Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 29 de novembro de 2018 Páx. 50514

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2018 pola que se modifica a Resolución do 3 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2018, con carácter plurianual.

No Diario Oficial de Galicia núm. 158, do 21 de agosto de 2018, publicouse a Resolución do 3 de agosto de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2018, con carácter plurianual.

No punto 6 do ordinal décimo oitavo, xustificación da subvención, indícase que «en ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data».

Esta resolución de modificación das bases reguladoras destes programas ten como finalidade permitir a ampliación do prazo de presentación da documentación xustificativa, tanto parcial como final, da subvención, nos supostos en que concorran circunstancias que imposibiliten a resolución dos correspondentes expedientes coa debida antelación ao citado prazo. Esta ampliación de prazo da xustificación da subvención realizarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLVO:

Único. Modificación da Resolución do 3 de agosto de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2018, con carácter plurianual.

O punto 6 do ordinal décimo oitavo, xustificación da subvención, queda redactado como segue:

«En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data. Non obstante, poderase ampliar a citada data en cada convocatoria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo