Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 2 de novembro de 2018 Páx. 47833

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2018 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da Orde do 21 de decembro de 2017, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

Feitos.

Primeiro. A Orde do 21 de decembro de 2017, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) número 246, do 29 de decembro de 2017, aprobou as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e vivendas de titularidade municipal, e procedeu á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

Segundo. No artigo 15 da Orde do 21 de decembro de 2017 indícase que as resolucións de concesión se ditarán por rigorosa orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que conste como validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos na convocatoria.

Terceiro. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito para a anualidade 2018 tivo a data do 22 de xuño de 2018, e para a anualidade de 2019 a data do 21 de maio de 2018.

Consideracións xurídicas.

Primeira. O artigo 17.2 da Orde do 21 de decembro de 2017 establece que serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Segunda. O artigo 26 da citada orde establece que o momento do esgotamento do crédito será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

En virtude do exposto anteriormente, e de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento, con data 22 de xuño de 2018 para a anualidade de 2018 e do 21 de maio de 2018 para a anualidade de 2019, do crédito autorizado no exercicio 2018 para sufragar as subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e vivendas de titularidade municipal.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo