Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 24 de outubro de 2018 Páx. 46930

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación do acordo da Mesa Sectorial de Sanidade do 16 de outubro de 2018, de modificación do pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

En sesión extraordinaria do 6 de xullo de 2018 foron aprobadas pola Mesa Sectorial de Sanidade as bases da carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo (DOG núm. 144, do 30 de xullo), consonte as cales pode acceder ao grao inicial o persoal fixo da categoría, o persoal interino en praza vacante e o persoal fixo doutra categoría que estea a desempeñar unha praza vacante por promoción interna temporal.

Nesa mesma sesión, e como así quedou reflectido na acta de fin de negociación adoptouse, entre outros, o seguinte acordo: «Dentro dos sistemas de selección de persoal estatutario temporal promoveranse as medidas precisas para que o feito de estar vinculado como persoal substituto de longa duración non sexa impedimento para as ofertas de nomeamentos de interinidade, respectando a orde de prelación e demais preceptos que resulten de aplicación».

Co obxecto de dar cumprimento a este acordo, logo do seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto, a Administración sanitaria e as centrais sindicais integrantes da mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, CIG, CESM-O´Mega, UGT, CSIF e SATSE, aprobaron a modificación das cláusulas III.2 e IV.5 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2016).

A negociación foi realizada de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro), o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto na citada normativa, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVE:

Primeiro. Acordar a publicación da modificación das cláusulas III.2 e IV.5 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2016), nos termos que se indican no anexo.

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2018

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Cláusula III.2. Orde de chamamentos.

Os chamamentos efectuaranse seguindo rigorosamente a orde de puntuación acreditada polas persoas aspirantes, en cada ámbito, sen prexuízo dos supostos de suspensión e das disposicións especiais previstas na cláusula III.B do presente pacto.

Nos supostos de listas de ámbito autonómico, excepto as correspondentes á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os chamamentos efectuaranse, en primeiro lugar, entre os aspirantes que seleccionasen como área sanitaria de opción preferente aquela en que se produce a necesidade da concreta vinculación. En segunda volta, o chamamento efectuarase por rigorosa orde de prelación na lista, con independencia da opción de preferencia manifestada polo/a aspirante.

A formalización de nomeamentos de longa duración –interinidade en praza vacante ou calquera outro de duración inicial previsible igual ou superior ao ano– a xornada completa ofertarase, en todo caso, á persoa que acredite a maior puntuación na lista da área sanitaria ou ámbito territorial que corresponda, con independencia de que aquela estea vinculada, ao tempo de chamamento, a) por un nomeamento estatutario temporal a xornada completa de duración inferior ao ano, b) por un nomeamento a tempo parcial calquera que sexa a súa duración, c) ou por un nomeamento de substitución a xornada completa de duración previsible igual ou superior ao ano; neste último suposto, só cando o vínculo que se oferte sexa unha interinidade en praza vacante.

Ás persoas aspirantes admitidas en listas compatibles que estean vinculadas por un nomeamento de longa duración nunha destas categorías ofertaránselles os vínculos de longa duración de categoría compatible do mesmo ou superior nivel de clasificación.

Como excepción, as persoas aspirantes inscritas nas listas de enfermeiro/a e enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, encontrándose vinculadas por un nomeamento de longa duración nunha destas categorías, renuncien a un nomeamento de substitución de duración previsible igual ou superior a un ano na outra categoría de inscrición, permanecerán como indispoñibles para sucesivos nomeamentos deste tipo nesta última ata a finalización do seu vínculo, e só como dispoñibles para vínculos como interinos en praza vacante. A renuncia a un nomeamento de interinidade suporá a indispoñibilidade para sucesivas ofertas nesta última categoría ata a finalización do vínculo na outra categoría compatible.

Así mesmo, e como excepción ao establecido con carácter xeral neste pacto respecto da suspensión de chamamentos, no suposto de maternidade, adopción legal e suspensión por risco durante o embarazo, a persoa aspirante será chamada para formalizar nomeamentos de previsible longa duración aos cales teña dereito segundo a orde de prelación acadada na correspondente lista, ben que o vínculo se formalizará unha vez que finalice o período que deu lugar á causa de suspensión, nos termos legalmente previstos.

A persoa aspirante que resulte chamada para formalizar vínculos de carácter temporal deberá reunir, na data de formalización de cada nomeamento, os requisitos exixidos na cláusula II.1.1 do presente pacto.

Cláusula IV.5. Excepcións ao réxime de penalizacións.

Engádese un punto 4) coa seguinte redacción:

4. O persoal que se encontre vinculado por un nomeamento de substitución a xornada completa, de duración previsible igual ou superior ao ano, ao cal se lle oferte unha interinidade en praza vacante poderá renunciar a esta, sen penalización, permanecendo como indispoñible para sucesivos chamamentos desta mesma clase ata a finalización do seu vínculo.