Esta consellería recibiu un oficio da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sección Primeira, polo que solicita o expediente administrativo relativo ao recurso contencioso-administrativo en materia de protección de dereitos fundamentais número 276/2018, interposto pola organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG), contra a Orde do 13 de setembro de 2018, da Consellería do Medio Rural, pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) na empresa pública Seaga, S.A., que terá lugar con carácter indefinido a partir das 00.00 horas do día 16 de setembro de 2018 (DOG nº 176, do 14 de setembro).
En consecuencia, esta secretaria xeral técnica acordou, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, a remisión do expediente administrativo ao referido tribunal.
O que se notifica para xeral coñecemento das persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer como parte nos autos da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de cinco días, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2018
María Jesús Lorenzana Somoza
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural


