Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 9 de novembro de 2018 Páx. 48457

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 26 de setembro de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual número 14 do Plan xeral de ordenación municipal de Mugardos, para a redefinición da protección do Castro de Mugardos.

O Concello de Mugardos remite a modificación puntual referida e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Logo de analizar a documentación presentada, e vista a proposta que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O planeamento municipal vixente en Mugardos é o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 19 de outubro de 1999 (DOG do 3 de novembro e BOP do 18 de decembro).

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico o 22 de maio de 2017 e resolveu non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

3. O secretario municipal e o arquitecto técnico emitiron os seus informes previos á aprobación inicial o 1 de agosto de 2017.

4. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación o 9 de agosto de 2017. Publicouse nos xornais La Voz de Galicia e Diario de Ferrol do 24 de agosto e no DOG do 7 de setembro, sen se recibir ningunha alegación.

5. Foron solicitados os informes sectoriais autonómicos preceptivos, e consta a emisión:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 26 de setembro de 2017, sobre innecesariedade do informe da Comisión Galega de Protección Civil.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 7 de novembro de 2017, favorable condicionado.

– Instituto de Estudos do Territorio do 20 de novembro de 2017, sen obxeccións.

– Axencia Galega de Infraestruturas do 15 de decembro de 2017, favorable.

Non consta a emisión do informe solicitado á Dirección de Augas de Galicia, tras rematar o prazo previsto no artigo 60.7 da LSG o 22 de decembro de 2017, polo que se entende emitido en sentido favorable.

6. Deuse a preceptiva audiencia aos concellos limítrofes de Ares e Fene, e recibiuse resposta do Concello de Fene o 5 de outubro de 2017, sen obxeccións.

7. O concello solicitou os seguintes informes sectoriais non autonómicos preceptivos:

– Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital) do 15 de febreiro de 2018, favorable.

– Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Fomento) do 7 de maio de 2018, favorable con condicións.

8. O secretario municipal emitiu informe o 22 de xuño de 2018 e a arquitecta técnica emitiu informe o 18 de xullo, previos á aprobación provisional.

9. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a modificación o 25 de xuño de 2018.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación ten como finalidade axustar a delimitación da área de protección integral do Castro de Mugardos, pasando parte dela á área de cautela. A razón deste axuste é permitir a ampliación do cemiterio de San Xiao para satisfacer a demanda social existente sobre terreos sometidos actualmente a esa protección integral.

Para se adaptar á LSG, a modificación clasifica a totalidade dos terreos de solo rústico do ámbito de protección integral e de cautela, como solo rústico de protección de patrimonio.

III. Análise e consideración.

Considérase que esta modificación do PXOM está completa e que a documentación recibida é suficiente e conforme coa lexislación urbanística correspondente.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En atención ao exposto,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 14 do PXOM de Mugardos, para a redefinición da protección do Castro de Mugardos.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntal no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio