Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 28 de novembro de 2018 Páx. 50371

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2018 pola que se convoca un curso de actualización de defensa persoal policial.

Dentro das actividades programadas para o ano 2018, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de actualización de defensa persoal policial, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: actualización de defensa persoal policial.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal dos corpos e forzas de seguridade que teñan destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazas ofertadas: 80 prazas.

Contidos:

– Día 15: xornada de mañá.

A patrulla.

Traballo en binomios.

Técnicas especiais de detención.

– Día 15: xornada de tarde.

Bastón policial extensible.

Resolucións policiais ante agresións con coitelos.

– Día 16: xornada de mañá.

Operativa de vehículos.

Materiais: o persoal admitido deberá presentarse a este curso provisto de atavío deportivo e do seguinte material:

– Lazos e bridas de seguridade.

– Bastón policial/dous kalis ou dous bastóns policiais.

– Coitelo simulado.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 9 de decembro de 2018.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

– Criterios de selección:

a) Menor número de actividades formativas realizadas polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia.

b) A igual número de actividades terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

– Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 10 de decembro de 2018 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

– Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico á dirección formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Datas: 15 e 16 de decembro de 2018.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 20 de novembro de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública