Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 12 de novembro de 2018 Páx. 48661

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2018, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de ciencias, especialidade de química, convocado pola Orde do 12 de abril de 2016, pola que se lle dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 25 de setembro de 2018, o tribunal nomeado pola Orde do 17 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de ciencias, especialidade de química, convocado pola Orde do 12 de abril de 2016 (DOG núm. 85, do 4 de maio) e de conformidade co disposto nas bases da convocatoria,

ACORDOU:

Primeiro. Declarar todas as persoas aspirantes que superaron o terceiro exercicio exentas da realización do cuarto exercicio, por ter presentado a documentación xustificativa sinalada na base II.1.1.4 da convocatoria e dar por rematada a fase de oposición.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.2.5 da orde de convocatoria, as persoas aspirantes que superaron a fase de oposición disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación relativa á fase de concurso, que deberán dirixir á Consellería de Facenda (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela) de acordo co procedemento establecido para o efecto pola Dirección Xeral da Función Pública na súa Resolución do 26 de outubro de 2018 (DOG núm. 215, do 12 de novembro).

Terceiro. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de Función Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2018

José Francisco Alonso Picón
Presidente do tribunal