Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 2 de novembro de 2018 Páx. 47817

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 11 de outubro de 2018 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Caldas de Reis.

O Concello de Caldas de Reis eleva, para a súa aprobación definitiva, a documentación relativa ás condicións sinaladas no punto II e ás áreas deixadas en suspenso na Orde do 22 de decembro de 2016 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Caldas de Reis, consonte o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación coa DT.2ª.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Caldas de Reis dispón na actualidade dun plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado parcialmente por Orde da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do día 22.12.2016, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no seu punto II e que deixa en suspenso os ámbitos:

– Solo urbano AP-17-R.

– Núcleos rurais NR-05 O Campelo, NR-12 O Gorgullón, NR-16 O Cope, NR-17 Outeiro, NR-22 O Outeiro, NR-23 Follente, NR-35 O Pazo, NR-40 Marán, NR-41 Foxacos, NR-44 San Martiño, NR-47 Penalta, NR-51 O Carballal, NR-52 Cardín, NR-61 Soutelo de Arriba, NR-65 O Reguengo, NR-67 Caldas de Reis, NR-69 Santa Catalina, NR-72 O Somonte.

– Solo urbanizable: sector residencial SP-11 e sector industrial/terciario SP-1-I.

2. O Concello Pleno de Caldas de Reis, en sesións dos días 2.11.2017 e 28.6.2018, aprobou provisionalmente a documentación para a aprobación definitiva total do PXOM.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación complementaria do PXOM de Caldas de Reis achegada, púidose comprobar que, en xeral, se axusta e dá cumprimento ao requirido na Orde do 22.12.2016.

No relativo ao sector SP-4-I, non se clasifica como solo rústico de protección de augas a parte del ocupada por cursos fluviais e as súas zonas de protección, conforme o artigo 32.2.d) da LOUG, por canto constátase que no ámbito non se observa curso fluvial ningún, e, que o propio artigo faculta para que as correntes de auga de escasa entidade que poidan discorrer polo interior dun sector sexan consideradas como solo urbanizable, sempre que se integren no sistema de espazos libres públicos definidos polo plan parcial.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 10.1.b) do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación co artigo 3.4 e as disposicións adicional décima e transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal de Caldas de Reis, deixando constancia de que, na tramitación do plan parcial que desenvolva o sector SP-4-I cómpre solicitar o informe de Augas de Galicia sobre a correcta integración do curso fluvial no sistema de espazos libres públicos definidos nel.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda