Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 4 de outubro de 2018 Páx. 44807

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 24 de setembro de 2018 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Fuertes e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Fuertes, adscrita ao protectorado da Consellería de Política Social, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta orde baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

Primeiro. O 13 de decembro de 2017 presentouse ante este protectorado a solicitude de ratificación da extinción da Fundación Fuertes, adoptada por acordo do seu padroado.

Segundo. A Fundación Fuertes foi constituída en escritura pública outorgada en Narón o 3 de xaneiro de 2005, ante o notario Alberto María Romero Neira, co número 5 do seu protocolo, emendada por outra posterior outorgada o 1 de marzo de 2005 ante o mesmo notario co número 270 do seu protocolo. Foi clasificada como benéfico social por Orde do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 9 de marzo de 2005 (DOG núm. 55, do 21 de marzo) e declarada de interese galego por Orde da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais do 17 de xuño de 2005 (DOG núm. 137, do 18 de xullo). Está adscrita ao protectorado da Consellería de Política Social por Orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2 de febreiro de 2016 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), figurando inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2005/6.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 5 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

– Loitar de forma permanente e creativa contra a exclusión social e discriminación das persoas, por razóns físicas, sociais e culturais.

– Promover, atender e apoiar ás persoas en risco de exclusión social por razóns físicas, sociais e culturais prestando especial atención ás que teñan discapacidade física, psíquica, mental e/ou sensorial, sen que teña carácter excluínte.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación na súa reunión do 16 de agosto de 2017 adoptou o acordo de extinción da fundación motivado na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, de fundacións de interese galego e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento das fundacións de interese galego.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realizar o fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, corresponde a esta consellería resolver esta solicitude.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, e 15/2009, do 21 de xaneiro, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente, polo que

RESOLVO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Fuertes.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da Fundación Fuertes no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Política Social no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2018

O conselleiro de Política Social
P.D. (Orde do 3.3.2016; DOG núm. 54, do 18 de marzo)
Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Política Social