Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 18 de outubro de 2018 Páx. 46201

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 128/2018, do 4 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Saneamento no concello de Valga 2018.

O Concello de Valga, en sesión que tivo lugar o día 16.7.2018, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Saneamento no concello de Valga 2018, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data do 13.9.2018 tivo entrada no rexistro do Portelo Único da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Valga e parte do expediente. Con data do 24.9.2018 tivo entrada documentación complementaria da dita solicitude. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que esta actuación permitirá a evacuación das augas residuais procedentes das vivendas existentes na actualidade, eliminando os pozos negros e fosas sépticas existentes en cada vivenda, e evitando así os posibles focos de contaminación ambiental. A construción da depuradora de augas residuais proxectada atende as demandas sanitarias dos veciños do concello que aínda non posuían conexión ou acceso ás redes xerais de saneamento, e teñen que servirse na actualidade de pozos negros ou verter en superficie as súas augas residuais; todo isto, unido á aceptable capacidade filtrante do terreo, podería provocar problemas de salubridade a curto e longo prazo.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 4 de outubro de 2018,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Saneamento no concello de Valga 2018, e, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, catro de outubro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza