Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 27 de novembro de 2018 Páx. 50290

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 23 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, polo que se somete a información pública o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, con data do 15 de novembro de 2018 adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do consorcio local dos Peares.

Segundo. Someter o dito plan ao trámite de información pública, durante o prazo de dous meses, mediante o anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión nas provincias (Lugo e Ourense).

Terceiro. Notificar individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.

Consonte co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando os interesados sexan descoñecidos, se ignore o lugar da notificación ou ben, intentada esta, non se puidese practicar, a notificación farase por medio de anuncio publicado no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Solicitar das administracións públicas competentes os informes que resulten preceptivos pola lexislación sectorial».

Consonte o establecido no artigo 47 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 86.2 do seu Regulamento aprobado por Decreto 143/2016, do 22 de setembro (RLSG), o acordo de aprobación inicial determinará, por si só, a suspensión do outorgamento de licenzas de parcelación, edificación e demolición no ámbito do territorio obxecto do plan especial cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente.

O ámbito do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do Consorcio local dos Peares correspóndese co ámbito territorial do Consorcio Local dos Peares, que abrangue a confluencia dos ríos Miño, Sil e Búbal, nos municipios de Pantón e Carballedo na provincia de Lugo, e da Peroxa e Nogueira de Ramuín na provincia de Ourense, ocupando unha superficie de 350 ha.

A delimitación do ámbito correspóndese co fixado nos planos de información e ordenación.

Así mesmo, na memoria do plan especial inclúese a relación de parcelas catastrais que abranguen o ámbito do devandito plan especial.

De acordo co establecido no artigo 86.3 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, a suspensión de licenzas non afectará:

a) As obras de mantemento, conservación e reforma, salvo no caso de obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio non xustificadas por razóns de urxencia ou que supoñan un aumento do volume edificado.

b) As licenzas de primeira ocupación.

c) Os proxectos que cumpran simultaneamente o instrumento de planeamento en vigor e o plan especial aprobado inicialmente.

d) Os actos suxeitos ao trámite de comunicación previa, sempre e cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados polo novo planeamento.

A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos contando desde a aprobación inicial do plan especial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

Mentres dure a suspensión de licenzas, poderán autorizarse usos e obras provisionais nos termos do artigo 89 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e artigo 204 do regulamento.

En cumprimento do disposto anteriormente, sométese a información pública o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do consorcio local dos Peares, polo prazo de dous meses contados a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o referido prazo, calquera persoa poderá examinar o documento, en horario de oficina, nas dependencias da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sitas no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, en Santiago de Compostela ou na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na seguinte ligazón https://cmatv.xunta.gal/informacion-publica-urbanismo e formular as alegacións, documentos e xustificacións que se consideren pertinentes.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2018

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo