Ao abeiro da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), o concello de Coles remite o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG). O Concello continuou a tramitación a teor das normas procedementais dispostas na LOUG, adaptando plenamente as súas determinacións á LSG (disposición transitoria segunda.2 da LSG).
O PXOM de Coles foi aprobado inicialmente por acordo plenario do 27 de novembro de 2012, polo que ao abeiro da disposición transitoria primeira do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da LSG, este regulamento non será de aplicación obrigatoria aos instrumentos de planeamento urbanístico que tivesen iniciado a súa tramitación con anterioridade á súa entrada en vigor (9 de decembro 2016).
Logo de analizar a documentación remitida polo concello de Coles e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello de Coles dispón na actualidade de Normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 15 de febreiro de 1995, con dúas modificacións puntuais: unha sobre a ordenanza de solo non urbanizable de núcleos rurais tradicionais existentes (AD do 27.11.2001, DOG do 8.1.2002); e outra para a adaptación do núcleo rural de Prados á Lei 2/2010 (AD do 11.12.2015, DOG do 22.1.2016). En desenvolvemento desas normas subsidiarias, tamén se aprobou un Plan especial de dotacións nas inmediacións da Lavandeira (AD do 15.10.2013, DOG do 6.11.2013).
2. O termo municipal de Coles está afectado polo Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia (AD do 10.10.2014).
3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial do PXOM, segundo o artigo 85.1 da LOUG, con data do 21.12.2009.
4. Tras a modificación da LOUG pola Lei 2/2010, o 26.11.2010 o concello inicia a tramitación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM, presentando o documento de inicio na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen emite o documento de referencia o 21.1.2011.
5. Con data 30.5.2012, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe previo á aprobación inicial do PXOM (que foi adaptado á modificación da LOUG pola Lei 2/2010) segundo o artigo 85.1 da LOUG.
6. Logo dos informes previos dos servizos municipais (técnicos de 30.12.2011 e 22.11.2012; e xurídicos do 4.1.2012 e 22.11.2012), o 27.11.2012 o Pleno do Concello acordou aprobar inicialmente o PXOM, incluíndo o informe de sustentabilidade ambiental (ISA) e sometelo a información pública durante o prazo de dous meses mediante anuncios no DOG do 4.1.2013 e nos diarios La Región e La Voz de Galicia, do 4.1.2013. Deuse audiencia aos cinco concellos limítrofes e obtívose resposta dos concellos do Pereiro de Aguiar (8.1.2013), Vilamarín (9.1.2013) e Ourense (8.4.2013). Ao abeiro do artigo 85.2 e 85.3 da LOUG, simultaneamente á fase de información pública, solicitáronse informes sectoriais e consultas.
7. O 18.5.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emite a resolución que formula a memoria ambiental do procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM (DOG do 8.6.2017).
8. O pleno do Concello do 30.6.2017 aprobou provisionalmente o PXOM, constando a previa emisión de informe técnico e de intervención do 26.6.2017, e xurídicos do 26.6.2017 e 27.6.2017.
9. Finalizada a tramitación municipal, o expediente municipal foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva o 10 de xullo de 2017. En virtude do artigo 85.7 da LOUG, con data 9.8.2017 requiriuse o Concello para que corrixise as deficiencias documentais observadas.
10. Tras o requirimento anterior, o Pleno do Concello, do 16.3.2018 aprobou provisionalmente o PXOM, logo de informe da secretaría municipal do 13.3.2018, e achegouse nova documentación á CMAOT o 21.3.2018. O Concello solicitou con data 1.6.2018 a suspensión do prazo para a aprobación definitiva, co obxecto de corrixir deficiencias detectadas e remitir de novo o documento emendado.
11. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente de novo o PXOM en sesión do 13.7.2018, logo de informe da secretaría municipal do 10.7.2018.
12. Constan emitidos no expediente municipal os seguintes informes ou consultas:
Estatais:
Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (23.1.2013, 6.9.2016 e 27.10.2016).
• Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) (4.1.2013).
• Ministerio de Fomento, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Unidade de Ourense (9.1.2013, 20.6.2013, 22.5.2017 e 16.3.2018).
• Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (22.1.2013, 27.3.2014 e 4.7.2014).
• Informe á Delegación do Goberno en relación coa lexislación reguladora do contrato de concesión de obras públicas (26.9.2017).
Autonómicos:
• Axencia Galega de Infraestruturas (6.6.2013, 23.1.2015 e 30.11.2016).
• Dirección Xeral de Conservación da Natureza (28.1.2016).
• Instituto de Estudos do Territorio en materia de paisaxe (29.11.2016).
• Consellería do Medio Rural, Xefatura Territorial de Ourense, Servizo de Montes (27.12.2012).
• Consellería do Medio Rural, Servizo de Infraestruturas Agrarias (30.11.2016).
• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (22.1.2013).
• Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas (8.1.2013).
• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (25.6.2013 e 18.4.2016).
• Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (6.10.2017).
• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (7.2.2013).
Provinciais:
• Deputación Provincial de Ourense (5.3.2013).
13. Constan como solicitados informes aos seguintes organismos sectoriais, dos cales o Concello remite certificados do secretario municipal de non ter recibido resposta:
• Augas de Galicia (certificado do 31.8.2017).
• Dirección Xeral de Mobilidade (certificado do 19.2.2018).
II. Análise e consideracións.
Logo de analizar o expediente administrativo e os documentos que integran o Plan xeral de ordenación municipal de Coles, púidose comprobar a súa conformidade coa normativa urbanística vixente.
Porén, obsérvase que os planos de ordenación do termo municipal inclúen na lenda unha referencia a sistemas locais de equipamento privado e gráfase como tal unha residencia privada da terceira idade, mentres que o propio PXOM recoñece na súa memoria que os equipamentos privados non poden formar parte do sistema local de equipamentos.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.
III. Resolución.
En atención ao exposto,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal de Coles, coa condición de que se emende a deficiencia sinalada no segundo parágrafo do punto II.
2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o Plan xeral de ordenación municipal de Coles no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente, unha vez inscrito este no Rexistro de Planeamento Urbanístico.
4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2018
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio