Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 26 de setembro de 2018 Páx. 43494

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2018 pola que se convoca o curso superior de Administración electrónica.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Curso Superior de Administración electrónica de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

Este curso pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa comunidade. Os contidos do programa enfocarán desde distintas perspectivas a Administración electrónica para que as persoas a que se dirixe adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática.

2. Contidos.

O curso estrutúrase nunha serie de contidos que pretenden profundar nos aspectos máis importantes da Administración electrónica desde unha tripla perspectiva: xurídica, técnica e práctica.

A estrutura do curso é a seguinte:

• Réxime xurídico dunha administración dixital.

• Identidade dixital: identificación e sinatura dixitais.

• Sede electrónica e carpeta do cidadán.

• Sistema único de rexistro. Canles electrónicas e presenciais.

• Notificación electrónica.

• Interoperabilidade e seguridade. Impacto do Regulamento xeral de protección de datos.

• Cooperación interadministrativa. Instrumentos de coordinación no desenvolvemento da Administración electrónica. Iniciativas no marco europeo.

• Interoperabilidade de datos e documentos.

• Arquivo electrónico, documento electrónico e copia.

• Licitación e factura electrónicas.

• Atención á cidadanía. Transparencia e reutilización.

3. Número de prazas: 80.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: o curso desenvolverase desde o 16 de outubro ata o 27 de novembro de 2018.

Duración do curso: 114 horas lectivas, 30 horas de clases prácticas presenciais e 84 de teleformación.

As clases prácticas presenciais desenvolveranse os seguintes días:

– 16, 23 e 30 de outubro de 2018.

– 6 e 13 de novembro de 2018.

Horario das clases presenciais: pola mañá, das 11.00 ás 14.00 horas; pola tarde, das 16.00 ás 19.00 horas.

5. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán cubrirse por persoal empregado público das devanditas categorías, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo), e corrección (DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 4 de outubro de 2018.

Excepto as persoas que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, todas as persoas solicitantes deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, achegando un certificado acreditativo da súa condición de persoal empregado público e do grupo e/ou categoría a que pertencen. Esta certificación será expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que preste os seus servizos. Serán excluídas aquelas solicitudes de persoal empregado público que non acompañen a devandita certificación ou a que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 4 de outubro de 2018.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes, de acordo cos criterios establecidos no punto 5 (persoas destinatarias) desta resolución.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. Na parte deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde a súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase, na parte deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de dous días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de aproveitamento na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Facultades da EGAP.

1. A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

11. Certificado electrónico de aproveitamento.

O alumnado deberá realizar un traballo ao finalizar o curso, que será presentado á dirección da actividade formativa, como requisito previo para a obtención do certificado.

Tamén ao final do curso, o alumnado deberá superar un test de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das cales deberán escoller unha; valoraranse negativamente as erróneas e exixiráselles un mínimo do 60 % do total de preguntas acertadas para a superación do test.

O alumnado deberá superar o exame e o traballo para obter o certificado de aproveitamento. De non superar algún dos dous requisitos, poderán presentarse unha segunda vez.

Superado o exame e o traballo, expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública