Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 27 de novembro de 2018 Páx. 50279

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2018 pola que se acorda a aprobación inicial e se somete a información pública o expediente expropiatorio, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a regularización, execución e implantación do Centro de Telecomunicación de Monte Barbeito na parroquia de Barrañán, no concello de Arteixo, incluído no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, S.A.

I. Mediante a Resolución da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia do 20 de maio de 2013, publicada no DOG núm. 114, do 17 de xuño, faise pública a aprobación definitiva e as disposicións normativas do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, aprobado mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de maio de 2013.

De conformidade co disposto na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e o artigo 11.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, a citada resolución do Consello da Xunta, no número 2 da parte dispositiva, declara «a utilidade pública e interese social a efectos expropiatorios do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal.

De conformidade co disposto no artigo 85.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, a aprobación dos instrumentos de planeamento urbanístico implicará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados, para os fins de expropiación ou imposición de servidumes.

II. Actúa como Administración expropiante a Consellería de Facenda e Retegal como beneficiario da expropiación por Resolución do 11 de maio de 2018, da Consellería de Facenda, coas consecuencia legais derivadas destas posicións xurídicas.

III. Trátase dunha expropiación urbanística e, como tal, regulada no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de solo e rehabilitación urbana, na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no Decreto 143/2016, do 22 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

IV. Tratándose dunha expropiación urbanística, este expediente formúlase, polo procedemento de taxación conxunta, de acordo co disposto no artigo 118 e concordantes da Lei do solo de Galicia.

V. Para os efectos de fixación do prezo xusto polo procedemento de taxación conxunta, para o seu pagamento aos propietarios afectados e ocupación dos predios afectados, confeccionouse o oportuno expediente, de acordo co disposto no artigo 36 do Real decreto lexislativo 7/2015, artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigos 291 a 293 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. De conformidade co anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar inicialmente o expediente de expropiación polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisan para a regularización, execución e implantación do Centro de Telecomunicación de Monte Barbeito na parroquia de Barrañán, no concello de Arteixo, incluído no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, S.A.

Segundo. De conformidade co previsto no artigo 118 e concordantes da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, sométese a información pública polo prazo dun mes o expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a adquisición de terreos necesarios para a regularización, execución e implantación do Centro de Telecomunicación de Monte Barbeito na parroquia de Barrañán, no concello de Arteixo, para que quen poida resultar interesado formule as observacións e reclamacións que considere convenientes, en particular no que concirne á titularidade ou valoración dos seus respectivos dereitos. Acórdase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nun xornal dos de maior circulación na provincia e na páxina web da Consellería de Facenda http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/expropiacions. Xúntase anexo coa relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Así mesmo, as taxacións notificaranse individualmente aos que aparecen como titulares de bens e dereitos no expediente, para que poidan formular as alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación.

Cuarto. Durante o prazo previsto no punto segundo, o expediente estará exposto á disposición dos interesados no Concello de Arteixo (A Coruña) e na Subdirección Xeral do Patrimonio da Consellería de Facenda en Santiago de Compostela (sita na rúa Pastoriza, 8, 2º). Durante este prazo, todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán presentar as alegacións que coiden oportunas, mediante escrito dirixido á Subdirección Xeral do Patrimonio da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda en Santiago de Compostela e presentado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia no Edificio Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou nos lugares establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2018

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

Nº de predio

Nº catastro

Titular

DNI/NIF

Superficie afectada (m2)

Afección

Pol.

Parc.

1

11

18

Germán Castiñeiras Martínez

****2211X

417,00

Expropiación

2

11

289

Antonio Pichel Lorenzo e Dolores Figueroa Cal

***5096C e ***5778C

84,00

Expropiación

3

11

289

Antonio Pichel Lorenzo e Dolores Figueroa Cal

***5096C e ***5778C

9,00

Servidume de paso

4

11

346

Manuel Suárez Rey

****4716Q

32,00

Servidume de paso

5

11

347

Hros. de María Rey Requeiro

****4522L

10,00

Servidume de paso