Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 23 de novembro de 2018 Páx. 49912

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 20 de novembro de 2018 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 27 de xuño de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e se convocan para o ano 2018 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

A Orde do 27 de xuño de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e se convocan para o ano 2018 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020), indica no seu artigo 2 que as axudas que se establecen no seu articulado se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.312B.760.0 para as que se destina un orzamento total de 712.000 €.

A devandita orde establece ademais, de acordo co previsto no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que excepcionalmente se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Dado que o crédito previsto na Orde do 27 de xuño de 2018 non resultou suficiente para atender todas as solicitudes recibidas e que existe crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 12.02.312B.760.0 que cumpre os requisitos establecidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, parece oportuno incrementar o importe destinado á dotación orzamentaria consignada na orde de convocatoria mencionada, en liña cun dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia que é facilitar á cidadanía recursos de educación infantil de calidade dado que constitúen un piar esencial para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 27 de xuño de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e se convocan para o ano 2018 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020). O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 12.02.312B.760.0, é de 400.593,08 €.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2018

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social