Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 19 de decembro de 2018 Páx. 52909

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2018, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas provisionais para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras), en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Mediante Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 26 de xuño de 2018 (DOG nº 122, do 27 de xuño), acordouse a apertura dunha lista para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras), en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

O nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral están reguladas no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 124/2016, do 8 de setembro.

O período para a presentación das solicitudes estivo aberto desde o día 28 de xuño ata o día 15 de xullo de 2018, ambos incluídos.

Unha vez rematado o dito prazo foron examinadas as solicitudes presentadas coa finalidade de comprobar a concorrencia dos requisitos exixidos e valorar os méritos alegados polas persoas interesadas.

Concluídos os anteriores traballos, elaboradas e aprobadas as listaxes correspondentes, a Comisión Permanente, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, acordou elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública as listaxes provisionais de admitidos e excluídos para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 11 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de postos de persoal laboral do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras) en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Segundo. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, parágrafo de «Listas de contratación», e nas oficinas de rexistro e información da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).

Nas devanditas listas figura a seguinte información:

• Solicitantes admitidas/os con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

• Solicitantes excluídas/os con expresión da causa de exclusión.

Terceiro. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellería de Facenda, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

Xunto coas ditas reclamacións, achegarase, de ser o caso:

• Documentación precisa para subsanar a causa de exclusión.

• Certificación de servizos prestados na Xunta de Galicia no mesmo grupo e categoría, segundo o modelo que figura como anexo I desta resolución. A certificación será expedida polas unidades seguintes:

– Servizos centrais: secretaria/o xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefas/es de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou do ente público instrumental onde estea a prestar servizos ou onde os prestou por última vez.

– Servizos periféricos: xefas/es territoriais ou funcionaria/o responsable da área de persoal dos departamentos territoriais, directoras/es provinciais ou delegadas/os comarcais da consellería ou do ente público instrumental onde preste servizos ou onde os prestou por última vez.

No suposto de que algunha das persoas provisionalmente excluída non presente a documentación necesaria para subsanar a causa de exclusión, quedará definitivamente excluída.

Cuarto. A partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, tanto as persoas provisionalmente admitidas como as provisionalmente excluídas poderán presentar solicitude de suspensión de chamamentos de conformidade co establecido no artigo 15 do Decreto 37/2006.

O modelo de solicitude encóntrase á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de «Listas de contratación».

Quinto. Unha vez transcorrido o prazo para formular alegacións, levaranse a efecto as emendas procedentes e daráselle publicidade ás listas definitivas no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2018

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

missing image file