Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 2 de novembro de 2018 Páx. 47831

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2018 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da Orde do 14 de marzo de 2018, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

Feitos.

Primeiro. A Orde do 14 de marzo de 2018, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 60, do 26 de marzo de 2018, aprobou as bases reguladoras das subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, e convocounas para o ano 2018, con carácter plurianual.

Segundo. No artigo 14.3 da Orde do 14 de marzo de 2018, indícase que as resolucións de concesión se ditarán por rigorosa orde de entrada das solicitudes na correspondente área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e establece un criterio de prioridade entre as solicitudes de xeito que «terán prioridade aquelas que, dentro do prazo de presentación de solicitudes, conten con licenza de obras; a seguir, aquelas que conten con comunicación previa, xunto coa declaración responsable prevista no artigo 8.1.h) e, finalmente, as que só conten con solicitude de licenza ou de comunicación previa».

Terceiro. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito para a anualidade 2018 tiña a data do 21 de maio ás 19.38 horas.

Consideracións xurídicas.

Primeira. O artigo 16.2 da Orde do 14 de marzo de 2018 establece que serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Segunda. O artigo 25 da Orde do 14 de marzo de 2018 establece que o momento do esgotamento do crédito será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

En virtude do exposto anteriormente e de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento, con data 21 de maio de 2018, ás 19.38 horas, do crédito autorizado para a anualidade 2018 destinado a sufragar as subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo