.c.o.p

 

29.

Fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques

 

30.

Fabricación doutro material de transporte

 

31.

Fabricación de mobles

 

32.

Outras industrias manufactureiras

33.

Reparación e instalación de maquinaria e equipamento

Tratamento e eliminación de residuos. Valorización

38.2

Tratamento e eliminación de residuos

 

38.32

Valorización de materiais xa clasificados

Reparación de vehículos de motor e motocicletas

45.2

Mantemento e reparación de vehículos de motor

45.4

Venda, mantemento e reparación de motocicletas e dos seus recambios e accesorios

Só mantemento e reparación

Almacenamento e manipulación de mercadorías

52.10

Depósito e almacenamento

52.24

Manipulación de mercadorías

Excepto equipaxes de pasaxeiros

Hoteis e aloxamentos similares

55.1

Hoteis e aloxamentos similares

Coas limitacións establecidas no artigo 5.3

Información e comunicacións

59.

Actividades cinematográficas, de vídeo e programas de televisión, gravación de son e edición musical

Excepto as actividades dos números 14, 17 e 18

 

61.

Telecomunicacións

 

62.

Programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática

63.

Servizos de información

Servizos técnicos

71.12

Servizos técnicos de enxeñaría e outras actividades relacionadas co aconsellamento técnico

Só no caso de actividades dirixidas ao sector industrial

71.20

Ensaios e análises técnicas

Só no caso de actividades dirixidas ao sector industrial

73.

Publicidade e estudos de mercado

Só no caso de actividades dirixidas ao sector industrial

74.

Outras actividades profesionais, científicas e técnicas

Só no caso de actividades dirixidas ao sector industrial

80.

Actividades de seguridade e investigación

Só no caso de actividades dirixidas ao sector industrial

81.

Servizos a edificios e actividades de xardinaría

Só no caso de actividades dirixidas ao sector industrial

82.20

Actividades dos centros de chamadas

Só no caso de actividades dirixidas ao sector industrial

82.30

Organización de convencións e feiras de mostras

Só no caso de actividades dirixidas ao sector industrial

82.92

Actividades de envase e empaquetamento

Só no caso de actividades dirixidas ao sector industrial

ANEXO III

Criterios de módulos de custos subvencionables máximos

Axudas do Igape aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

1. Obra civil.

1.1. Acondicionamento e urbanización de terreos:

– Acondicionamento e urbanización: 36 €/m2 (superficie máxima subvencionable que se acondiciona: 5 veces a superficie construída en planta).

1.2. Sectores industriais:

– Naves: 252 €/m2.

– Oficinas: 303 €/m2.

– Nave con instalacións frigoríficas: 315 €/m2.

1.3. Sector turismo:

– Edificios:

– Hoteis 5 estrelas: 1.003 €/m2.

– Hoteis 4 estrelas: 821 €/m2.

– Hoteis 3 estrelas: 730 €/m2.

– Aparcadoiros: se son interiores, ubicados en edificio, aplícase o módulo nave industrial, e se son aparcadoiros externos 36 €/m2.

– Instalacións específicas para a actividade subvencionable: investimentos en mobiliario, decoración, enxoval, televisores, menaxe, etc., suxeitas aos seguintes módulos máximos:

– Hoteis 5 estrelas: 16.672 €/habitación.

– Hoteis 4 estrelas: 11.670 €/habitación.

– Hoteis 3 estrelase: 8.336 €/habitación.

1.4. Sector servizos:

– Edificios: 730 €/m2.

Aparcadoiros: se son interiores, ubicados en edificio, aplícase o módulo nave industrial, e se son aparcadoiros externos aplícase 36 €/m2.

1.5. No caso de reforma ou rehabilitación: aplícase o 60 % dos módulos de obra civil anteriores.

2. Simetría.

Proporcionalidade entre investimento subvencionable infraestrutural (obra civil e adquisición de inmobles) que denominaremos «O» e investimento subvencionable en bens de equipo que denominaremos «M».

Para empresas de carácter industrial (manufactureiras) o custo máximo que se subvenciona no conxunto de investimento «O» será de 3 x «M».

missing image file
missing image file

ANEXO V

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas do Igape aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Responsabilidade do beneficiario.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación á publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

2. Durante a realización do proxecto e mentres dure o compromiso de mantemento dos investimentos ou postos de traballo subvencionados:

a) Breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia. Para cumprir con este requisito pode incluírse, integrado no espazo web da empresa, a seguinte imaxe:

http://www.igape.es/images/PublicidadComunitaria/FEDER_InvestimentoEmpresarial.png

b) Para os proxectos subvencionados por importe inferior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio. Para proxectos subvencionados por importe igual ou superior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar un cartel temporal de tamaño significativo nun lugar ben visible para o público durante o prazo de execución do proxecto.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

3. Para proxectos cunha subvención superior a 500.000 €, ademais, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da data de finalización do proxecto. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación. Prepararanse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión de conformidade co artigo 115, número 4 do Regulamento 1303/2013.

O contido e modelos da placa permanente serán idénticos aos do cartel temporal. Recoméndase a reprodución da placa permanente en material auto-adhesivo para contra-colage nunha base de metacrilato ou aceiro pulido, latón ou similar.

Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo.

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo:

1. O emblema da Unión deberá figurar en cor nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: arial, auto, calibri, garamond, trebuchet, tahoma, verdana ou ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul reflex, negro ou blanco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e anchura, que o maior dos demais logotipos.

Características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais.

De acordo co establecido no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo:

1. O nome do proxecto, o principal obxectivo desta e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao Fondo deben figurar no cartel temporal a que se refire o anexo XII, sección 2.2, punto 4, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e ocupar polo menos o 25 % do cartel.

2. O nome do proxecto e o principal obxectivo da actividade apoiada por aquel, e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao Fondo que deben figurar na placa ou cartel permanentes a que se refire o punto 5 da sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 ocupará polo menos o 25 % da dita placa ou cartel.

Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo del.

Ben que en toda comunicación relativa a fondos europeos deberase incorporar ademais unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».

missing image file
missing image file