Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 18 de outubro de 2018 Páx. 46325

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de setembro de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais da modificación do parque eólico Neda, situado nos concellos de Abadín e da Pastoriza (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento, S.L. (expediente LU-11/124-EOL).

En cumprimento do disposto no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta, do 13 de setembro de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais da modificación do parque eólico Neda, situado nos concellos de Abadín e da Pastoriza (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento, S.L. (expediente LU-11/124-EOL).

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de setembro de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais da modificación do parque eólico Neda, emprazado nos concellos de Abadín e da Pastoriza (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento, S.L. (expediente LU-11/124-EOL)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L. en relación coa declaración de utilidade pública, en concreto, da modificación do parque eólico Neda, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Neda (en adiante, o parque eólico) cunha potencia de 33 MW e promovido por Norvento, S.L. (en adiante, a promotora).

Segundo. O 30.12.2010 a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico. Posteriormente, o 27.6.2011, a promotora solicitou a aprobación do proxecto sectorial do parque eólico.

Terceiro. O 20.3.2013 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en adiante, a xefatura territorial) informou que a área definida pola poligonal do parque eólico presenta superposición coa solicitude do permiso de investigación Santa Fe nº 5891. Mediante oficio da mesma data, a xefatura territorial deulle trámite de audiencia ao solicitante do mencionado permiso de investigación, sen que se tivese recibido resposta.

Cuarto. O 7.5.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 7 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 81, do 28.4.2016).

Quinto. O 15.6.2015, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe previsto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Sexto. O 11.5.2016, a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, emitiu o informe previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Sétimo. O 2.6.2016 a xefatura territorial informou que o permiso de investigación Santa Fe nº 5891 continuaba no mesmo trámite de solicitado, sen ter sufrido ningunha variación desde o informe emitido o 20.3.2013.

Oitavo. O 2.6.2016 o Consello da Xunta acordou autorizar as instalacións, aprobar o proxecto de execución e declarar a utilidade pública, en concreto, do parque eólico. O dito acordo fíxose público por Resolución do 10 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 76, do 19.4.2018).

Noveno. O 24.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, a promotora solicitou a tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

Décimo. O 19.12.2017 a promotora presentou unha modificación do proxecto do parque eólico, e solicitou o seu recoñecemento como non substancial.

Décimo primeiro. O 21.12.2017 o Consello da Xunta declarou de interese especial o parque eólico referido, o que ten como efectos a tramitación de forma prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento.

Décimo segundo. O 17.4.2018 a promotora solicitou a modificación da utilidade pública do parque eólico, de acordo coas modificacións recollidas no antecedente de feito décimo, achegando a correspondente relación de bens e dereitos afectados.

Décimo terceiro. Mediante escritos do 14.5.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados. En relación con estas notificacións, presentáronse as seguintes alegacións: Ilda Portela González, en representación da comunidade de Abedeledo, o 29.5.2018; Ana Grandío Pardo, o 5.6.2018; María del Carmen Río Rivas, o 15.6.2018.

Para aqueles casos nos que non foi posible efectuar a notificación, o 24.7.2018 publicouse un anuncio no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio non compareceu ningún interesado.

Décimo cuarto. Mediante oficios do 9.5.2018, e de acordo co disposto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas efectuou o trámite de audiencia á Comunidade de Montes Veciñais de Abedeledo, ao Concello da Pastoriza e ao Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural.

Décimo quinto. O 29.5.2018 Ilda Portela González, en representación da comunidade de Abedeledo, presentou unha alegación na cal comunica que existe un erro na identificación da persoa que ostenta a presidencia da dita comunidade, achegando documentación acreditativa dos datos correctos.

Décimo sexto. O 1.6.2018 a xefatura territorial informou que a modificación solicitada para o parque eólico non afecta a máis dereitos mineiros que os reflectidos nos informes emitidos o 20.3.2013 e o 2.6.2016.

Décimo sétimo. O 28.6.2018 a promotora achegou a documentación acreditativa do acceso e punto de conexión á rede de transporte ou distribución para a potencia adicional derivada da modificación do parque eólico, de acordo co establecido no artigo 38.3.a) da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo oitavo. Por Resolución do 4 de xullo de 2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas recoñeceu como non substancial a modificación do parque eólico.

Décimo noveno. O 30.7.2018 a Dirección Xeral de Ordenación Forestal emitiu o informe previsto no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, manifestando que non existe obxección á declaración de prevalencia da utilidade pública do parque eólico sobre o interese xeral dos montes veciñais en man común afectados.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Tal e como se recolle no antecedente de feito décimo sexto, o 1.6.2018, o Servizo de Enerxía e Minas de Lugo informou que as modificación solicitadas non afectan a máis dereitos mineiros que os reflectidos nos informes emitidos o 20.3.2013 e o 2.6.2016. Nestes informes, recollíase que a área definida pola poligonal do parque eólico presenta superposición coa solicitude do permiso de investigación Santa Fe nº 5891.

Enténdese que o permiso de investigación solicitado non se trata dun dereito consolidado polo que non procede efectuar o trámite de compatibilidade establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. No que respecta ás alegacións ás que fai referencia o antecedente de feito décimo terceiro, a seguir resúmese o seu contido:

1. Na alegación da comunidade de Abedeledo, comunícase un erro na identificación da persoa que ostenta a súa presidencia e achéganse os datos correctos.

2. Maniféstanse erros na titularidade e no tipo de cultivo nunha das parcelas afectadas.

3. Alégase que o incremento nas afeccións supón maiores prexuízos para os propietarios, os cales non se van ver compensados con ningunha indemnización que poidan obter.

4. Maniféstase que a limitación nos aproveitamento forestais das parcelas supón a perda de rendibilidade da superficie afectada.

En vista do contido das alegacións indicadas e das respostas efectuadas pola promotora cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, así como coa magnitude das afeccións, cómpre indicar que se tomou razón destas manifestacións e dos documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles. En caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

De acordo con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións da modificación do parque eólico Neda, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o cal leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Segundo. Declarar a prevalencia da utilidade pública do parque eólico Neda sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados, en conformidade co informe da Dirección Xeral de Ordenación Forestal do 30.7.2018, ao que fai referencia o artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.