O Concello de Vimianzo remitiu a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, ao abeiro do artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 144.16 do seu regulamento (RLSG), aprobado por Decreto 143/2016.
Analizada a documentación con data febreiro de 2018 subscrita polo arquitecto David Estany Garea e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O planeamento vixente no concello de Vimianzo son as normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 1 de xullo de 1994 (BOP do 11 de agosto e normativa BOP do 14 de setembro), con dúas modificacións puntuais aprobadas definitivamente o 7 de xullo de 1995 (BOP do 19 de setembro) e 25 de xaneiro de 1997 (BOP do 17 de marzo).
2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 26 de setembro de 2016 e resolveu non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria, sinalando determinación para a súa integración no planeamento. No marco do proceso de consultas previas contestaron con observacións:
a) Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo: informe do 22 de agosto de 2016.
b) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 13 de setembro de 2016.
c) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, sen observacións.
3. No expediente constan informes da arquitecta municipal e da secretaria municipal do 23 de marzo de 2017, favorables á aprobación inicial da modificación.
4. O concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 31 de marzo de 2017. Esta foi sometida a información pública durante o prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 18 de abril e La Voz de Galicia do 20 de abril) sen que fosen presentadas alegacións.
5. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), o concello remitiu a esta consellería a documentación pertinente o 25 de abril de 2017. O resultado do trámite foi o seguinte:
a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos preceptivos:
• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 23 de maio de 2017, de innecesariedade do informe da Comisión Galega de Protección Civil.
• Axencia Galega de Infraestruturas: informes de servidumes acústicas e sectorial do 18 de agosto de 2017, favorables.
• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 20 de xullo de 2017, sen obxección.
• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informes do 17 de xullo de 2017 e 21 de setembro de 2017, desfavorables, e do 14 de marzo de 2018, favorable.
Solicitouse o informe de Augas de Galicia sen que conste a súa emisión, polo que se entende emitido en sentido favorable (artigo 60.7 da LSG).
b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Camariñas, Dumbría, Laxe, Mazaricos, Muxía e Zas. Respondeu o Concello de Camariñas, sen obxeccións.
6. En materia de informes sectoriais non autonómicos, consta (artigo 60.8 da LSG):
• Deputación Provincial da Coruña: informe favorable do 6 de setembro de 2017.
• Informe favorable en materia de telecomunicacións do 29 de maio de 2018.
7. No expediente consta informe asinado por técnica e secretaria municipais do 14 de marzo de 2018, favorable á aprobación provisional (artigo 60.13 da LSG).
8. A modificación foi aprobada provisionalmente polo concello en Pleno do 16 de marzo de 2018.
9. O concello solicitou a aprobación definitiva mediante escrito con data do 22 de marzo de 2018. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda das deficiencias observadas mediante oficio do 26 de abril de 2018. O Concello remitiu a documentación requirida o 8 de xuño de 2018.
II. Obxecto e descrición do proxecto.
Os obxectivos da modificación puntual son incorporar nos núcleos urbanos de Vimianzo, Baíñas e A Quiroga usos comerciais e terciarios en edificio exclusivo; reordenar o tecido urbano construído linealmente á beira das vías principais, recoñecendo as tipoloxías edificatorias existentes e as necesidades dos usos comerciais nos núcleos urbanos de Vimianzo, Baíñas e A Piroga-Baio; establecer determinacións particulares de integración paisaxística dos volumes e de integración dos bens con valor patrimonial; recualificación dalgunhas zonas de ordenanza URLI a URFI, de menor densidade edificatoria e intensidade de uso; e establecer un réxime transitorio en canto non se aprobe un Catálogo de bens e un Plan especial de protección do Castro de Barreiros.
A modificación asume as clasificacións do solo existentes e non altera a delimitación do solo urbano das vixentes normas subsidiarias 94.
III. Análise e consideracións.
1. A flexibilización nas condicións da ordenanza para favorecer a implantación de usos comerciais e terciarios de forma suficiente (artigo 27 da Lei 13/2010, de comercio interior de Galicia), así como reordenar o tecido urbano construído, poden ser conceptuados como de interese público.
2. A redución dos fondos edificables de 30 a 27 metros respecto á proposta do borrador dá cumprimento ao establecido no artigo 17.3 da LSG, en canto á non necesidade de incremento de dotacións públicas derivado do aumento de edificabilidade nestas ordenanzas (inferior ao 30 %).
3. Dáse cumprimento á observación sinalada no informe desta Dirección Xeral de data 22 de agosto de 2016, en relación coa exposición das traseiras das edificacións dos ámbitos destas ordenanzas de solo urbano no seu encontro con ordenanzas de vivenda unifamiliar ou solo non urbanizable.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.
IV. Resolución.
Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 5 das NSM do Concello de Vimianzo.
2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.
4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2018
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio