Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 3 de outubro de 2018 Páx. 44675

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2018 pola que se convocan cursos para persoal da Administración local de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito, con data do 21 de mayo de 2018, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar os cursos para persoal da Administración local de Galicia que figuran no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderá participar nas accións formativas convocadas mediante esta resolución o persoal ao servizo da Administración local de Galicia e, en caso de vacante, persoal da Administración autonómica e estatal, que se atope en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou excedencia polo coidado dun/ha fillo/a ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Este incidente debe comunicarse á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 4 de outubro ata o día 10 de outubro.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Así mesmo, os/as peticionarios/as poderán obter información sobre a súa admisión chamando ao teléfono 988 31 75 80 ou consultando a páxina web <www.depourense.es/formacion>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Con carácter xeral, darase prioridade no proceso de selección dos/as participantes aos/ás solicitantes que presten servizos na Administración local da provincia de Ourense.

2. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2018, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 16 de xaneiro (DOG núm. 19, do 26 de xaneiro), comezarase pola letra G.

3. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera.

Desde a deputación provincial poderá comunicárselles telefonicamente aos seleccionados a súa admisión, co fin de obter a confirmación sobre a súa participación na acción formativa.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento da actividade

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima dun día natural anterior ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

e) Seguimento das actividades impartidas na modalidade mixta:

As faltas de asistencia nas horas presenciais da actividade non poderán superar o 10 % da duración desta. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

4. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

b) As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

c) Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

d) Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

e) As faltas de asistencia:

Deberá xustificarse documentalmente ante os responsables das probas das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das probas.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar as actividades é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial, se a houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para o efecto se establezan. Para superar as probas de avaliación, o alumnado deberá responder de forma correcta un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

As datas e o lugar de realización indícanse no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Deputación Provincial de Ourense reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

• Código: CV18041.

Curso de aplicacións informáticas de follas de cálculo con Libreoffice Calc 2010.

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecemento práctico avanzado na folla de cálculo.

2. Destinatarios/as.

Persoal da Administración local da provincia de Ourense e, en caso de vacantes, persoal da Administración local, autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixta (8 horas presenciais e 42 horas de teleformación).

Duración: 50 h.

Datas: do 19 de novembro ao 17 de decembro de 2018.

Datas das sesións presenciais: 19 e 26 de novembro e 10 e 17 de decembro de 2018, das 17.00 ás 19.00 horas.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza, nº 3, Ourense).

Prazas: 25.

4. Contido.

1. Introdución á aplicación.

2. Primeiros pasos con calc.

3. Técnicas de desprazamento e selección.

4. Xestión de arquivos. Traballar con varias follas.

5. Traballar con fórmulas.

6. Formato de celas, filas e columnas.

7. Funcións en calc.

8. Categorías de funcións.

9. Ferramentas de edición avanzada.

10. Imprimir follas de cálculo.

11. Traballar con listas de datos.

12. Gráficos.

• Código: CV18042.

Curso de aplicacións informáticas de tratamento de textos con Libreoffice Writer.

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecementos do programa de tratamento de textos Writer.

2. Destinatarios/as.

Persoal da Administración local da provincia de Ourense e, en caso de vacantes, persoal da Administración local, autonómica e do Estado.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixta (7,5 horas presenciais e 22,5 horas de teleformación).

Duración: 30 h.

Datas: do 15 de outubro ao 5 de novembro de 2018.

Datas das sesións presenciais: 15 e 29 de outubro e 13 de novembro de 2018, das 17.00 ás 19.00 horas.

Lugar: aulas de informática de Postal Escuela de Negocios (rúa Reza, nº 3, Ourense).

Prazas: 25.

4. Contido.

1. Conceptos xerais e características fundamentais do programa de tratamento de textos.

2. Introdución, desprazamentos, selección e operadores de texto.

3. Arquivos da aplicación. Localización. Tipo e operacións con eles.

4. Utilización das diferentes posibilidades que ofrece o procesador de textos para mellorar o aspecto do texto.

5. Configuración de páxina en función do tipo de documento a desenvolver utilizando as opcións da aplicación.

6. Visualización do resultado antes da impresión.

7. Creación de táboas como medio para mostrar o contido da información, en todo o documento ou en parte del.

8. Corrección de textos coas ferramentas de ortografía e gramática.

9. Impresión de documentos creados en distintos formatos de papel e soportes como sobres e etiquetas.

10. Creación de sobres e etiquetas individuais. etiquetas e documentos modelo para a creación de envíos masivos.

11. Inserción de imaxes e autoformas no texto para mellorar o seu aspecto.

12. Creación de estilos que automatizan tarefas de formato de parágrafos con estilo repetitivo e para creación de índices.

13. Utilización de asistentes que incorpora a aplicación e creación de modelos propios de nova creación.

14. Traballo con documentos longos.

15. Fusión de documentos procedentes doutras aplicacións do paquete ofimático utilizando a inserción de obxectos do menú inserir.

16. Utilización das ferramentas de revisión de documentos e traballo con documentos compartidos.

17. Automatización de tarefas repetidas mediante marcos.