Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 14 de novembro de 2018 Páx. 48912

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura e Turismo, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. Hipólito Cabezas Gómez, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra constituíse en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 20 de marzo de 2018, ante o notario Miguel Lucas Sánchez, co número de protocolo 705, por Hipólito Cabezas Gómez que actúa no seu propio nome e dereito.

Esta escritura emendouse por outra outorgada na mesma localidade o 26 de setembro de 2018, ante o notario Julio Manuel Díaz Losada, co número 1.755 do seu protocolo.

3. A Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto ou fins principais: promover as actividades da Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra e a súa escola tanto formativas como de exhibición, ademais de contribuír á conservación e dignificación da música galega así como os seus instrumentos.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Hipólito Cabezas Gómez como presidente; José García Costas como vicepresidente; Avelino Manuel San Luis Costas como secretario; e Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, Antonio Rodríguez Lijó, Carlos León Justo Guisado e Francisco Gustavo Izquierdo Martínez como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 24 de outubro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 31 de outubro) clasificouse de interese cultural a Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra, e adscribiuse á Consellería de Cultura e Turismo para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, corresponde á Consellería de Cultura e Turismo a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas pola disposición transitoria segunda do Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura e Turismo.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo