O 28 de xuño de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 11 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.
O artigo 20.2 da Resolución do 11 de xuño de 2018 establecía o seguinte prazo de xustificación da axuda:
1) A xustificación do anticipo do 50 % da subvención concedida a que se refire o artigo 21.1 deberá realizarse no prazo máximo dun mes a partir da transferencia dos fondos correspondentes sempre que este prazo non sexa superior ao 31 de outubro de 2018.
2) A xustificación do importe total ou restante da subvención concedida terá como data límite de presentación o 31 de outubro de 2018. Non obstante, se existen cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación (cotas do mes de outubro) éstas terán como data límite o 14 de decembro de 2018.
Tendo en conta a demora na resolución das devanditas axudas, motivado pola complexidade das solicitudes presentadas e polo seu proceso de avaliación, e co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación das axudas concedidas para o ano 2018 por parte dos beneficiarios resultantes e dado que non causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación para o ano 2018 establecido no artigo 20.2 da convocatoria.
En consecuencia, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,
RESOLVO:
Artigo único. Modificación do artigo 20.2 da Resolución do 11 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018
Os números 1 e 2 do artigo 20.2 do prazo de xustificación da axuda quedan redactados do seguinte xeito:
1) A xustificación do anticipo do 50 % da subvención concedida a que se refire o artigo 21.1 deberá realizarse no prazo máximo dun mes a partir da transferencia dos fondos correspondentes sempre que este prazo non sexa superior ao 30 de novembro de 2018.
2) A xustificación do importe total ou restante da subvención concedida terá como data límite de presentación o 30 de novembro de 2018. Non obstante, se existen cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación (cotas do mes de novembro) estas terán como data límite o 20 de decembro de 2018.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2018
Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación