Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 19 de novembro de 2018 Páx. 49517

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 10 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter ao procedemento de información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do parque natural do monte Aloia.

O artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia) sinala a potestade para ditar «normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23».

Este espazo foi declarado parque natural mediante o Real decreto 3160/1978, do 4 do decembro.

O monte Aloia foi o primeiro parque natural creado na Comunidade Autónoma de Galicia, e xa fora declarado sitio natural de interese nacional o 5 de xuño de 1935. E, finalmente, declarouse como zona de especial conservación (Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e máis se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia (DOG nº 62, do 31 de marzo de 2014). Outra figura de protección que afecta a totalidade do territorio do parque é a zona de especial protección dous valores naturais do monte Aloia (espazos naturais protexidos declarados polo Decreto 72/2004, do 2 de abril, publicado no DOG nº 69, do 12 de abril).

Ante a necesidade de axeitar a xestión dos espazos naturais e das especies que deben protexerse aos seus principios inspiradores, resultou necesario elaborar un instrumento de planificación dos recursos naturais que permita acadar os obxectivos de conservación do ecosistema e harmonice os distintos intereses implicados no uso sustentable e gozo público destes espazos. Por todo o anterior, procedeuse á redacción e aprobación do Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN), mediante o Decreto 274/2001, do 27 do setembro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural do monte Aloia.

O decreto polo que se aprobou o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural do monte Aloia recolle no seu articulado a necesidade de que un plan reitor de uso e xestión o desenvolva mediante programas básicos de actuación sectorial e que se elaborará segundo o disposto da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e na Lei 4/1989, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre (esta última norma resultou derrogada pola Lei 42/2007, do 13 de decembro).

No ano 2009 o Decreto 65/2009, do 19 de febreiro, aprobou o Plan reitor de uso e xestión do parque natural do monte Aloia, cunha vixencia de 6 anos, e que debe revisarse ao final dese período.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, establece o réxime xurídico básico da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade no territorio español, como parte do deber de conservar e do obxectivo de garantir os dereitos das persoas a un medio axeitado para o seu benestar, saúde e desenvolvemento.

Neste sentido, a Lei 42/2007 do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, indica no seu artigo 31 que nos parques se elaborarán os plans reitores de uso e xestión, cuxa aprobación corresponderá ao órgano competente da Comunidade Autónoma; as administracións competentes en materia urbanística emitirán informe preceptivo sobre os ditos plans antes da súa aprobación. Nestes plans, que serán periodicamente revisados, fixaranse as normas xerais de uso e xestión do parque. Así mesmo, establece que os plans reitores prevalecerán sobre o plan urbanístico; cando as súas determinacións sexan incompatibles coas da normativa urbanística en vigor, esta será revisada de oficio polos órganos competentes.

No ano 2001, a Xunta de Galicia, facendo uso das facultades que lle outorga o artigo 27.30 do Estatuto de autonomía para establecer normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe, aproba a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que é o marco normativo galego para a conservación dos espazos naturais e da biodiversidade. Esta norma, no seu artigo 34, establece o contido mínimo dos plans reitores de uso e xestión, que desenvolverán as directrices emanadas do PORN e as previsións de actuacións da Administración no seu ámbito de aplicación segundo establece o artigo 33. Tamén se instaura que estes plans prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación do territorio. Así mesmo, determina que a vixencia máxima do plan reitor de uso e xestión será de seis anos, e que será obrigatorio revisalos ao final de cada período ou antes, se for necesario.

O plan poderá ser revisado con anterioridade ao seu vencemento, por iniciativa da consellería competente en materia de conservación da natureza, ao ser a responsable da xestión dos espazos incluidos na Rede galega de espazos naturais protexidos, conforme sinala o artigo 41.1 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, cando se produzan episodios ambientais imprevistos de orixe natural ou antrópica que afecten a integridade do medio e desborden as medidas previstas no presente plan reitor.

Unha vez rematada a vixencia, e como paso previo para a aprobación do plan reitor de uso e xestión, elaborouse un documento preliminar que foi sometido á participación pública en virtude do establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

En consecuencia, en virtude do establecido nos artigos 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do parque natural do monte Aloia por un período de 45 días naturais, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de que se poidan remitir as observacións e opinións que se consideren oportunas mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico parques.naturais@xunta.gal poñendo no asunto: PRUX MONTE ALOIA.

Segundo. Durante o citado prazo, o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do parque natural do monte Aloia poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Pontevedra. María Victoria Moreno, 43, 1ª pl., 36003 Pontevedra (Pontevedra).

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda: http://cmaot.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2018

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural