Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 27 de setembro de 2018 Páx. 43667

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 7 de agosto de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal da Merca, no núcleo rural de Merouzo Pequeno.

O concello da Merca remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación co artigo 83.6 da mesma lei.

Unha vez analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O concello da Merca dispón actualmente de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 30 de xuño de 2003.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• Constan informes municipais xurídico, do 7.3.2016, e técnico, do 26.4.2016.

• O 29.8.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ditou resolución, publicada no DOG do 28.9.2016, en que se resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación, indicando que se terán en conta os informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Consta informe do 9.9.2016, do Instituto de Estudos do Territorio (IET).

• A Xunta de Goberno Local do 19.9.2016 aprobou inicialmente a modificación puntual; e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no DOG do 7.11.2016, e nos xornais La Región e La Voz de Galicia, do 9.11.2016. Notificouse a todos os titulares catastrais do núcleo rural. Non se presentou ningunha alegación.

• O 10.1.2017 solicitouse informe á deputación provincial, sen que conste resposta.

• Informes municipais: técnicos do 25.4.2017 e 24.5.2017; e xurídico do 17.6.2017.

• O Pleno do Concello do 21.6.2017 aprobou provisionalmente a modificación.

• O 5.9.2017 o Servizo de Urbanismo da CMAOT ditou requirimento ao concello para completar a documentación do expediente.

• Constan informes do 21.9.2017, desfavorable; e do 8.1.2018, favorable, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información.

• Consta informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 1.12.2017, condicionado a introducir unha corrección.

• Consta novo informe técnico municipal, do 26.3.2018.

• O Pleno do Concello, en sesión do 4.4.2018, aprobou de novo provisionalmente a modificación puntual do PXOM da Merca no núcleo rural de Merouzo Pequeno.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación é o núcleo rural de Merouzo Pequeno, contiguo aos núcleos de Merouzo Grande e A Corredoira, e algunhas parcelas contiguas. Segundo o PXOM vixente, afecta o núcleo tradicional de solo de núcleo rural, a zona de expansión de solo de núcleo rural e o solo urbanizable non delimitado residencial.

II.2. O obxectivo da modificación puntual é a revisión da delimitación do núcleo rural de Merouzo Pequeno, adaptándoo á Lei 2/2016, do solo de Galicia, tendo en conta o parcelario e os servizos existentes, a tipoloxía das edificacións e o seu grao de consolidación, e as novas edificacións executadas desde a aprobación do PXOM.

II.3. No plano 9/9 –Diferenza planeamento– recóllese o ámbito completo da modificación puntual, cunha superficie de 101.401 m2. Porén, debe cuantificarse, asemade, a superficie que actualmente é solo de núcleo rural (tradicional ou de extensión) de Merouzo Pequeno que se exclúe, pasando a solo rústico; e a de núcleo rural de extensión, que pasa a formar parte do núcleo rural tradicional da Corredoira; incorporando estes datos no punto 8.4 da memoria –cadro comparativo: delimitación PXOM-delimitación proposta–. Ademais, dado que ese solo está incluído na concentración parcelaria da Merca, debe categorizarse como solo rústico de especial protección agropecuaria, conforme o establecido no artigo 34.2.a) da LSG.

II.4. En relación co contorno de protección do elemento incluído no catálogo, segundo o indicado no punto 3.c do informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, deberá estar referenciado ás pegadas do territorio, sobre todo no que atinxe neste caso á vinculación coa propia edificación coa que forma parte e ao parcelario en que se insire (Plano 3 de 9).

II.5. Ao tratarse dunha modificación puntual do PXOM, incorporarase o plano correspondente que substitúa o actual.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal da Merca no núcleo rural de Merouzo Pequeno, condicionada á emenda das deficiencias sinaladas nos puntos II.3, II.4 e II.5 anteriores. O Concello fará as oportunas correccións e elaborará un texto refundido, seguindo o establecido no artigo 62 da LSG; e o elevará de novo ante esta CMAOT, para a súa verificación formal e dilixencia correspondente.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá, de oficio, a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio