Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 7 de decembro de 2018 Páx. 51388

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2018 pola que se convoca a xornada Operacións de fin de exercicio nas entidades locais. Elaboración de contas anuais.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 20/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar a xornada Operacións de fin de exercicio nas entidades locais. Elaboración das contas anuais, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

A posta en funcionamento da recente instrución de contabilidade de Administración local (ICAL 2013), que introduce un marco conceptual novo no ámbito da Administración local, supón a necesidade de actualización dos coñecementos contables das persoas responsables de intervención e contabilidade destes entes.

A presente xornada ten por obxecto analizar, desde unha perspectiva práctica, as operacións de contabilidade pública que realizan as entidades locais no fin do exercicio orzamentario, tanto desde un punto de vista económico como orzamentario e patrimonial.

2. Contidos.

– Operacións previas á regularización e peche:

– Reclasificación das operacións.

– Reclasificacións non formalizadas.

– Axustes de periodificación.

– Correccións valorativas.

– Axustes de activos e pasivos financeiros.

– Valoración de existencias.

– Operacións de exercicio derivadas dos procedementos especiais.

– Operacións de fin de exercicio:

– Regularización do orzamento de ingresos.

– Regularización da contabilidade da xestión de recursos por conta doutros entes públicos.

– Cálculo dos resultados económico patrimoniais.

– Regularización dos gastos e ingresos imputados ao patrimonio.

– Operacións de peche:

– Peche do orzamento de gastos.

– Peche do orzamento de ingresos.

– Peche da contabilidade económico patrimonial.

– Cambios de criterios contables, erros e estimacións contables.

– Feitos posteriores ao peche.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público da Administración local con habilitación de carácter nacional que pertenza á subescala de intervención-tesouraría e secretaría-intervención. Persoal técnico das entidades locais que realice funcións relacionadas co contido da xornada.

4. Desenvolvemento.

Data: 19 de decembro de 2018.

Horario: das 10.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 18.00 horas.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Duración: 6 horas lectivas.

5. Número de prazas: 80.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/.

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 13 de decembro de 2018.

Todas as persoas solicitantes deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, achegando a certificación acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos no punto 3. Serán excluídas aquelas solicitudes que non acompañen a dita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 13 de decembro de 2018.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41/981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e o prazo de presentación de alegacións.

8.1. Na epígrafe desta xornada da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde o día da súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase, no devandito espazo, a listaxe definitiva das persoas admitidas na xornada.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao comezo da actividade formativa, achegando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas epígrafes a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da súa finalización. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública