Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 26 de novembro de 2018 Páx. 50133

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 19 de novembro de 2018 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 26 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao programa operativo do Fondo Social Europeo, e se convocan para o ano 2018.

O obxecto da Orde do 26 de decembro de 2017 (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2018) é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en réxime de concorrencia non competitiva, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e proceder á súa convocatoria para o ano 2018, a través de dous programas.

A citada orde establece no seu artigo 4, no cal se recolle o financiamento, que estes importes poderán verse modificados ou incrementados con fondos comunitarios, da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración do Estado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás subvencións cofinanciadas polos Fondos Europeos, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude desta previsión ditouse a Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 26 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao programa operativo do Fondo Social Europeo, e se convocan para o ano 2018 (DOG núm. 115, do 18 de xuño de 2018). Esta orde ampliou o crédito da convocatoria nun importe de 350.000 €, quedando cun importe total de 2.150.000 €. Non obstante, esta ampliación non foi suficiente para atender todas as solicitudes.

Con data de hoxe existen dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, procedentes dunha xeración de crédito derivada da redistribución de fondos procedentes da Administración do Estado para o financiamento de programas de fomento do emprego. En consecuencia, coa finalidade de facer chegar as axudas ao maior número de persoas ou entidades beneficiarias posible, conforme o establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cómpre ampliar o importe total dos créditos destinados ás axudas que se van conceder ao abeiro dos programas I e II de fomento do emprendemento en economía social regulados na Orde do 26 de decembro de 2017.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento de financiamento

Increméntase en 1.249.048,64 euros o importe total destinado á concesión das axudas ao abeiro dos programas I e II da Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 26 de decembro de 2017, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao programa operativo do Fondo Social Europeo, e se convocan para o ano 2018 (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2018), quedando a orde cun importe total de 3.399.048,64 €.

Este incremento afecta os programas I e II da orde, de acordo coa seguinte distribución:

Programa I (TR802G): 737.400,00 € (09.40.324C.470.0; proxecto 2016 00306).

Programa II (TR802J): 511.648,64 € (09.40.324C.470.1; proxecto 2016 00306).

Este incremento da dotación aténdese con fondos finalistas dispoñibles do mesmo servizo e programa, logo da xeración de crédito efectuada no proxecto 2016 00306, nas aplicacións orzamentarias 09.40.324C.470.0 e 09.40.324C.470.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Artigo 2. Prazo de solicitude

Esta modificación non afecta os prazos establecidos para a presentación de solicitudes na Orde do 26 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao programa operativo do Fondo Social Europeo, e se convocan para o ano 2018.

Artigo 3. Prazo de xustificación das accións subvencionables

A data máxima de presentación da solicitude de pagamento e xustificación das accións subvencionables será a que se sinale na resolución de concesión e, como máximo, o 17 de decembro de 2018.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2018

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria