Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 8 de outubro de 2018 Páx. 45097

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2018 pola que se convoca un curso sobre o comercio electrónico.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 5 de outubro de 2017, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar un curso sobre o comercio electrónico que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderá participar na actividade formativa convocada mediante esta resolución o persoal do IGCC, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dos Espazos Xoves e das OMIX que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento da actividade de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que para esta actividade se indique na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; en caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Así mesmo os peticionarios poderán obter información chamando ao teléfono 881 99 90 93.

Cuarta. Criterios de selección

Terá preferencia o persoal do IGCC. Para o caso de que non se cubran as prazas co dito persoal aplicaranse os criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde o día seguinte ao da súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de agarda.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento da actividade de teleformación

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Para poder superar a actividade é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial, se a houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela e de maneira en liña.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o IGCC poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o IGCC resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o IGCC garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV18043.

Comercio electrónico.

1. Obxectivos.

O emprego xeneralizado das TIC fixo que se incrementase o denominado comercio electrónico, é dicir, a posibilidade de facer compras a través da internet, o que presenta moitas vantaxes sempre que se faga de xeito seguro. Por iso, este curso persegue os seguintes obxectivos:

– Explicar os pasos a seguir para facer compras na internet dun xeito seguro e, especificamente, os aspectos máis importantes para evitar fraudes: identificación de páxinas seguras e dos distintos medios de pago; explicación da posibilidade de abandonar a compra e descrición das vantaxes e dos inconvenientes no emprego da banca electrónica na compra en liña.

– Habilitar o alumnado participante para o manexo da ferramenta en liña simulador de compras do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, co obxectivo de realizar compras seguras na internet.

– Dar a coñecer os dereitos específicos das persoas consumidoras e como presentar unha reclamación no caso das compras efectuadas a distancia.

2. Destinatarios/as.

Poderá participar na actividade formativa convocada mediante esta resolución o persoal do IGCC; da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dos Espazos Xoves e das OMIX.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Edicións: 1.

Datas: do 23 de outubro ao 23 de novembro de 2018.

Proba final: 23 de novembro: das 9.00 ás 14.00 horas.

4. Contido.

Módulo inicial: Presentación (2 horas).

– Guía docente e presentación do curso.

Módulo 1: O consumo na rede (3 horas).

– Estudo do denominado consumo na rede, con especial referencia aos hábitos e aos comportamentos máis habituais das persoas ao ter un acceso libre e prolongado á rede.

– Análise das novas formas de consumo que están en auxe.

Módulo 2: A seguridade das compras na rede (4 horas).

– Estudo dos pasos a seguir para realizar unha compra ou contratación segura por la internet, proporcionando ferramentas que servirán de guía básica para navegar con seguridade.

– Identificación de páxinas seguras para mercar na rede.

– Correo non desexado e tipoloxías.

– Tipos de estafas e delitos nas compras na internet: como evitalos.

Módulo 3: A banca electrónica (3 horas).

– Concepto de banca a distancia. Vantaxes e inconvenientes da banca electrónica.

– Uso seguro de banca electrónica.

– Consellos específicos para efectuar transaccións bancarias.

Módulo 4: As vías de resolución de conflitos (3 horas).

Dereitos das persoas consumidoras.

Dereitos específicos das compras a distancia.

Como reclamar nas compras por la internet.

Módulo 5: Manexo coa ferramenta do simulador de compras (3 horas).

– Coñecemento e formación específica no manexo do simulador de compras, coa finalidade de que o alumnado a poida empregar como ferramenta didáctica no seu propio ámbito laboral cun público destinatario concreto.

Módulo final: Conclusións e avaliación (2 horas).