Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 2 de novembro de 2018 Páx. 47820

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 137/2018, do 18 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade da variante correspondente ao trazado antigo da estrada provincial LU-P-0707, de Armesto por Torés ás Nogais, a prol do Concello de Becerreá.

Segundo o teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Becerreá, solicitou á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade do trazado antigo da vía provincial LU-P-0707 de Armesto por Torés ás Nogais. O tramo antigo ten unha lonxitude aproximada de 373 metros e está situado na marxe esquerda da vía entre os seus actuais puntos quilométricos 0+226 e 0+340, no termo municipal de Becerreá. Esta solicitude baséase fundamentalmente en que este treito da estrada está en desuso xa que existe outra vía alternativa á estrada provincial LU-P-0707, que é usada polos veciños de Armesto para os accesos ás súas explotacións.

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo acordou, por unanimidade, aceptar o cambio de titularidade do tramo indicado da Deputación Provincial de Lugo a prol do Concello de Becerreá.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de outubro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Becerreá da variante correspondente ao trazado antigo da estrada provincial LU-P-0707 de Armesto por Torés ás Nogais, cunha lonxitude aproximada de 370 m e situada na marxe esquerda da vía, entre os seus actuais puntos quilométricos 0+226 e 0+340.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Becerreá deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello de Becerreá, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de outubro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade