Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 16 de outubro de 2018 Páx. 46001

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan á empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada ampliación da subestación San Cibrao 132/20 kV-nova posición de liña 132 kV para Cogeneración del Noroeste, no termo municipal de San Cibrao das Viñas, na provincia de Ourense (expediente IN407A 2018/17-3).

Feitos:

Primeiro. A subestación San Cibrao de Unión Fenosa Distribución, S.A., situada no polígono industrial do termo municipal de San Cibrao das Viñas (Ourense), dispón dun parque de 132 kV, un parque de 20 kV e tres transformadores de potencia, cunha relación de transformación de 132/20 kV, e que suman unha potencia de 110 MVA (2×40+1×30).

Segundo. O 25 de maio de 2018, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada ampliación da subestación San Cibrao 132/20 kV-nova posición de liña 132 kV para Cogeneración del Noroeste, acompañada do proxecto de execución e da separata técnica para o Concello de San Cibrao das Viñas.

Segundo consta no proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada consiste na ampliación da subestación de San Cibrao cunha nova posición de liña a 132 kV, mediante a instalación de módulo híbrido, para conectar ás barras existentes a liña do cliente Cogeneración del Noroeste, en espazo libre xa habilitado (figura no expediente IN407 2012/70-3, que dispón de acta de posta en marcha do 16 de decembro de 2014). O citado módulo, modelo HYPACT de G.E.E., está composto por:

– Un seccionador tripolar no lado de barras, 2.500 A e 40 kA, motorizado e con tres posicións (aberto, pechado e terra de interruptor), un seccionador tripolar na saída a liña, 2.500 A e 40 kA, motorizado e con dúas posicións (aberto e pechado), un interruptor automático tripolar, 2.500 A e 40 kA, de illamento e corte en gas SF6 con accionamento por resortes cargados a motor, un armario de control situado na propia estrutura do módulo coa súa aparamenta e bornes de centralización, tres transformadores de intensidade de tipo toroidal de relación 200-400-800/5-5-5 A, e potencias e clases de precisión 15 VA cl 0,5, e 2×15 VA cl 5P 20, montados sobre os bushing; os seus correspondentes dispositivos de protección e medida que se instalarán nun armario en intemperie.

– Autoválvulas, transformadores de tensión e de intensidade e sistema de proteccións, control, comunicacións, medida e RPM, así como a correspondente rede de terras.

Terceiro. O 5 de xuño de 2018, a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola cal se someteu a información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción para a dita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia, do 27 de xuño de 2018, e no Boletín Oficial da provincia do 28 de xuño de 2018, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios da xefatura territorial.

Durante o período en que a devandita solicitude se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 6 de xuño de 2018, a xefatura territorial trasladou unha separata técnica do proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica ao Concello de San Cibrao das Viñas, como administración con bens e dereitos ao seu cargo afectados por ela, para os efectos de obter a súa conformidade, oposición ou condicionado ao respecto.

O 20 de xuño de 2018, o dito concello enviou informe do arquitecto municipal, en relación coa solicitude de licenza municipal presentada polo promotor, no cal di que as referidas obras están suxeitas ao réxime de intervención municipal de comunicación previa e non ao de licenza municipal, e que a documentación presentada se axusta ao sinalado no número 1 do artigo 146 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Quinto. O 20 de agosto de 2018, a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude de Unión Fenosa Distribución, S.A. para a concesión das autorizacións administrativas previa e de construción para a dita infraestrutura eléctrica.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

Terceira. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade co que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESoLVO:

Outorgar á empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada ampliación da subestación San Cibrao 132/20 kV-nova posición 132 kV de Cogeneración del Noroeste, no termo municipal de San Cibrao das Viñas (Ourense).

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. As instalacións de distribución de enerxía eléctrica que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Unión Fenosa Distribución, S.A., titulado subestación San Cibrao 132 kV-L/Cogeneración del Noroeste 132 kV, asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17.068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio co nº 201801403 e con data do 11 de maio de 2018, e no cal figura un orzamento total de 356.937,22 euros.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas