Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 19 de outubro de 2018 Páx. 46389

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 130/2018, do 4 de outubro, polo que se aproba a agrupación voluntaria dos concellos de Porqueira e Calvos de Randín, da provincia de Ourense, para o sostemento en común do posto de secretaría-intervención.

Os concellos de Porqueira e Calvos de Randín, nas respectivas sesións plenarias realizadas os días 24 de maio e 25 de xuño de 2018, respectivamente, acordaron aprobar definitivamente a agrupación dos ditos concellos para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Os concellos de Porqueira e Calvos de Randín teñen escasa poboación e recursos económicos limitados, o que aconsella a súa agrupación para lograr unha maior eficiencia e racionalidade dos recursos humanos. Esta agrupación constitúe unha medida de aforro económico sen a mínima perda de capacidade na xestión administrativa.

No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación: artigo 9 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional; 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Constan os informes favorables da Deputación Provincial de Ourense e da Delegación do Goberno en Galicia, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

A competencia para a aprobación da agrupación corresponde á Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispoñen o artigo 9 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo; o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; o artigo 15 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catro de outubro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Aprobar a agrupación dos concellos de Porqueira e Calvos de Randín, na provincia de Ourense, para o sostemento en común dun posto único de secretaría-intervención, así como os estatutos polos que se rexerá a dita agrupación, que forman parte integrante do expediente.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de outubro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza