De conformidade co artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e en cumprimento do deber de protección en materia de riscos laborais, «o empresario deberá garantir que cada traballador reciba unha formación teórica e práctica, suficiente e adecuada, en materia preventiva».
Así, en cumprimento desta obriga imposta pola citada lexislación, a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) convoca os cursos de prevención que se relacionan no anexo, destinados a aqueles/as funcionarios/as que prestan os seus servizos na Administración de xustiza en Galicia. Esta convocatoria, dirixida ao persoal que presta os seus servizos nos partidos xudiciais de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense, así como as próximas convocatorias que se realicen nos restantes partidos xudiciais de Galicia, garantirán que os/as funcionarios/as dos corpos de médicos forenses, xestión administrativa e procesual, tramitación administrativa e procesual e auxilio xudicial posúan a preceptiva formación en materia de riscos laborais.
En vista do exposto e conforme os fins que lle asigna á EGAP a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),
RESOLVO:
Convocar un curso de formación en prevención de riscos laborais para o persoal que realiza tarefas de tipo administrativo que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2018
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
ANEXO I
Bases
Primeira. Requisitos dos participantes
Deberá participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución:
O persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino nos partidos xudiciais de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense que estea en situación de servizo activo e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.
Toda persoa solicitante que, ao inicio ou durante o curso, estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.
Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación
As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, duración e condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.
Terceira. Solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito (8) días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas nunha modalidade que inclúe teleformación, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:
– Un computador con conexión á internet.
– Un navegador web co plugin de flash.
5. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.
Cuarta. Criterios de selección
O curso convocado ten carácter obrigatorio para o persoal ao servizo da Administración de xustiza que teña o seu destino nos partidos xudiciais de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense, salvo aqueles solicitantes que xa o realizaran coa EGAP con anterioridade á data desta resolución.
Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado
1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.
Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria.
2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.
Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, seguimento das actividades de teleformación
1. Cambios ou as substitucións na selección:
En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. Renuncia:
a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.
Para isto poderase utilizar preferentemente o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
3. Seguimento das actividades de teleformación:
As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Sétima. Realización de probas
1. Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas.
2. Para poder superar as actividades de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:
– A adecuada realización de todas as actividades que a titoría propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.
– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan.
As probas de avaliación finais serán en liña nas datas que se establezan. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e do horario da proba final.
Oitava. Certificado de aproveitamento
Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declarará apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba.
Novena. Facultades da EGAP
1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.
2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.
3. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento da actividade serán anunciadas na páxina web da escola.
4. A EGAP garantirá na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
ANEXO II
Código |
Denominación |
Prazas |
Horas |
Cualificación |
Destinatarios |
Localidade/ |
Datas |
Data proba de avaliación |
Horario |
Coñecementos transversais |
|||||||||
FX18033-T01 |
Formación en prevención de riscos laborais para o persoal que realiza tarefas de tipo administrativo |
115 |
3 |
Aproveitamento |
Persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino nos partidos xudiciais de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense |
Teleformación |
26.11.2018 30.11.2018 |
30.11.2018 |
Proba de avaliación a partir das 12.00 h |
FX18033-T02 |
Formación en prevención de riscos laborais para o persoal que realiza tarefas de tipo administrativo |
115 |
3 |
Aproveitamento |
Persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino nos partidos xudiciais de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense |
Teleformación |
26.11.2018 30.11.2018 |
30.11.2018 |
Proba de avaliación a partir das 12.00 h |
FX18033-T03 |
Formación en prevención de riscos laborais para o persoal que realiza tarefas de tipo administrativo |
115 |
3 |
Aproveitamento |
Persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino nos partidos xudiciais de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense |
Teleformación |
26.11.2018 30.11.2018 |
30.11.2018 |
Proba de avaliación a partir das 12.00 h |
FX18033-T04 |
Formación en prevención de riscos laborais para o persoal que realiza tarefas de tipo administrativo |
115 |
3 |
Aproveitamento |
Persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino nos partidos xudiciais de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense |
Teleformación |
10.12.2018 14.12.2018 |
14.12.2018 |
Proba de avaliación a partir das 12.00 h |
FX18033-T05 |
Formación en prevención de riscos laborais para o persoal que realiza tarefas de tipo administrativo |
115 |
3 |
Aproveitamento |
Persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino nos partidos xudiciais de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense |
Teleformación |
10.12.2018 14.12.2018 |
14.12.2018 |
Proba de avaliación a partir das 12.00 h |
FX18033-T06 |
Formación en prevención de riscos laborais para o persoal que realiza tarefas de tipo administrativo |
115 |
3 |
Aproveitamento |
Persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino nos partidos xudiciais de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense |
Teleformación |
10.12.2018 14.12.2018 |
14.12.2018 |
Proba de avaliación a partir das 12.00 h |