Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 27 de setembro de 2018 Páx. 43697

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2018 pola que se amplía o crédito dispoñible para o exercicio 2018 das bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan Foexga 2017-2018, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

No Diario Oficial de Galicia núm. 182, do 25 de setembro de 2017, publicouse a Resolución do 15 de setembro de 2017 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan Foexga 2017-2018, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

No punto cuarto do resolvo establécense os créditos dispoñibles, así como que o director xeral do Igape ampliará o crédito no caso de que o crédito actual sexa insuficiente para atender todas as solicitudes presentadas, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Tendo en conta que:

A programación correspondente á convocatoria está resultando de moita aceptación polo que se están a producir incrementos nos custos das accións realizadas que aconsellan un incremento de crédito para atender á demanda que se está a xerar.

Declárase a existencia de crédito dispoñible, pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único

Ampliar para o exercicio 2018 o crédito establecido na partida orzamentaria 09.A1-741A-7708 en 200.000 €, para as axudas do Igape para o desenvolvemento do Plan Foexga 2017-2018, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que queda establecido do seguinte xeito:

Partida orzamentaria

Ano 2017

Ano 2018

Total

09.A1-741A-7708

100.000

1.500.000

1.600.000

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica