Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 16 de outubro de 2018 Páx. 45895

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2018 pola que se dá publicidade do Acordo do Pleno do 2 de outubro, polo que se aproba a Instrución relativa á remisión telemática dos extractos dos expedientes de contratación e das relacións anuais dos contratos celebrados polas entidades e entes do sector público local de Galicia ao abeiro da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

O Pleno do Consello de Contas, na súa reunión do día 2 de outubro de 2018, adoptou o acordo polo que se aproba a Instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia dos extractos dos expedientes de contratación e das relacións anuais dos contratos celebrados polas entidades e entes do sector público local de Galicia ao abeiro da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Para o seu coñecemento xeral e ao abeiro das competencias que me corresponden consonte o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,

RESOLVO:

Dispoñer a publicación da Instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia dos extractos dos expedientes de contratación e das relacións anuais dos contratos celebrados polas entidades e entes do sector público local de Galicia ao abeiro da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2018

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia

dos extractos dos expedientes de contratación e das relacións anuais

dos contratos celebrados polas entidades e entes do sector público local

de Galicia ao abeiro da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos

do sector público

Nos últimos anos, a contratación pública foi obxecto dunha profunda revisión á luz da normativa da Unión Europea, que se incorporou á lexislación española, sendo o último paso a aprobación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP), cuxa entrada en vigor tivo lugar o 9 de marzo de 2018.

A devandita LCSP, no seu artigo 335, recolle unha regulación máis ampla das obrigas de remisión da información contractual ao Tribunal de Contas ou órgano externo de fiscalización correspondente da Comunidade Autónoma (OCEx) polas entidades pertencentes ao sector público, e introduce algúns cambios respecto da lexislación anterior. Así, o citado artigo regula a obrigación de remisión de información sobre os contratos para o exercicio da función fiscalizadora, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia ao Consello de Contas, debendo enviar dentro dos tres meses seguintes á formalización do contrato unha copia certificada do documento mediante o que se formalizou, acompañada dun extracto do expediente do que se derive, sempre que o prezo de adxudicación supere determinados importes segundo o tipo de contrato, ou, no caso de acordos marco, cando o seu valor estimado exceda das citadas contías.

Así mesmo, contémplase no citado artigo 335 a obrigación de remitir ao órgano de control externo a copia certificada e o extracto do expediente aos que se fixo referencia anteriormente, relativos aos contratos baseados nun acordo marco e aos contratos específicos celebrados no marco dun sistema dinámico de adquisición sempre que o prezo de adxudicación do contrato exceda, en función da súa natureza, das contías sinaladas no mencionado precepto.

O artigo 335 da LCSP mantén o deber de comunicar tamén as incidencias na execución dos contratos indicados –modificacións, prórrogas ou variacións de prazos, variacións de prezo, nulidade e extinción–; todo iso sen prexuízo das facultades recoñecidas ao órgano de control externo competente para reclamar cantos documentos e antecedentes se estimen pertinentes en relación cos contratos de calquera natureza e contía.

Ademais, o mencionado artigo dispón que se remitirá unha relación do resto de contratos celebrados incluídos os contratos menores, excepto aqueles que, sendo o seu importe inferior a cinco mil euros, se satisfagan a través do sistema de anticipo de caixa fixa ou outro sistema similar para realizar pagos menores. Na relación consignárase a identidade do adxudicatario, o obxecto do contrato e a súa contía.

Coa finalidade de harmonizar e facilitar o cumprimento das previsións legais de presentación da información contractual por parte das entidades e entes do sector público local de Galicia, mediante convenio asinado para o efecto co Tribunal de Contas o día 27 de xuño de 2011, o Consello de Contas utiliza a Plataforma de rendición de contas das entidades locais e as aplicacións a ela vinculada, para a remisión telemática única da documentación e para a explotación e uso compartido dela. Consecuentemente, ao abeiro do deber establecido no artigo 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, mediante esta instrución tamén se establece a respecto do propio Consello de Contas a obriga prevista no artigo 40.2 da Lei 7/1988, do 5 de abril, de funcionamento do Tribunal de Contas (LFTC) e no parágrafo terceiro da epígrafe 1 do expresado artigo 335 sobre a remisión da relación de contratos celebrados.

A experiencia acumulada evidencia que a implantación deste modelo supuxo un grande avance en termos de eficacia, eficiencia e economía. Permite, así mesmo, optimizar a actividade de control externo sobre o sector público local, facilitando a realización de análises comparativas, á vez que impulsar unha mellora na actuación das entidades que o integran, tanto en termos de axilización do procedemento de remisión, de homoxeneización e depuración da información presentada, como de favorecemento dunha maior transparencia da xestión.

A aprobación polo Tribunal de Contas dunha nova instrución publicada no Boletín Oficial del Estado para recoller as modificacións introducidas pola actual LCSP respecto da lexislación anterior, en particular as levadas a cabo polo artigo 335 en relación coa remisión polos órganos de contratación da información contractual ao Tribunal de Contas, levan ao Pleno do Consello a adoptar esta nova Instrución relativa á remisión telemática dos extractos dos expedientes de contratación e das relacións anuais dos contratos celebrados polas entidades do sector público local de Galicia celebrados ao abeiro da nova normativa. Esta normativa segue un modelo análogo ao recollido na anterior Instrución do Consello de Contas de 2016, efectuando na presente os axustes requiridos pola actualmente vixente LCSP.

Por todo iso, en virtude das competencias recoñecidas ao Consello de Contas nos artigos 1.1, 2.1.b e 7.3.b, da referida Lei 6/1985, así como no artigo 335.5 da LCSP, para levar a cabo a fiscalización da contratación do sector público local de Galicia, o Pleno do Consello de Contas, na súa sesión celebrada o día 2 de outubro de 2018, aproba a seguinte instrución:

Primeiro. Obxecto, ámbito de aplicación e documentación que cómpre remitir

Mediante esta instrución, o Consello de Contas de Galicia concreta a información e documentación contractual que lle serán remitidas en cumprimento das obrigas contidas no artigo 335 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP), en relación cos artigos 1.1, 2.1.b da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, xunto co procedemento e medio para levalo a cabo. Ademais, en coherencia co principio de rendición única e co deber establecido no artigo 23 da referida Lei 6/1985 tamén se dispón a forma de cumprir co envío da relación anual de contratos prevista no mencionado artigo 335.1 e no artigo 40.2 da Lei 7/1988, do 5 de abril, de funcionamento do Tribunal de Contas (LFTC).

A obriga de remisión da documentación contractual ao Consello de Contas por parte dos órganos, organismos e entidades do sector público local de Galicia realizarase por medio da Plataforma de rendición de contas das entidades locais (www.rendicioncuentas.es) na forma, contido e prazos establecidos na instrución relativa á remisión telemática ao Tribunal de Contas dos extractos dos expedientes de contratación e das relacións anuais dos contratos celebrados polas entidades do sector público local, aprobada por Acordo do seu Pleno do día 28 de xuño de 2018 e publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 166, do 10 de xullo.

Segundo. Achega de documentación dos expedientes relativos a contratos

En relación ás obrigas derivadas do artigo 335 da LCSP estarase ao disposto no punto III.2 da devandita Instrución do Tribunal de Contas.

Consecuentemente, dentro dos tres meses seguintes á formalización de cada contrato ou acordo marco, haberá de enviarse copia do documento de formalización acompañada do extracto do expediente do contrato sempre que o prezo de adxudicación do contrato ou, no caso dos acordos marco, o seu valor estimado, excedan das contías e nos termos que se indican na alínea primeira do citado punto III.2.

Igualmente, dentro dos tres meses seguintes á data na que teñan lugar, deberán comunicarse as modificacións, prórrogas ou variacións de prazos, as variacións de prezo e o importe final, a nulidade e a extinción normal ou anormal dos contratos, de acordo co disposto na alínea segunda do mencionado punto III.2.

Estas previsións non son de aplicación aos negocios e contratos enunciados nos artigos 5 a 11 da LCSP por estar excluídos dela.

Terceiro. Achega das relacións anuais de contratos

En virtude do disposto no artigo 335.1 da mencionada LCSP e do referido convenio de colaboración co Tribunal de Contas, a relación anual de contratos prevista nese precepto e no artigo 40 da LFTC, tamén despregará os seus efectos perante o Consello de Contas para a súa utilización na función fiscalizadora da actividade contractual que corresponde ao Consello.

Anualmente, e dentro dos dous primeiros meses de cada exercicio, deberán remitir as relacións certificadas comprensivas dos contratos celebrados no exercicio precedente, incluídos os contratos menores, excepto aqueles de importe inferior a 5.000 euros que se satisfixeron a través do sistema de anticipo de caixa fixa ou outro similar para realizar pagos menores, de acordo co establecido no punto III.1 da citada Instrución do Tribunal de Contas. En caso de non celebrarse contratos, deberá achegarse unha certificación negativa.

Cuarto. Prezo de adxudicación de contratos e valor estimado de acordos marco

O prezo de adxudicación e o valor estimado determinaranse consonte ao criterio establecido no apartado V da devandita Instrución do Tribunal de Contas.

Quinto. Requirimento doutra documentación

Con independencia da información e documentación sinalada nas epígrafes anteriores, o Consello de Contas poderá requirir o envío de documentación adicional en relación cos contratos calquera sexa a súa natureza e contía. Neste caso, a entidade ou o ente do sector público local requirido deberá facilitar a información e documentación solicitada, en cumprimento da colaboración debida conforme prevé o artigo 23 da Lei 6/1985, e do expresamente establecido no artigo 335.3 da LCSP. O devandito requirimento deberá ser atendido nos termos e prazos fixados nel.

Sexto. Protección de datos

A aplicación da instrución realizarase con sometemento á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; ao Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos); así como ao resto de normas específicas que regulan a propiedade intelectual e o tratamento electrónico da información.

Sétimo. Canle de envío

A información contractual referida nos puntos segundo e terceiro desta instrución achegarase a través da Plataforma de rendición de contas das entidades locais accesible desde o portal web do Consello de Contas (www.cconsellodecontas.es).

O procedemento de remisión telemática desta información axustarase ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas disposicións de desenvolvemento relativas aos procedementos electrónicos.

Oitavo. Réxime transitorio

A información relativa aos contratos cuxa tramitación se rexeu pola normativa anterior á vixente LCSP, continuarase enviando no soporte e forma que establece a Instrución aprobada por Acordo do 22 de febreiro de 2016 do Pleno do Consello de Contas.

Noveno. Norma supletoria

No non previsto neste acordo observarase o establecido na referida instrución relativa á remisión telemática ao Tribunal de Contas dos extractos dos expedientes de contratación e das relacións anuais dos contratos celebrados polas entidades e entes do sector público local ao abeiro da LCSP sempre que non se opoña ou contradiga o disposto na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

Décimo. Data de entrada en vigor

Esta instrución, que derroga a anterior do ano 2016 (DOG núm. 45, do 7.3.2016), entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, consonte ao disposto no segundo parágrafo da disposición transitoria da Instrución do Tribunal de Contas publicada no BOE do día 10 de xullo deste ano, as achegas de documentación dos expedientes relativos a contratos ás que se refire o artigo 335 da vixente Lei 9/2017 realizadas a partir do día 2 de xullo de 2018 conforme a esa instrución tamén surtirán plenos efectos diante deste consello.