Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 28 de setembro de 2018 Páx. 43792

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplían os prazos de resolución e presentación da documentación xustificativa e da solicitude de pagamento, establecidos na Resolución do 15 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (SI440A).

Por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 15 de maio de 2018, establecéronse as bases reguladoras e convocáronse as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras que se acollan á redución da súa xornada de traballo (DOG nº 103, do 31 de maio).

O artigo 14.2 da Resolución do 15 de maio de 2018 establece que o prazo para resolver e notificar será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da dita resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

Pola súa vez, o artigo 17.1 da Resolución do 15 de maio de 2018 establece que, para a xustificación das axudas concedidas, as persoas beneficiarias presentarán, con data límite do 30 de setembro de 2018, a documentación que se indica no número 2.

Tendo en conta o volume de solicitudes presentadas e o longo proceso de tramitación, e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar os ditos artigos 14.2 e 17.1, ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte das persoas beneficiarias. Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Modifícase o punto 2 do artigo 14 (resolución e notificación) da Resolución do 15 de maio de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras que se acollan á redución da súa xornada de traballo, que queda redactado como segue:

«O prazo para resolver e notificar será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada».

2. Modifícase o punto 1 do artigo 17 (solicitude de pagamento e prazo) da Resolución do 15 de maio de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras que se acollan á redución da súa xornada de traballo, que queda redactado como segue.

«A axuda concedida será aboada nun pagamento único polo importe que corresponda segundo as contías determinadas no artigo 6 desta resolución, unha vez presentada a documentación sinalada no número 2 deste artigo, coa data límite para a súa presentación do 11 de decembro de 2018. O pagamento farase por transferencia na conta que as persoas solicitantes fagan constar no modelo de solicitude (anexo I)».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2018

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade