Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 18 de outubro de 2018 Páx. 46183

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 127/2018, do 4 de outubro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais no marco da participación institucional.

O presente decreto ten a súa orixe no diálogo social, no cal se acadou consenso respecto do seu alcance no desenvolvemento da Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia. Á vista deste acordo e tendo en conta que, con posterioridade á Lei 17/2008, do 29 de decembro, se aprobou a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a cal recolle unha disposición adicional relativa á participación institucional, procede conxugar o acordado co disposto na devandita disposición adicional, desenvolvendo, nun só texto e de xeito harmónico, as previsións contidas en ambas as leis.

A Lei 17/2008, do 29 de decembro, regula a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, as cales constitúen un piar básico do Estado social e democrático de dereito, pola súa contribución á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lle son propios, tal como se recolle para o conxunto dos sindicatos de traballadores e asociacións empresariais no artigo 7 da Constitución española.

Os ámbitos de intervención da participación institucional en que estas entidades desenvolven as súas actividades con motivo da súa presenza no seo dos órganos da Administración autonómica, os seus organismos públicos e entidades públicas, ademais da súa participación na elaboración dos instrumentos de planificación da Xunta de Galicia, veñen referidos nos artigos 3 e 4 da devandita Lei 17/2008, do 29 de decembro, respectivamente, considerándose as ditas actividades de interese xeral.

Mediante o exercicio desta participación institucional estase, polo tanto, a atribuír aos interlocutores sociais e económicos a defensa, nos ditos ámbitos, dos intereses xerais comúns e intersectoriais que corresponden a todos os traballadores e traballadoras, empresarios e empresarias, situándose o seu encaixe normativo no Convenio nº 150 da OIT sobre a administración do traballo, nos artigos 7, 9.2, 22, 28 e 129 da Constitución española e no artigo 4.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O importante papel atribuído a estas organizacións deriva na necesidade de regular os criterios e o procedemento para a repartición das compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia con motivo das funcións resultantes desta participación institucional, funcións que se lles atribúen polas normas de creación de cada órgano ou entidade para o fomento da participación institucional, en desenvolvemento do previsto no artigo 6.2 da referida Lei 17/2008, do 29 de decembro.

Con posterioridade á Lei 17/2008, do 29 de decembro, aprobouse a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que establece, na súa disposición adicional décimo terceira, que nos órganos de participación institucional constituídos no seo da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público terán dereito a participar os sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, asumindo, así mesmo, todos os dereitos e deberes recollidos nos títulos II e III da referida Lei 17/2008, do 29 de decembro, sendo o título III o relativo ao fomento da participación institucional mediante o establecemento de compensacións económicas. En consecuencia, no presente decreto se recollen, así mesmo, as previsións derivadas do indicado na devandita disposición adicional.

Pola propia natureza e destinatarios da subvención previstos nesta norma non se fai preciso establecer un límite aos importes do pagamento anticipado nin fixar unha garantía.

En canto á súa estrutura, este decreto consta de 25 artigos, unha disposición transitoria e dúas derradeiras, en que se detallan o obxecto dese decreto, o réxime xurídico, as características das organizacións beneficiarias, o criterio de repartición das compensacións económicas, o procedemento de concesión das compensacións, a resolución e recursos, e o seu pagamento, o réxime de xustificación a través do sistema de módulos e o reintegro.

En aplicación do disposto no artigo 19.4.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o procedemento de concesión das compensacións económicas será o de concesión directa.

En canto á xustificación das subvencións concedidas, establécese un sistema de xustificación a través de módulos, conforme o previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na sección terceira do capítulo II do título III do regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, sobre a base dun informe técnico motivado en que se recollen as variables técnicas, económicas e financeiras tidas en conta para a determinación dos módulos.

De conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na tramitación deste decreto, ademais de cumprir coa obriga de publicidade imposta pola normativa en materia de transparencia, emitiron o seu informe os órganos competentes en materia de orzamentos e igualdade, así como conxuntamente os órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e avaliación e reforma administrativa do sector público autonómico. O proxecto foi sometido ao ditame do Consello Galego de Relacións Laborais e emitiu informe a Asesoría Xurídica.

O presente texto respecta os principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficacia, previstos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de outubro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras para a concesión das compensacións económicas para o fomento da participación institucional ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia, en desenvolvemento do artigo 6.2 da Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, e ás organizacións sindicais que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, de acordo co establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Obxecto das compensacións económicas

As compensacións económicas teñen por obxecto fomentar as funcións de participación institucional, co contido previsto no artigo 4 da Lei 17/2008, do 29 de decembro, desenvolvidas polas entidades beneficiarias.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión das compensacións económicas será o de concesión directa, previsto nos artigos 19.4.b) e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 36.b) e 39 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Para que sexa exixible o pagamento destas subvencións será necesaria a existencia de crédito axeitado e suficiente no correspondente exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 39.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. O réxime xurídico destas subvencións vén constituído pola Lei 17/2008, do 29 de decembro, polo presente regulamento, pola normativa orzamentaria, polas previsións da normativa básica estatal que lles sexan de aplicación, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo regulamento da dita lei.

Artigo 4. Beneficiarias

1. De conformidade co artigo 2.1 da Lei 17/2008, do 29 de decembro, as entidades beneficiarias serán as organizacións sindicais e empresariais intersectoriais que acrediten a condición de máis representativas de Galicia consonte o disposto nos artigos 6.2.a) e 7.1 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e na disposición adicional sexta do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 3 de outubro.

2. Tamén serán beneficiarias as organizacións sindicais que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, segundo o establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. No suposto das organizacións sindicais máis representativas, a condición de beneficiaria deberá ser acreditada, para a concesión das compensacións de cada exercicio orzamentario, mediante certificación dos resultados obtidos polas referidas organizacións, emitida polo Rexistro de Eleccións Sindicais, con referencia ao 31 de decembro do ano inmediatamente anterior, ou mediante certificación da referida Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas relativa ás organizacións que a compoñen.

4. As entidades beneficiarias están suxeitas ás obrigas previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

5. As entidades beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 5. Criterios de repartición e contía das compensacións

1. A contía total destinada á concesión de compensacións económicas para o fomento da participación institucional será a establecida nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio.

2. A cantidade global reflectida nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio destinada á concesión de compensacións económicas para o fomento da participación institucional distribuirase entre as entidades beneficiarias do seguinte xeito:

a) En primeiro lugar, dividirase en dúas partes iguais, unha asignada ás organizacións empresariais e a outra ás organizacións sindicais.

b) En segundo lugar, o importe correspondente a cada unha destas dúas partes iguais repartirase, no caso de que fosen varias as organizacións beneficiarias, en proporción á representatividade acadada por cada unha delas en data do 31 de decembro do exercicio inmediato anterior.

3. Os importes resultantes da aplicación dos criterios previstos no número anterior constitúen a contía da subvención para cada entidade beneficiaria.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes destas compensacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. A documentación complementaria tamén deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no último parágrafo do número 2. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes correspondentes ás compensacións económicas de cada exercicio deberán presentarse antes do 31 de marzo de cada ano.

Artigo 8. Documentación

1. Cada solicitude, que deberá de axustarse ao modelo previsto no anexo I deste decreto, deberá ir acompañada dun poder ou calquera outro medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da representación da persoa que actúa en nome da organización solicitante. A achega do poder non será exixible nos supostos previstos no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Tamén deberá achegarse xunto coa solicitude a seguinte documentación no caso de oposición expresa da persoa interesada á súa consulta pola Administración:

a) Copia do DNI ou NIE da persoa representante da organización solicitante, e do NIF da entidade solicitante.

b) Certificados de débedas expedidos pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

Artigo 9. Outros trámites que deberán realizar as persoas interesadas

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar no seo do procedemento de concesión das compensacións económicas para o fomento da participación institucional deberán ser realizados por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 10. Órgano instrutor

O órgano encargado da tramitación dos expedientes e a formulación das propostas de resolución que procedan será a subdirección xeral competente en materia de relacións laborais do órgano de dirección competente na devandita materia.

Artigo 11. Tramitación

1. Logo da recepción de solicitudes, o órgano instrutor comprobará se cada solicitude presentada coa súa correspondente documentación reúne os requisitos exixidos e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, será requirida a entidade interesada para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

2. Unha vez realizado o trámite anterior e os actos de instrución que poidan resultar necesarios e logo do trámite de audiencia nos termos previstos no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o órgano instrutor realizará a proposta de resolución que se elevará ao órgano competente para resolver.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás organizacións interesadas.

2. A competencia para resolver corresponderalle á persoa titular da consellería con competencias en materia de emprego.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses contados desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 do outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. A concesión das subvencións requirirá a autorización previa do Consello da Xunta nos casos previstos no artigo 26.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 13. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico e/ou teléfono móbil facilitados dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración autonómica de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Pagamento e exención de garantías

1. Con posterioridade á resolución de concesión efectuarase o pagamento anticipado que, conforme o disposto no artigo 5, corresponda a cada entidade beneficiaria.

2. As entidades beneficiarias están exentas da constitución de garantías de acordo co previsto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 15. Compatibilidade e prohibicións

1. Segundo o establecido no artigo 6.3 da Lei 17/2008, do 29 de decembro, as compensacións económicas ás organizacións beneficiarias serán compatibles co dereito dos seus representantes á percepción das indemnizacións que, en concepto de axudas de custo e asistencias, poidan corresponderlles a título persoal.

2. Así mesmo, estas compensacións serán compatibles coa percepción, por parte da organización beneficiaria, de subvencións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades incursas nalgunha das prohibicións contidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. A non incursión nas prohibicións referidas xustificarase mediante a declaración contida no anexo I.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. Xunto coas solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa fosen achegados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido nos artigos 28.3 e 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 18. Transparencia

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta conforme o disposto no dito precepto legal e no Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 20. Xustificación por módulos

A xustificación da subvención efectuarase polo sistema de módulos, de acordo co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na sección terceira do capítulo II do título III do Regulamento da dita lei. Os módulos aplicables, determinados sobre a base do informe técnico motivado elaborado para tal fin, son os seguintes:

a) Participación nun órgano de participación institucional nos termos do artigo 4.1 da Lei 17/2008, do 29 de decembro:

1º. Unha contía fixa por representante de 2.715 euros.

2º. Unha contía variable por organización de 227 euros, por reunión convocada á que asistise.

b) Participación na elaboración dos instrumentos de planificación da Xunta de Galicia nos termos do artigo 4.2 da Lei 17/2008, do 29 de decembro: unha contía de 1.280 euros por organización, por cada instrumento para o que a Administración solicitase e recibise colaboración.

Artigo 21. Reintegros

1. Procederá o reintegro das cantidades percibidas en concepto de subvencións, así como, se é o caso, a exixencia dos xuros de demora, nos supostos e de acordo co procedemento establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento de desenvolvemento.

2. En particular, serán causas de reintegro parcial das subvencións, nas contías que para cada causa se indican, as seguintes:

a) Pola negativa a participar nun órgano de participación institucional. A contía obxecto de reintegro por esta causa será de 2.715 euros por cada negativa.

b) A falta de asistencia a reunións dos órganos de participación institucional, sen causa xustificada. A contía obxecto de reintegro por esta causa será de 227 euros por cada negativa.

c) A negativa a prestar a colaboración solicitada na elaboración de instrumentos de planificación da Xunta de Galicia. A contía obxecto de reintegro por esta causa será de 1.280 euros por cada negativa.

Para proceder a estes reintegros será necesario o certificado emitido polos órganos de participación ou polas persoas titulares dos órganos responsables dos instrumentos de planificación, a que se refire este artigo.

Artigo 22. Actualización de importes

Anualmente os importes dos módulos de compensación e dos reintegros serán actualizados conforme a enquisa anual de estrutura salarial elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e notificaranse aos beneficiarios na resolución de concesión das axudas.

Artigo 23. Documentación xustificativa

A xustificación da subvención correspondente á participación institucional desenvolvida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de cada ano deberá efectuarse antes do 31 de marzo do ano seguinte, mediante a presentación polas entidades beneficiarias, ante a subdirección xeral con competencia en materia de relacións laborais, da seguinte documentación, en cumprimento do artigo 54 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro:

a) Memoria de actuación xustificativa das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Dentro das actividades realizadas deberán indicarse os órganos a que pertenza a organización, as reunións destes órganos que se levaron a cabo e os instrumentos de planificación en que participou a organización.

b) Memoria económica xustificativa que conteña:

1ª. Acreditación sobre o número de unidades consideradas como módulo segundo o establecido no artigo 20 deste decreto.

2ª. Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os módulos previstos no artigo 20 deste decreto.

3ª. Detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

Artigo 24. Comprobación posterior dos datos

Recibida a documentación xustificativa, procederase á comprobación da axeitada xustificación da subvención, así como da realización da actividade e do cumprimento da finalidade e dos demais requisitos que determinaron a concesión da subvención.

O órgano instrutor poderá requirir aos órganos de participación institucional unha certificación que acredite a participación dos beneficiarios (anexos II e III) ou ben adoptar outras medidas para realizar eficazmente esta comprobación.

Artigo 25. Responsabilidade

As entidades beneficiarias das subvencións quedarán sometidas ao réxime de responsabilidade previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento de desenvolvemento.

Disposición transitoria única. Prazo de solicitudes para o exercicio 2018

As solicitudes para 2018 presentaranse dentro do prazo de quince (15) días a partir da entrada en vigor deste decreto e para a xustificación rexerá o prazo establecido no artigo 23.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería con competencia en materia de emprego para ditar as disposicións necesarias para o mellor desenvolvemento do disposto neste decreto, no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de outubro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file