O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 15 de novembro de 2018, aprobou o acordo acadado o 5 de novembro de 2018 entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as organizacións patronais CECE-Galicia, Educación e Xestión (Escuelas Católicas), ACES-Galicia e as organizacións sindicais FSIE-Galicia, CCOO-Ensino, UGT-Galicia e USO sobre incremento salarial do persoal docente do ensino concertado en réxime de pagamento delegado.
Para xeral coñecemento procédese á publicación do referido acordo,
RESOLVO:
Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de novembro de 2018 que a seguir se transcribe.
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2018
José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos
ANEXO
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2018.
Reunidos:
Dunha parte, Carmen Pomar Tojo, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e, doutra, as organizacións empresariais e sindicais asinantes ao final deste documento,
Considerando que o artigo 117.4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, prevé que se posibilite a equiparación gradual dos salarios do persoal docente dos centros privados concertados en réxime de pagamento delegado e a remuneración do profesorado público nas diversas etapas; e que o artigo 13.1.a) do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, incide nesta cuestión.
Considerando que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as organizacións empresariais e sindicais da ensinanza privada concertada da Comunidade Autónoma de Galicia entenden que é oportuno continuar dando pasos cara a equiparación e trasladar aos salarios do persoal docente dos centros privados concertados en réxime de pagamento delegado os incrementos retributivos aplicados ao persoal docente dependente da Consellería de Educación, como consecuencia do acordo acadado coas organizacións sindicais CC.OO. e FeSP-UGT (aprobado por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de setembro de 2018 e publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 187, do 1 de outubro).
Considerando que este incremento retributivo de 1.260 € anuais (aplicado no complemento retributivo da comunidade autónoma e percibido en 14 pagas), permite retomar e mellorar a evolución das condicións salariais do profesorado do ensino concertado en réxime de pagamento delegado.
Por todas estas razóns, as partes asinantes alcanzan o seguinte acordo sobre incremento salarial do persoal docente do ensino concertado en réxime de pagamento delegado.
Primeiro. O complemento retributivo da comunidade autónoma do persoal docente do ensino concertado en réxime de pagamento delegado, experimentará un incremento de 1.260 € anuais segundo o seguinte cadro:
Data de efectividade |
Incremento mensual |
Incremento en cómputo anual |
1.10.2018 |
15 € |
210 €* |
1.1.2019 |
20 € |
280 € |
1.1.2020 |
25 € |
350 € |
1.1.2021 |
30 € |
420 € |
Total |
90 € |
1.260 € |
* O incremento no ano 2018 será de 52,5 € (3 mensualidades máis a parte proporcional da paga extraordinaria).
Segundo. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as organizacións empresariais e sindicais da ensinanza privada concertada asinantes do presente acordo efectuarán o seu seguimento e aplicación a través da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado.
Terceiro. As medidas de carácter salarial que prevé este acordo están supeditadas á súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia e á aprobación e vixencia das normas orzamentarias que habiliten a súa efectividade e, unha vez aprobadas e publicadas, producirán efectos retroactivos desde o 1 de outubro de 2018.
Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional
Polas organizacións sindicais: |
Polas organizacións empresariais: |
FSIE-Galicia, Rodolfo Castro Fernández |
CECE-Galicia, Alfonso García Sanmartín |
CCOO-Ensino, Iria Antuña Domínguez |
ACES-Galicia, Miguel A. Filgueira Touriño |
UGT-Galicia, José A. Míguez Vila |
Educación e Xestión (Escuelas Católicas), Juana Otero Torres |
USO, Juan Lemos Abalo |