Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 7 de decembro de 2018 Páx. 51393

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2018 de delegación de competencias.

A Lei orgánica de universidades 6/2001 (LOU), do 21 de decembro, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, asígnalles aos reitores das universidades unha parte importante das competencias que a autonomía universitaria lles confire aos órganos universitarios. Así mesmo, os estatutos da Universidade de Vigo, aprobados mediante o Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro, desenvolven especificamente, nos seus artigos 56, 57, 58, 59 e 60, as competencias do reitor.

A actividade administrativa da Universidade de Vigo supón unha concentración de funcións na persoa do seu reitor que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os estatutos desta universidade e as demais disposicións de xeral aplicación, esta reitoría decide ditar a seguinte resolución de delegación de competencias, que queda redactada nos termos seguintes:

I. Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade.

Deléganse no vicerreitor de Planificación e Sostibilidade as seguintes competencias:

a) As relativas á programación, supervisión e execución das novas infraestruturas, así como a reforma, remodelación, adaptación ou reparación das xa existentes, en coordinación coa Xerencia.

b) As correspondentes ás actuacións urbanísticas que afecten a Universidade de Vigo.

c) As relacionadas con plans, proxectos e programas estratéxicos institucionais.

d) As correspondentes á solicitude e á contratación de proxectos, infraestruturas, equipamentos e instalacións de carácter institucional.

e) As de xestión e coordinación dos equipamentos e infraestruturas docentes.

f) As relativas á posta en marcha de programas de sustentabilidade enerxética e ambiental.

g) As relativas ás tecnoloxías da información e as comunicacións e os seus servizos.

h) A definición, execución e supervisión da política de prevención de riscos laborais.

i) A planificación e a coordinación das actividades de implantación e desenvolvemento da Administración electrónica, de acordo coa Secretaría Xeral.

j) As relacionadas coa Fundación Universidade de Vigo (Fuvi).

k) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

II. Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais.

Deléganse na vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais as seguintes competencias:

a) As referidas á identidade corporativa da universidade e á xestión da comunicación interna e externa.

b) As relacións, en representación do reitor, coas institucións, organismos e empresas de carácter público e privado, así como a sinatura de todo tipo de convenios e protocolos relacionados coas actividades destas, cando así o considere oportuno o reitor.

c) As relacionadas coa comunicación nos ámbitos da orientación e fomento do emprego e das iniciativas empresariais.

d) As relacionadas con empresas e institucións, incluída a sinatura de convenios de colaboración en todas as materias obxecto desta delegación.

e) As relativas á política lingüística.

f) As relacionadas co patrimonio inmaterial.

g) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

III. Vicerreitoría de Economía.

Deléganse no vicerreitor de Economía as seguintes competencias:

a) As de coordinación e de xestión en materias económicas.

b) A sinatura de convenios relacionados coa xestión orzamentaria da universidade e, de ser o caso, de contratos programa.

c) A coordinación de asuntos ou de iniciativas que teñan repercusión nas partidas de ingresos ou gastos orzamentarios.

d) As de elaboración, en coordinación coa Xerencia, das liñas e directrices do orzamento anual da universidade e da súa política económica.

e) As relacionadas coa captación de recursos externos.

f) As relacionadas coas cátedras de empresa da universidade, así como as relacións co contorno económico-empresarial.

g) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

IV. Vicerreitoría de Investigación.

Deléganse na vicerreitora de Investigación as seguintes competencias:

a) O deseño e a implantación de políticas que fomenten a investigación de excelencia e a súa difusión á sociedade.

b) A promoción, avaliación e recoñecemento das actividades de investigación.

c) As relacionadas coas diferentes convocatorias de axudas e de bolsas de investigación.

d) As relativas á Biblioteca Universitaria e ao Servizo de Publicacións.

e) As de realización de propostas de equipamento de centros de investigación e as de xestión e coordinación dos recursos de investigación, en coordinación coa Vicerreitoría de Transferencia.

f) As correspondentes aos institutos universitarios, centros singulares e agrupacións estratéxicas de investigación, en coordinación coa Vicerreitoría de Transferencia.

g) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional, en coordinación coa Vicerreitoría de Transferencia.

h) As relacionadas coa planificación, coordinación e execución de políticas e accións relativas ao Campus do Mar, en coordinación coa Vicerreitoría de Transferencia e dentro do marco das políticas xerais que a universidade defina para os seus campus de especialización.

i) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

V. Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado.

Deléganse no vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado as seguintes competencias:

a) As de elaboración do cadro teórico de persoal docente e investigador e a súa regulación a curto, medio e longo prazo.

b) As de elaboración e de modificación dos plans de organización docente e do cadro de persoal docente.

c) As relativas aos concursos de profesorado.

d) A aprobación das listaxes provisionais e definitivas de admitidos nos concursos de persoal docente funcionario e contratado.

e) As referentes aos programas de promoción e estabilización do persoal docente e investigador.

f) Todos os actos relativos á situación administrativa do persoal docente, incluídos os procedementos de xubilación e compatibilidades, así como a comunicación do recoñecemento dos complementos retributivos autonómicos.

g) Asinar os contratos, os nomeamentos e os cesamentos do PDI laboral e do PDI funcionario.

h) As referentes á ordenación de estruturas académicas, áreas de coñecemento, departamentos e centros, no relativo á súa actividade docente.

i) A oferta de prazas (límite de prazas) e a oferta educativa anual (encargo de docencia).

j) A actualización ou modificación da normativa de xestión académica.

k) A planificación, coordinación e supervisión dos procesos de elaboración e reforma dos títulos oficiais de grao e máster.

l) As relacionadas coa tramitación e cos procedementos administrativos das ensinanzas oficiais da universidade, así como a posta en marcha de novas titulacións.

m) As referentes aos procesos de avaliación do profesorado, en coordinación coa Secretaría Xeral.

n) Dirixir a negociación colectiva, asinar pactos e acordos e ditar resolucións e ordes de execución en materia de persoal docente e investigador.

o) As relacionadas con ensinos conducentes á obtención de diplomas ou títulos propios e outros cursos de formación.

p) As de coordinación dos programas, proxectos e accións de formación continua.

q) As relacionadas con programas, plans e accións de innovación educativa.

r) As de coordinación e control de centros adscritos á universidade, en materia académica.

s) A organización, realización e seguimento do Programa de maiores.

t) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

u) A sinatura de resolucións relacionadas coa actividade académica de estudantes, distintas das que son obxecto de delegación na Secretaría xeral, incluída a coordinación da matrícula.

Deléganse na Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado todas as competencias relacionadas coa instrución e resolución de procedementos que teñan relación coas funcións encomendadas.

VI. Vicerreitoría de Transferencia.

Deléganse na vicerreitora de Transferencia as seguintes competencias:

a) As relacionadas con contratos, informes e cursos do artigo 83 da LOU.

b) As referentes á transferencia de tecnoloxía e á valorización e protección de resultados de investigación.

c) O deseño e a implantación de políticas que fomenten a transferencia do coñecemento ao tecido socioeconómico e a súa difusión á sociedade.

d) A promoción, avaliación, divulgación e recoñecemento das actividades de transferencia de coñecemento en todos os ámbitos da Universidade de Vigo.

e) As relacionadas cos parques tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas.

f) As relacionadas coa potenciación de plans de formación para empresas, institucións e profesionais.

g) As relacionadas coa xestión, coordinación e propostas de equipamento de centros tecnolóxicos, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación.

h) As correspondentes á Oficina de I+D e as relacións con outros centros de I+D, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e a Vicerreitoría de Internacionalización.

i) A proposta, formalización e contratación de proxectos de transferencia de resultados de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e a Vicerreitoría de Internacionalización.

j) As relacionadas con cátedras e aulas provenientes da relación universidade-empresa, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e a Vicerreitoría de Economía.

k) As relacionadas coa planificación, coordinación e execución de políticas e accións relativas ao Vigo Tecnolóxico, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e dentro do marco das políticas xerais que a universidade defina para os seus campus de especialización.

l) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

VII. Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.

Deléganse na vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria as seguintes competencias:

a) A promoción e a difusión da oferta académica da universidade, así como a proxección da universidade na vida cultural e deportiva do territorio de influencia da Universidade de Vigo.

b) As relativas á captación e ao acceso do alumnado da universidade.

c) As correspondentes ao aloxamento e ao transporte.

d) As de organización, fomento, realización e seguimento de actividades de extensión universitaria, así como de atención e información á comunidade universitaria.

e) O recoñecemento de créditos ao estudantado pola realización de actividades universitarias complementarias, así como a convocatoria, xestión e recoñecemento de prácticas externas.

f) As relacionadas co recoñecemento, defensa e vixilancia dos dereitos e deberes do estudantado, incluídas as relativas á avaliación e á cualificación do alumnado.

g) A proposta e a xestión de actuacións para mellorar a formación transversal do estudantado.

h) A supervisión da execución dos procesos para conceder bolsas e axudas convocadas por outras institucións públicas ou privadas, incluída, de ser o caso, a presidencia ou a representación da universidade nos distintos órganos que se constitúan para a súa xestión.

i) As relacionadas co fomento do emprego e do emprendemento do estudantado.

j) O deseño, planificación e xestión dos programas de mobilidade e intercambio no marco do Estado.

k) As relativas ás relacións da universidade cos seus egresados e egresadas.

l) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

m) As referidas á convocatoria e concesión das bolsas de estudo propias destinadas a subvencionar as actividades académicas do alumnado da universidade.

VIII. Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación.

Deléganse na vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación as seguintes competencias:

a) As relativas á responsabilidade social, servizos sociais e participación.

b) O fomento e o deseño das estratexias e políticas para as relacións internacionais e a cooperación internacional.

c) A representación institucional en foros e en eventos internacionais.

d) A sinatura de acordos, convenios e protocolos relacionados coa actividade internacional da Universidade de Vigo, cando así o considere oportuno o reitor.

e) O deseño, planificación e xestión dos programas internacionais de mobilidade e intercambio.

f) A proposta, formalización e contratación de redes e proxectos internacionais de difusión científica, en coordinación coas vicerreitorías de Investigación e de Transferencia.

g) A proposta, formalización e contratación de redes e proxectos internacionais de cooperación.

h) A proposta e o desenvolvemento de plans para a integración total das persoas con necesidades educativas específicas na Universidade de Vigo.

i) A promoción, estímulo e dirección da xestión de actividades de acción solidaria, voluntariado e cooperación no ámbito universitario.

j) A promoción, impulso e xestión do asociacionismo universitario.

k) A definición e a execución da política de acción social.

l) As correspondentes aos comedores universitarios.

m) As relativas a actividades de promoción cultural e mecenado.

n) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

IX. Vicerreitoría do Campus de Ourense.

Deléganse na vicerreitora do Campus de Ourense as seguintes competencias:

a) As de proxección, coordinación e representación da universidade no ámbito territorial do campus de Ourense.

b) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do campus de Ourense.

c) As derivadas da descentralización administrativa no campus de Ourense.

d) As relativas ao campus de Ourense das áreas das outras vicerreitorías que se atopen descentralizadas.

e) As relacionadas coa planificación, coordinación e execución de políticas e accións relativas ao Campus da Auga, no marco das políticas xerais que a universidade defina para os seus campus de especialización.

f) As relacións, en representación do reitor, coas institucións e coas empresas de carácter público e privado, así como a sinatura de todo tipo de protocolos e convenios relacionados coas actividades destas, cando así o considere oportuno o reitor.

g) As relativas a empresas e a institucións, incluídas as cátedras de empresa e os cursos complementarios, e a sinatura de convenios de colaboración e os de cooperación educativa en todas as materias obxecto desta delegación.

h) As relacionadas coas empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas no ámbito de influencia do campus de Ourense-Campus da Auga.

i) As relativas á tramitación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como autonómico, así como contratos ao abeiro do artigo 83 da LOU, no ámbito de influencia do campus de Ourense.

j) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación referentes ao Campus da Auga, en coordinación coas vicerreitorías de Planificación, Investigación e Transferencia.

k) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais e con outros centros de I + D + i no ámbito de especialización do Campus da Auga, en coordinación coas vicerreitorías de Investigación e Transferencia.

l) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

X. Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.

Deléganse no vicerreitor do Campus de Pontevedra as seguintes competencias:

a) As de proxección, coordinación e representación da universidade no ámbito territorial do campus de Pontevedra.

b) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do campus de Pontevedra.

c) As derivadas da descentralización administrativa no campus de Pontevedra.

d) As relativas ao campus de Pontevedra das áreas das outras vicerreitorías que se atopen descentralizadas.

e) As relacionadas coa planificación, coordinación e execución de políticas e accións relativas ao Campus Crea S2i, no marco das políticas xerais que a universidade defina para os seus campus de especialización.

f) As relacións, en representación do reitor, coas institucións e coas empresas de carácter público e privado, así como a sinatura de todo tipo de protocolos e convenios relacionados coas actividades destas, cando así o considere oportuno o reitor.

g) As relativas a empresas e a institucións, incluídas as cátedras de empresa e os cursos complementarios, e a sinatura de convenios de colaboración e os de cooperación educativa en todas as materias obxecto desta delegación.

h) As relacionadas coas empresas de base tecnolóxica e os viveiros de empresas no ámbito de influencia do campus de Pontevedra-Campus Crea S2i.

i) As relativas á tramitación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como autonómico, así como contratos ao abeiro do artigo 83 da LOU, no ámbito de influencia do campus de Pontevedra.

j) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación referentes ao Campus Crea S2i, en coordinación coas vicerreitorías de Planificación, Investigación e Transferencia.

k) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais e con outros centros de I + D + i no ámbito de especialización do Campus Crea S2i, en coordinación coas vicerreitorías de Investigación e Transferencia.

l) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

XI. Secretaría Xeral.

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) A representación oficial da universidade ante os poderes públicos en materia xudicial e administrativa.

b) A dependencia funcional da Asesoría Xurídica, actuando de canle a Secretaría Xeral para a petición dos informes xurídicos que apoien a actuación dos órganos colexiados e unipersoais, agás a Xerencia, que poderá solicitalos directamente en asuntos da súa competencia.

c) O impulso, a dirección e a coordinación da revisión e da actualización normativa.

d) A organización e a dirección dos rexistros e dos arquivos da universidade.

e) A organización e a dirección do servizo de información, que se encargará da resolución de solicitudes realizadas a partir do dereito de acceso á información pública.

f) A organización e a dirección da xestión da calidade na universidade e os procesos asociados.

g) O impulso e a avaliación das actividades de implantación e desenvolvemento da Administración electrónica, de acordo coa Vicerreitoría de Planificación, así como a súa regulación.

h) A proposta de calendario escolar.

i) A elaboración da memoria anual do curso académico.

j) A sinatura de certificacións supletorias dos títulos propios.

k) A tramitación e a supervisión formal dos expedientes informativos e disciplinarios.

l) A supervisión formal dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

m) A xestión de convenios con outras institucións.

n) A sinatura das resolucións que autoricen ou deneguen as rectificacións das actas académicas.

o) A delegación da sinatura en resolucións reitorais polas cales se resolvan demandas de estudantes relacionadas coa súa actividade académica.

p) A organización e o control dos procesos electorais correspondentes aos órganos de goberno de carácter xeral.

XII. Xerencia.

Deléganse na xerenta os seguintes asuntos, ademais dos explicitamente recollidos na LOU e nos Estatutos:

a) A ordenación dos pagamentos.

b) En colaboración coa Vicerreitoría de Economía, elaborar a liquidación do orzamento, a memoria económica e as contas anuais.

c) Respecto do persoal de administración e servizos (PAS): dirixir a negociación colectiva, asinar pactos e acordos e ditar resolucións e ordes de execución en todas as materias relativas ao persoal de administración e servizos.

d) Dirixir a xestión e asinar os contratos, os nomeamentos e os cesamentos do PAS.

e) Dirixir a xestión e resolver os restantes procedementos da vida administrativa e laboral do persoal de administración e servizos, con exclusión da iniciación e resolución de procedementos disciplinarios e a imposición de sancións disciplinarias.

f) Autorizar, dispor e contraer obrigas sobre os créditos de gasto da universidade, con excepción do explicitamente atribuído para outros cargos administrativos nesta resolución.

g) Actuar como órgano de contratación da universidade nos termos establecidos na normativa de contratación do sector público e na lexislación patrimonial, agás o explicitamente atribuído para outros cargos administrativos nesta resolución.

h) Dirixir e acordar os actos de trámite e de xestión común da actividade económico-orzamentaria que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

i) O mantemento das infraestruturas existentes e a xestión das reformas, melloras e ampliación das infraestruturas, en coordinación coa Vicerreitoría de Planificación.

XIII. Delegación noutros cargos administrativos.

1. Delegación a favor da Dirección da Biblioteca.

Deléganse no director ou directora da Biblioteca as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público; así mesmo, os gastos derivados de convocatorias de axudas, convenios e as indemnizacións por razón de servizo, respecto aos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos, previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto aos créditos que teña encomendados.

c) Tramitar os contratos de subministracións e servizos adxudicados mediante procedemento aberto simplificado, tramitación reducida, a que se refire o artigo 159.6 da LCSP, incluídas as fases de retención, autorización, disposición e contracción das obrigas sobre os créditos correspondentes.

d) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola Universidade cunha ou con varias empresas; o procedemento de adxudicación aterase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

2. Delegación a favor da xefatura do Servizo de Extensión Universitaria.

Deléganse na persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Extensión Universitaria as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público; así mesmo, os gastos derivados de convocatorias de axudas, convenios e as indemnizacións por razón de servizo, respecto aos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto aos créditos que teña encomendados.

c) Tramitar os contratos de subministracións e servizos adxudicados mediante procedemento aberto simplificado, tramitación reducida, a que se refire o artigo 159.6 da LCSP, incluídas as fases de retención, autorización, disposición e contracción das obrigas sobre os créditos correspondentes.

d) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola Universidade cunha ou con varias empresas; o procedemento de adxudicación aterase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

3. Delegación a favor dos administradores e administradoras.

Deléganse nas administradoras e administradores as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar os contratos de obras, subministracións e servizos adxudicados mediante procedemento aberto simplificado, tramitación reducida, a que se refire o artigo 159.6 da LCSP, incluídas as fases de retención, autorización, disposición e contracción das obrigas sobre os créditos correspondentes.

A Xerencia, por proposta do administrador ou administradora correspondente, poderá ordenar que un expediente de contratación se centralice por razón da súa complexidade ou da carga administrativa existente no centro.

b) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola universidade cunha ou varias empresas; o procedemento de adxudicación aterase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

c) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público; así mesmo, os gastos derivados de convocatorias de axudas, convenios e as indemnizacións por razón de servizo nos departamentos, facultades ou escolas, programas oficiais de máster e doutoramento, títulos propios e proxectos e contratos de investigación que se xestionen no seu ámbito funcional, respecto aos créditos que teñan encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

d) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto aos créditos que teñan encomendados.

4. Delegación a favor das persoas responsables de servizos e unidades administrativas.

Deléganse nas persoas responsables de servizos e unidades administrativas, e respecto do persoal baixo a súa dependencia as competencias de concesión e control das vacacións e dos permisos por asuntos propios e de representación sindical, así como as de control sobre o resto de permisos autorizados.

5. Delegación a favor das xefaturas de Área Académica.

Deléganse nas persoas que ocupen as xefaturas de Área Académica as seguintes funcións en materia de xestión académica:

a) Tramitar os procedementos previstos nos artigos 68 e 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Propor a aceptación da desistencia ou da renuncia da solicitude de matrícula do alumnado.

c) Realizar os trámites que establece o artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

6. Delegación a favor de decanatos e direccións de centros en materia académica de titulacións de grao e máster.

Delégase nas persoas que ocupan os decanatos e direccións de centros:

A) A sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos de grao e máster.

a) A admisión de alumnado en titulacións sen límite de prazas.

b) A admisión dos traslados do alumnado para continuación de estudos, unha vez que adopten as decisións as comisións de centros.

c) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións de materias.

d) A resolución de solicitudes de modificacións de matrícula: ampliación, cambio e/ou anulación parcial de materias.

e) A resolución das solicitudes de avaliación por compensación.

B) A facultade de expedir as certificacións do pagamento dos dereitos, así como a de resolver as solicitudes de remisión dos títulos e a súa remisión ás direccións provinciais de Educación, á oficina de Educación e ás oficinas consulares.

7. Delegación a favor da Dirección da Escola Internacional de Doutoramento (Eido-UVigo).

Delégase na persoa que ocupe a Dirección da Escola Internacional de Doutoramento (Eido-UVigo) a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos adscritos a esta escola:

a) A admisión de estudantes.

b) A resolución de solicitudes de modificación de matrícula: ampliación, cambio e ou anulación parcial de matrícula.

c) A admisión dos traslados do alumnado para continuación de estudos.

d) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións.

e) Autorizar a baixa definitiva de calquera estudante nun programa de doutoramento.

8. Delegación a favor das direccións de departamento

Delégase nas directoras e directores de departamentos a concesión de permisos e licenzas ao persoal docente e investigador (PDI) nos seguintes casos:

a) Vacacións e permisos por asuntos propios, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

b) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal.

c) Para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral.

Os directores e directoras de departamento terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado.

De conformidade coa normativa de permisos e licenzas do PDI, aprobada polo Consello de Goberno do 5 de outubro de 2005 e modificada polo Consello de Goberno do 20 de abril de 2009, as licenzas de estudo de duración igual ou menor de 15 días naturais serán concedidas pola dirección do departamento por delegación do reitor ou reitora, deberase especificar na concesión a persoa suplente nas obrigas docentes ou a maneira en que será recuperada a docencia e darase conta ao decanato ou dirección do centro correspondente.

As restantes solicitudes de obtención de permiso ou licenza, retribuída ou non, deberán formularse ante a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado.

9. Delegación a favor da mesa de contratación.

Delégase na mesa de contratación permanente a competencia de selección dos candidatos nos procedementos a que se refire o artigo 326.2.e) da LCSP.

XIV. Suplencia.

Nos supostos de ausencia ou enfermidade, o reitor será substituído pola persoa que ocupe a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, quen exercerá a plenitude de funcións que son propias do órgano substituído, e no seu defecto, pola persoa que ocupe a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións institucionais. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade dalgún vicerreitor ou vicerreitora, será substituído por aquel que designe, de xeito expreso, o reitor.

XV. Réxime da delegación de competencias.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia na antesinatura, con indicación da presente resolución reitoral, e consideraranse ditadas pola autoridade que a conferiu.

2. De acordo co establecido nos artigos 9.6 e 10 da Lei 40/2015, a Reitoría poderá revocar en calquera momento a delegación de competencias contida nesta resolución, así como avocar para si o coñecemento dun ou varios asuntos cuxa resolución corresponda ordinariamente ou por delegación aos seus órganos administrativos dependentes, cando circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial o fagan conveniente.

3. De acordo co artigo 9.5 da Lei 40/2015, salvo autorización expresa dunha lei, non se poderán delegar as competencias que se exerzan por delegación.

Disposición derradeira primeira

Quedan derrogadas cantas disposicións desta reitoría, de igual ou inferior rango, que se opoñan ao establecido nesta resolución reitoral e, especificamente, a Resolución do 8 de xuño de 2018, publicada no DOG núm. 111, do 12 de xuño.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución terá vixencia a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 1 de decembro de 2018

Manuel J. Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo