A Orde do 4 de abril de 2018 establece as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e convoca as axudas para o ano 2018.
No artigo 22.2 establécese que, con carácter xeral, e salvo que a resolución de concesión da axuda dispoña o contrario, o prazo para presentar a xustificación dos gastos realizados finalizará o día 9 de novembro de 2018. Debido ao atraso da xestión é imposible cumprir esta data, polo que cómpre ampliar o prazo.
En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
O prazo para presentar a xustificación dos gastos realizados recollido no artigo 22.2 da Orde do 4 de abril de 2018 amplíase ata o 23 de novembro de 2018.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda