Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 7 de decembro de 2018 Páx. 51383

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2018 pola que se convoca o curso monográfico Protección de datos e ciberseguridade.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Protección de datos e ciberseguridade, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

Este curso ten como obxectivo principal afondar na normativa relacionada coa protección de datos de carácter persoal e a ciberseguridade desde un punto de vista teórico-práctico, sinalando as novidades existentes e dando conta dos puntos máis esenciais e característicos da súa aplicación na Administración pública e, en particular, no ámbito do sistema universitario para, deste xeito, coñecer e analizar o seu funcionamento e dar resposta aos conflitos que xurdan na aplicación da normativa.

Segunda. Contidos

Neste curso monográfico trataranse, entre outros, os seguintes temas:

– Introdución á protección de datos persoais, antecedentes normativos internacionais, europeos e nacionais: intimidade versus privacidade.

– Visión xurídica do Regulamento xeral de protección de datos.

– A nova Lei de protección de datos persoais e de garantía dos dereitos dixitais.

– A figura do delegado de protección de datos.

– Política de protección de datos na universidade.

– A protección de datos en materia de saúde.

Terceira. Persoas destinatarias

O curso diríxese ao persoal empregado público das universidades do Sistema universitario de Galicia en situación de servizo activo ou asimilada.

No caso de non cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público das administracións públicas de Galicia, tanto de xustiza como autonómica e local, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma, profesionais e persoas interesadas en xeral.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: EGAP, na rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 18 e 19 de decembro de 2018.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 11 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

Limitado pola capacidade do local.

Sexta. Inscrición

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través do espazo «área de matrícula» da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

Todas as persoas solicitantes que sexan persoal empregado público das universidades do Sistema universitario de Galicia en situación de servizo activo ou asimilada deberán enviar, antes de que finalice o prazo de inscrición, é dicir, o 13 de decembro, un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal en que acheguen a certificación acreditativa de tal condición, para teren preferencia na selección tal como se establece nos puntos 3 e 7 desta resolución.

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 13 de decembro de 2018.

Poderase obter calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

Sétima. Criterios de admisión

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes, e daráselle preferencia ao persoal empregado público das universidades do Sistema universitario de Galicia, en situación de servizo activo ou asimilada, tal como se establece no punto 3 desta resolución.

Oitava. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións

1. Na epígrafe deste curso monográfico da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde a súa publicación.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) a listaxe definitiva de persoas admitidas nesta actividade.

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada á Escola Galega de Administración Pública, antes do comezo da actividade formativa, achegando un correo electrónico a
novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberanse xustificar documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Modificacións

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

Décimo primeira. Certificado electrónico de asistencia

Ao final do curso monográfico emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas cuxa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública