Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 19 de outubro de 2018 Páx. 46509

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2018 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública dos documentos iniciais do terceiro ciclo de planificación hidrolóxica (período 2021-2027) da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

A planificación hidrolóxica ten como obxectivos xerais acadar o bo estado e a axeitada protección das augas das demarcacións hidrográficas, a satisfacción das demandas de auga, o equilibrio e a harmonización do desenvolvemento rexional e sectorial, incrementando as dispoñibilidades do recurso, protexendo a súa calidade, economizando o seu emprego e racionalizando os seus usos en harmonía co ambiente e cos demais recursos naturais.

O 22 de xaneiro de 2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 11/2016, do 8 de xaneiro, polo que se aproban os plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa, das bacías mediterráneas andaluzas, do Guadalete e Barbate e do Tinto, Odiel e Piedras.

De acordo co establecido no artigo 14 do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, cada seis anos debe revisarse o plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica.

O artigo 11.2 do regulamento citado prevé que na etapa preliminar á elaboración e proposta de revisión do plan hidrolóxico se elaborarán os documentos iniciais que constan dun programa de traballo, co calendario sobre as fases de elaboración do plan, incluíndo o estudo xeral da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e as fórmulas para a consulta pública.

Segundo se establece no artigo 11.3 do regulamento citado, a proposta de programa de traballo porase á disposición do público cunha antelación mínima de tres anos respecto a inicio do período a que se refira o plan e polo prazo de seis meses para que se poidan formular observacións e suxestións.

De acordo co previsto no artigo 77.1 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, corresponde á entidade pública Augas de Galicia a competencia para formular e elaborar o plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, o que inclúe todas as etapas no seu procedemento de elaboración,

Consonte o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Iniciar o proceso de revisión do plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa coa realización dos traballos do terceiro ciclo de planificación hidrolóxica, correspondentes ao período 2021-2027.

Segundo. Someter a consulta pública durante un prazo de seis meses os Documentos iniciais do terceiro ciclo de planificación hidrolóxica (período 2021-2027) da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, que son: programa, calendario, estudo xeral da demarcación e fórmulas de consulta.

Para estes efectos, os citados documentos poderanse consultar desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e polo período de seis meses nos seguintes puntos:

1. Na páxina web oficial de Augas de Galicia (actualmente, http://augasdegalicia.xunta.gal/), na parte de participación pública.

2. Nas seguintes oficinas de Augas de Galicia:

a) Augas de Galicia, servizos centrais: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

b) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte: Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2, 9º, 15008 A Coruña.

c) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Centro: rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.

d) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur: rúa San Salvador, 2, 4º, 36201 Vigo.

Dentro do prazo establecido, poderanse realizar achegas e formular as observacións e suxestións que se consideren oportunas en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario final do formulario Augas de Galicia.

Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, estes serán tratados consonte o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e quen participe neste proceso poderá acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de modo presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se pon de manifesto na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao seguinte correo electrónico:

augasdegalicia.dma@xunta.gal

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2018

Roberto Rodríguez Martínez
Director de Augas de Galicia