Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 23 de novembro de 2018 Páx. 49909

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 16 de novembro de 2018 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e a formación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (Diario Oficial de Galicia número 122, do 27 de xuño).

A Orde do 7 de xuño 2018 pola que que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e a formación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, establece no seu artigo 4.1 o crédito orzamentario que financia os incentivos para as mulleres desempregadas.

Así mesmo, establece no seu artigo 4.4 que poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, como consecuencia dunha transferencia de crédito, cómpre ampliar o importe do crédito destinado ás axudas ás contratacións indefinidas iniciais realizadas con mulleres desempregadas, que poderán ser concedidas ao abeiro da orde que se cita nesta disposición, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarias posible.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Amplíase o importe total das axudas establecidas na Orde do 7 de xuño 2018 pola que que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e a formación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG número 122, do 27 de xuño de 2018), que se van conceder ao abeiro desta orde de convocatoria, na seguinte contía e aplicación orzamentaria que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018:

09.40.322C 472.0, no código de proxecto 2016 00 313, na contía de 1.874.602,78 €.

Artigo 2

Estas modificacións non afectan o prazo establecido na referida orde para presentar as solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria