Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 27 de decembro de 2018 Páx. 53807

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de decembro de 2018 pola que se establece a cantidade que cómpre transferir ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta do ano 2018 sobre o importe certificado o ano 2017.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito a asistencia xurídica gratuíta, e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará aos colexios de procuradores para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Polo Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo no seu anexo letra B) núm. 1.c) as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á representación por procurador en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actualmente atribuídas á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e establece no seu artigo 45, que a Consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de procuradores para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o que corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

Tendo en conta o disposto no artigo 45 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia que establece que as cantidades destinadas para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta determinaranse para cada colexio cun sistema de módulos compensatorios por expediente tramitado e, entrementres non se determinen ditos módulos (como é o caso), os colexios percibirán a contía que resulte de aplicar o 8 % ao custo económico xerado en cada período de liquidación, que no suposto actual trátase do importe total certificado durante o ano 2017 polos colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de representación gratuíta, dispoño que se transfira ao Consello Galego de Procuradores un total de cincuenta e nove mil cento oitenta e seis euros e catro céntimos (59.186,04 €), para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Xustiza a ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vcepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza