Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 23 de novembro de 2018 Páx. 49941

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2018 pola que se convocan actividades formativas en liña de apoio á preparación das probas selectivas para o acceso, pola quenda de promoción interna, a diversos corpos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A oferta de emprego público (OEP) para o ano 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 234, do 12 de decembro de 2017, inclúe, para seren cubertas mediante o sistema de promoción interna, 350 prazas:

– 44 prazas (4 para seren cubertas por persoas con discapacidade) para o acceso ao corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1.

– 70 prazas (4 para seren cubertas por persoas con discapacidade) para o acceso ao corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2.

– 130 prazas (8 para seren cubertas por persoas con discapacidade) para o acceso ao corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1.

– 106 prazas (9 para seren cubertas por persoas con discapacidade) para o acceso ao corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2.

Estas prazas foron convocadas pola Orde da Consellería de Facenda do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) para o acceso, por promoción interna, ao corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1), ao corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A2), ao corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C1) e ao corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2).

De acordo co artigo 3.d) da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar tres actividades formativas dirixidas, cada unha delas, a apoiar a preparación das probas selectivas para o acceso, por promoción interna, aos anteditos corpos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupos A1, A2, C1 e C2), que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas nos anexo I.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. As actividades formativas

1. As actividades son as seguintes:

Código

Denominación

FC18226

Apoio á preparación do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1

FC18227

Apoio á preparación do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2

FC18228

Apoio á preparación do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2 e no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1

Son obxecto desta convocatoria tres actividades formativas dirixidas, cada unha delas, a apoiar a preparación das probas selectivas no marco da OEP para o ano 2017.

2. Cada unha das actividades está composta de contidos multimedia actualizados e cuestionarios de corrección automática, que facilitan unha aprendizaxe autónoma máis efectiva.

Segunda. Destinatarios/as, inscrición e acceso aos contidos

1. Poderán participar nas ditas accións formativas os/as empregados/as públicos/as que sexan admitidos ás probas selectivas convocadas para o acceso aos corpos indicados na base primeira, por promoción interna, que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

2. A inscrición para o acceso aos contidos pode facerse no prazo de sete días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As persoas solicitantes das actividades deberán dispor dunha conta de correo electrónico cuxo enderezo terán que indicar ao cubriren os seus datos na zona de matrícula da EGAP e dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

4. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 54 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

5. A participación nestas actividades non dá dereito á expedición de ningún certificado.

Terceira. Organización das actividades e datas de realización

Estas actividades comezarán o próximo 5 de decembro e realizaranse na modalidade en liña, a través da aula virtual.

Cada actividade dispón duns contidos e duns cuestionarios de preguntas tipo test, organizados por temas, bloques ou módulos, elaborados especificamente para cada actividade sen que sexan, en ningún caso, representativas respecto ao alcance das preguntas que poidan formularse no proceso selectivo.

Os contidos de cada actividade formativa serán tutelados polos/as titores/as nomeados pola EGAP, quen apoiarán os/as alumnos/as para a debida comprensión dos temas e resolución de dúbidas e cuestións que se poidan formular durante un prazo de tres meses desde o inicio da actividade. Para tal efecto, o alumnado disporá dos foros correspondentes.

Cuarta. Criterios de selección

Estas actividades destínanse unicamente aos/ás empregados/as públicos/as que foron admitidos/as ás probas selectivas para o acceso aos corpos indicados na base primeira desta resolución. Esta relación será contrastada coa información que facilite a Dirección Xeral de Función Pública sobre o persoal admitido en cada proceso selectivo.

Quinta. Publicación da relación do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a relación das persoas seleccionadas para participar en cada actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sexta. Facultades da EGAP

1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento e as datas das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da escola.

4. A EGAP garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.