A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).
O 13 de outubro de 2017 tivo entrada a solicitude de inclusión do edificio de vivendas localizado na rúa de Gómez Ulla, núm. 7, esquina Pérez Costanti, no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, especificando que se outorgase o nivel de protección ambiental, xunto cun documento técnico xustificativo en que se incluía que, no desenvolvemento dos trámites para a licenza de obras de rehabilitación do edificio, se chegou á conclusión de que a súa fachada tiña un notable valor cultural, polo que debería ser protexida.
Desde o punto de vista da relevancia cultural deste ben, cómpre ter en conta o establecido no artigo 87 da LPCG, que manifesta que integran o patrimonio arquitectónico «os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás que se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela». Ademais, o artigo 88.1 establece que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, nos «edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos».
Segundo o informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o edificio obxecto desta catalogación é un testemuño representativo da arquitectura da época da Autarquía en Santiago de Compostela. O estilo do inmoble é singular, xa que ten influencias da arquitectura do Movemento Moderno e do Academicismo.
A técnica construtiva tamén é singular e característica desta época de penuria económica, combinando materiais modernos como o formigón armado con formas expresivas máis propias do século anterior.
A calidade do proxecto está avalada polo feito de que o seu autor, José María Banet y Díaz Varela, sexa un dos arquitectos composteláns máis prolíficos e recoñecidos do segundo terzo do século XX, e este edificio pertence á época en que construíu varias das súas obras máis representativas e que moitas delas están incluídas no catálogo de protección dos bens con valor cultural do vixente Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela.
En virtude do anterior, o 12 de abril de 2018 publícase no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 19 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, como monumento, do inmoble sito no número 7 da rúa de Gómez Ulla do concello de Santiago de Compostela. En relación co que dispón a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e como se recolle na propia resolución pola que se incoa o procedemento, abriuse un trámite de información pública por un período dun mes, no cal se puideron presentar as alegacións que se consideraron oportunas. A resolución de incoación notificou ao Concello de Santiago de Compostela e aos interesados.
O 9 de maio 2018 a representante da sociedade que solicitou a incoación do expediente presenta un escrito de alegacións en que se solicita a catalogación co nivel de protección ambiental ou, subsidiariamente, a non inclusión da escaleira na lista dos elementos protexidos, e que se admitan obras de reforma parcial para a eliminación de barreiras arquitectónicas e mellora funcionais para o axeitado acceso a todas as plantas da edificación, intervindo puntualmente nos elementos estruturais do edificio.
O 11 de setembro de 2018 emítese informe técnico relativo á alegación presentada e que conclúe: «Á vista dos argumentos recollidos na valoración técnica da alegación, non se considera xustificada a petición de modificación do nivel de protección ambiental a estrutural pero si a eliminación da referencia específica á conservación da escaleira e a introdución dunha referencia á posibilidade de obras de reforma parcial para a eliminación de barreiras arquitectónicas e melloras funcionais para o axeitado acceso a todas as plantas da edificación, intervindo puntualmente nos elementos estruturais do edificio, o que deberá ser recollido na resolución pola que se termine o procedemento».
Por tanto, á vista dos documentos que forman parte deste expediente, no cal se acredita o notable interese arquitectónico do inmoble, despois do trámite de información pública e a revisión do alcance do réxime de protección proposto, é polo que, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en virtude do disposto no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,
RESOLVO:
Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do inmoble sito no número 7 da rúa de Gómez Ulla do concello de Santiago de Compostela (A Coruña), segundo a descrición e réxime de protección que consta no anexo I desta resolución.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Santiago de Compostela.
Cuarto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga o Concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2018
Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural
ANEXO I
Descrición do ben
1. Denominación.
Edificio de vivendas entre medianeiras en esquina no número 7 da rúa de Gómez Ulla, esquina coa rúa de Pérez Costanti, tamén coñecido como o edificio do Teatro Galán.
2. Localización.
• Provincia: A Coruña.
• Concello: Santiago de Compostela.
• Enderezo: rúa de Gómez Ulla, núm. 7, esquina Pérez Constanti.
• Referencia catastral da parcela ocupada polo ben: 7573074NH3477D.
• Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29): X=537.306, Y=4.747.044.
3. Descrición.
O edificio ocupa unha parcela rectangular con fronte en esquina á rúa de Gómez Ulla e á rúa de Pérez Costanti, cunha superficie aproximada de 239 m². Presenta un rotundo volume paralelepipédico, sen máis corpos voados ou saíntes que os balcóns en esquina e a cornixa de cuberta. Está constituído por unha planta semisoto, dedicada a garaxe e almacén; unha planta baixa destinada inicialmente a uso comercial e desde a década de 1990 a uso de espectáculos; unha entreplanta parcial vinculada á planta baixa e construída na década de 1990; tres plantas altas que acollen unha única e ampla vivenda por planta e un volume baixo cuberta, ás cales se accede por unha escaleira acaroada á medianeira co núm. 5 da rúa de Gómez Ulla. Son vivendas, todas iguais, distribuídas aproveitando ao máximo a ampla fachada do edificio, onde se sitúan as estancias principais da vivenda. A área de servizo concéntrase arredor do patio e entre ambas as áreas sitúanse os espazos de circulación.
A estrutura portante do edificio está formada por muros de carga, piares, vigas, placas unidireccionais e zancas de escaleiras de formigón armado. As vertentes da cuberta do edificio fórmanse cunha estrutura de madeira e resólvense con tella cerámica.
A porta do edificio dá acceso a un recibidor, cuxo pavimento e parte das paredes está rematado con mármore. A escaleira do edificio está pavimentado cun aglomerado de pedra e cemento e está protexida por un peitoril rematado cun pasamáns de madeira.
As divisións interiores son de fábrica de tixolo, a carpintaría interior é de madeira e os chans son de aglomerado de pedra e cemento, tarima de madeira e baldosa hidráulica nas vivendas. Os muros da fachada teñen diversos elementos decorativos construídos con morteiro de cemento: a cornixa voada, a imposta que marca a placa da planta primeira e que se repite nos balcóns, o zócolo da planta semisoto (sen ningunha ornamentación) e as acanaladuras horizontais que decoran a planta baixa e os extremos de ambas as fachadas.
Todos os ocos, agás o central da planta baixa e os da planta semisoto, están realzados por unhas sinxelas molduras perimetrais nas cales se resalta o antepeito. Nos ocos estremeiros da fachada á rúa de Gómez Ulla as molduras son de maior dimensión e complexidade formal, marcando as entradas ao edificio e ao local. Asemade, estes ocos e os da fachada á rúa de Pérez Costanti teñen un falso lintel na parte alta. A protección dos balcóns está constituída por unha elegante varanda metálica e balaústres rematados con bólas.
A carpintaría exterior é de madeira pintada, de dúas follas con vidros partidos na parte alta e complementada con contraventás interiores de madeira pintada. As fachadas do edificio compóñense dun xeito académico, respectando as regras da simetría e da proporción. A composición xeral das dúas fachadas ordénase en tres bandas verticais, onde as estremas son iguais, agás pola introdución do balcón en esquina. Tratase dun edificio de vivendas burguesas típicos dos «ensanches», cunha distribución moi compartimentada e racional.
O sistema estrutural incorpora as novas técnicas construtivas do formigón armado pero cunha solución ancorada na tradición, onde a fachada conserva a función portante, e resólvese cun muro de formigón que, desde o punto de vista estético, imita as formas e detalles dos muros pétreos.
O edificio do núm. 7 da rúa de Gómez Ulla mantense practicamente íntegro, tal e como foi construído, e son pouco significativas as modificacións introducidas na década de 1990 co cambio de uso da planta baixa e pouco relevantes as deficiencias construtivas.
Existe na actualidade un trámite para unha rehabilitación integral que, nos termos en que está proposta, segundo a información que forma parte do expediente, supón unha variación da distribución para a disposición de apartamentos que, en termos funcionais e nos efectos sobre os elementos relevantes do edificio, tanto nos estruturais como nos da fachada, non implican unha deturpación ou perda dos seus valores.
4. Outros datos.
• Datación cronolóxica: o proxecto e a licenza de construción son do ano1952 e consta que no ano 1954 xa estaba rematado.
• Autoría: o autor do proxecto e director das obras de construción do edificio de vivendas foi o arquitecto José María Banet y Díaz Varela.
• Adscrición cultural, período histórico ou estilo artístico: arquitectura da Autarquía.
• Referencia ás persoas ou organizacións asociadas: a compañía Matarile Teatro, creada no ano 1986 por Ana Vallés e Baltasar Patiño, impulsou e xestionou a sala Teatro Galán, que estivo aberta na planta baixa deste edificio entre os anos 1993 e 2005. Foi un espazo dedicado á programación e difusión do teatro e da danza contemporáneos. Tanto a compañía coma o espazo do teatro obtiveron numerosos recoñecementos e premios ao longo da súa historia e son un referente das artes escénicas de Galicia.
5. Uso.
– Función actual: en proceso de rehabilitación para usos residenciais.
– Uso orixinal: vivenda nas plantas altas, garaxe na planta semisoto e posiblemente na planta baixa.
– Cambios no uso: a planta baixa acolleu usos comerciais e, nos anos 90, un local de espectáculos públicos. As plantas altas acolleron, nos últimos anos de actividade usos da Administración autonómica.
– Usos compatibles: o uso orixinal de vivendas na planta alta e comercial na planta baixa semellan os máis axeitados para garantir a conservación das características tipolóxicas do edifico, ben que os procesos de rehabilitación ou a incorporación de novos usos non orixinais poden estimarse compatibles perante a desocupación do edificio, polo que non se estima preciso establecer ningunha prohibición de uso específica fóra das que estean xa previstas no planeamento vixente. Por tanto, considérase posible mudar o uso do edificio, pero a dita mudanza deberá ser compatible co mantemento das súas características tipolóxicas.
6. Estado de conservación.
• Estado de conservación: o estado de conservación xeral é aceptable, sen deficiencias visibles nin na estrutura nin nos elementos construtivos máis significativos. Porén, a desocupación, a falta de uso e a falta de intervencións de mantemento están deteriorando algún dos elementos do edificio; así, obsérvanse humidades e sucidade nas paredes exteriores que requirirían ser pintadas. Asemade, os elementos de madeira das carpintarías requiren labores de conservación, o que deberá ser obxecto de incorporación aos futuros proxectos de rehabilitación.
• Riscos e ameazas: os principais riscos para a conservación do edificio son a falta de uso e a ausencia de labores de mantemento. A protección legal en virtude dos seus valores estímase unha medida acaída para a súa salvagarda e evitar a súa desaparación.
• Intervencións prioritarias: non se considera oportuno adoptar intervencións prioritarias ou urxentes para salvagardar o ben; porén considérase necesario, cando menos, pintar a fachada do edificio.
7. Réxime de protección.
• Natureza: inmoble.
• Categoría: monumento.
• Interese específico: patrimonio arquitectónico.
• Nivel de protección: estrutural.
7.1. Réxime de protección específico.
• Ampliación de planta: as características unitarias do inmoble aconsellan evitar a ampliación volumétrica da edificación que afecte a súa percepción desde o exterior, sen que esta impida a reestruturación da cuberta ou o uso do patio interior ao non ser este visible.
• Determinación detallada dos elementos construtivos que se protexen: conservaranse os elementos estruturais orixinais, tanto os verticais coma os horizontais (muros de carga, piares, vigas e placas); os elementos volumétricos singulares, como a cornixa e os balcóns (incluíndo as reixas e os balaústres); os ocos das fachadas que dan á rúa, incluíndo a carpintaría exterior orixinal (fiestras, portas e contraventás); e os acabamentos exteriores (impostas e revestimentos decorativos). No referido á escaleira, procurarase manter a posición para non afectar a lóxica estrutural do edificio, sen que isto determine a súa conservación. Así mesmo, serán admisibles intervencións puntuais para a eliminación de barreiras arquitectónicas e melloras funcionais para o axeitado acceso a todas as plantas da edificación, sempre que se manteña a lóxica xeral dos elementos estruturais do edificio.
• Condicións para o tratamento dos elementos de fachada: considérase admisible a instalación de rótulos de carácter comercial ou similar na planta baixa, que deberán axustarse a unhas determinadas condicións e serán obxecto de valoración no momento oportuno. Tamén se consideran admisibles as obras de reforma parcial para eliminar as barreiras arquitectónicas que permitan un acceso adecuado á planta baixa e ás plantas altas do edificio, incluso intervindo puntualmente nos elementos estruturais do edificio.
• Demolición ou retirada de elementos que resulten incompatibles coa posta en valor: cómpre substituír a carpintería metálica dos dous ocos da planta baixa por outra máis acorde coas características da do resto do edificio.
7.2. Réxime de protección xeral.
O nivel de protección proposto é estrutural en función dos seus valores recoñecidos, polo que será de aplicación con carácter xeral o establecido nos artigos 40 a 44 e 89 e 90 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
Ao localizarse o inmoble no ámbito do perímetro azul do conxunto histórico de Santiago, na tramitación das autorizacións que o afecten observarase o disposto no Decreto 99/2012, do 27 de setembro, de delegación de competencias da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia no Concello de Santiago de Compostela, relativas á autorización de proxectos no denominado perímetro azul do concello, coas excepcións recollidas no artigo 42.4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Non se considera precisa a introdución dun contorno de protección específico, xa que a localización dentro do devandito perímetro azul xa resulta garantía suficiente para esta protección.
En aplicación das obrigas derivadas da clasificación legal, cómpre resumir as seguintes:
• Conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.
• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.
• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigados a comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.
• Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben terán que ser autorizadas coa garantía da conservación dos valores que aconsellaron a súa protección, segundo o réxime de competencias vixente.
• Utilización: a utilización do ben catalogado quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellería competente en materia de patrimonio cultural. En calquera caso, a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda realizar quedarán subordinadas a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.
8. Fotografía.

ANEXO II
Identificación gráfica
A delimitación do ben axústase á parcela física na cal se sitúa, que coincide coa parcela catastral. A superficie da parcela do ben delimitado é de 236 m². Non se considera necesario establecer un contorno de protección ao estar incluído no ámbito de perímetro azul de protección do conxunto histórico da cidade de Santiago de Compostela.


