Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 27 de decembro de 2018 Páx. 53809

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 14 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2019, tramitadas como expediente anticipado de gasto (código de procedemento MT975I).

Segundo o establecido no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, agora Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a quen corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación da natureza, conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

Así mesmo, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, atribúe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático as competencias que correspondían á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, conforme o Decreto 167/2015, do 13 de novembro, antes referido, entre elas máis especificamente, as reguladas no artigo 11 sobre as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana así como o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, en particular:

• A elaboración, seguimento e accións de desenvolvemento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos.

• E o fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

Pola súa banda, as entidades locais son competentes para a xestión dos residuos nos termos establecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, e demais normativa de aplicación.

De acordo co que se acaba de sinalar, e tal como se preceptúa no artigo 12, parágrafo 5 da mencionada Lei básica correspóndelles aos concellos como servizo obrigatorio a recollida, transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma en que establezan nas súas respectivas ordenanzas de conformidade co marco normativo aplicable.

O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia 2010-2022, establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia cara un novo escenario máis sostible e acorde coa xerarquía de residuos marcada pola normativa, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos.

O Plan recolle os obxectivos marcados pola normativa vixente e establece novas metas especialmente en materia de prevención, onde por primeira vez se establece un obxectivo cuantitativo, así como no tocante ao despregamento da recollida selectiva da fracción orgánica e ao incremento do resto de recollidas, tanto en cantidade como en calidade.

A partir da diagnose realizada con ocasión da elaboración do plan, as conclusións ou prioridades detectadas incluíron, en materia de xestión de residuos domésticos, as seguintes:

• Impulsar mellores iniciativas de prevención dos residuos, cun uso máis eficaz dos recursos e un cambio cara a pautas de consumo máis sostibles.

• Fomentar a recollida selectiva en orixe, como estratexia para obter materiais de calidade que teñan saída no mercado da reciclaxe.

• Potenciar a xestión/recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais.

• Potenciar as recollidas comerciais en orixe.

• Favorecer o mercado da reciclaxe.

• Minimizar o vertedura final en depósitos controlados, especialmente de fracción biodegradable e materiais recuperables.

• Implicar as persoas nas actuacións de xestión de residuos, maximizar a implicación e os coñecementos da poboación e dos xestores.

Para tal efecto, o Plan organízase en torno a dez grandes liñas estratéxicas que aglutinan as actuacións a desenvolver no actual horizonte temporal da planificación autonómica que abrangue, tras a actualización operada en decembro de 2016, ata o ano 2022.

Entre os instrumentos dispoñibles para a consecución dos obxectivos propostos, o PXRUG contempla especificamente o establecemento de liñas de subvencións dirixidas a entidades locais destinadas, entre outras, a actuacións como as seguintes:

• A realización de campañas locais de comunicación.

• O desenvolvemento de accións de prevención e recollida selectiva.

• A promoción da compostaxe.

• A adaptación, ampliación ou mellora dos puntos limpos, a posta en marcha de puntos limpos móbiles ou minipuntos limpos.

• A elaboración de plans territoriais de xestión que deberán definir as medidas de prevención.

Estas accións van en consonancia coas orientacións recollidas no ámbito nacional polo Plan estatal marco de xestión de residuos, Pemar, entre as que se inclúen as seguintes:

• Promover unha mellor separación de residuos nos fogares;

• Implantar a recollida separada en grandes xeradores (hostalaría, servizos, distribución);

• Promover a entrega e incrementar a captación de residuos en puntos limpos (fixos ou móbiles), comercios, etcétera;

• Promover e reforzar redes de recollida específicas (por exemplo, para o téxtil);

• Priorizar a preparación para a reutilización na medida do posible, a través de convenios con entidades de economía social ou outras entidades autorizadas para esta operación;

• Promover a separación en orixe de fluxos de residuos específicos que poden ter un impacto negativo sobre o medio, como son os aceites domésticos, os restos de medicamentos ou os residuos domésticos perigosos.

Isto, xunto coa folla de ruta cara unha Europa eficiente no uso dos recursos, no marco da Estratexia 2020, así como as medidas recollidas no paquete de economía circular, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2015, constitúen os piares básicos de orientación cara unha xestión eficiente dos recursos e dos residuos que se sustenta, fundamentalmente, na prevención e o reciclado e en reforzar o principio de xerarquía nas opcións de xestión de residuos.

Seguindo esta xerarquía, a prevención é a mellor opción de xestión seguida, nesta orde, da preparación para a reutilización, do reciclado, doutras formas de valorización (incluída a enerxética) e por último da eliminación (o depósito en vertedoiro, entre outras).

En consecuencia, tendo en conta as competencias asumidas por este departamento, a presente convocatoria vai destinada a apoiar as entidades locais na procura de respostas aos retos e oportunidades asociadas ao cumprimento do actual marco normativo vixente así como dos obxectivos que a dita planificación persegue.

Para tal fin serán obxecto de fiananciaciamento ao abeiro da presente convocatoria os proxectos destinados á implementación de medidas de xestión dos residuos domésticos conforme o esquema de prioridades e o principio de xerarquía aplicable en materia de residuos. En particular, serán susceptibles de englobarse aquí aquelas actuacións destinadas a: potenciar a recollida selectiva en orixe e xestión da fracción orgánica dos residuos municipais coa finalidade de contribuír ao cumprimento dos obxectivos fixados pola normativa; fomentar a prevención e preparación para a reutilización de residuos municipais; investimentos destinados a mellorar os servizos de proximidade e as instalacións á disposición dos cidadáns que complementen a función que presta a rede de puntos limpos existente na nosa comunidade autónoma para a entrega de determinados residuos, co fin de favorecer a súa adecuada recollida e clasificación así como o impulso para a preparación para a reutilización, de ser o caso.

O artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma, deberán primar, na forma en que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera forma.

Para tales efectos as presentes bases reguladoras prevén a posibilidade de que as ditas agrupacións de entidades locais poidan acceder á condición de beneficiarios desta subvencións.

Esta orde enmárcase no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello e no Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

En concreto as axudas obxecto desta orde estarán confinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020; obxectivo temático 6: conservar e protexer o medio e promover a eficiencia dos recursos; prioridade de investimento 6.1: o investimento no sector dos residuos para cumprir os requisitos do acervo da Unión en materia de ambiente e para dar resposta ás necesidades identificadas polos Estados membros; obxectivo específico 6.1.1: desenvolver a separación, recollida selectiva e tratamento de residuos incluíndo accións de peche de ciclo; contemplando tanto os plans de xestión como aos investimentos en infraestruturas; actuación 6.1.1.3: financiamento para o fomento de actuacións que contribúan ao desenvolvemento do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia (PXRUG 2010-2022).

O indicador de produtividade considerado ao abeiro da presente convocatoria é o identificado baixo o código-denominación E022-Capacidade adicional de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos.

Por outra banda, a Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no correspondente proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao de disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Para a finalidade da presente orde, existe no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, na aplicación 07.02.541D.760.1, crédito adecuado e suficiente.

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e liñas de axudas

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupación de entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal (procedemento MT9571I) e facer pública a súa convocatoria para o ano 2019.

2. Establécense dúas liñas de axuda.

a) Liña 1: implantación de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes na nosa comunidade autónoma, para a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

Para os efectos da presente orde teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que non teñen sistemas comúns de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, medicamentos, etcétera).

b) Liña 2: proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos.

2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuaría como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e conxunta. De darse o caso inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poder ser beneficiaria destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e requisitos

1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan de seguido para cada liña de axuda.

a) Liña I: implantación de puntos limpos móbiles.

Serán subvencionables os proxectos para a implantación de puntos limpos móbiles, destinados á xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

A citada implantación deberá ir acompañada de campañas de difusión e sensibilización que teñan como obxectivo fomentar a participación cidadá nas actividades incluídas nos proxectos presentados polas entidades locais.

b) Liña II: proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

Serán subvencionables as actuacións que teñan como obxectivo a nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos das entidades locais que actualmente non estean realizando este tipo de recollida diferenciada, co fin de contribuír ao cumprimento dos obxectivos en materia de reciclaxe dos biorresiduos.

Os proxectos poderán considerar a devandita implantación nos fogares, mediante a instalación de contedores de proximidade na vía pública con control de acceso, ou outras modalidades de recollida que mellor se adapten ao territorio, así como a implantación da recollida separada da fracción orgánica en comunidades de propietarios, grandes produtores (p.e.: supermercados de alimentación, mercados, servizos de hostalaría e restauración, comedores escolares, empresas de cátering para hospitais e centros de día, etc.) e/ou actividades económicas.

Os proxectos deberán considerar a realización de campañas de difusión e comunicación que teñan como finalidade poñer en coñecemento da cidadanía a iniciativa e fomentar a participación nas actividades previstas. Incluirase nesta información os beneficios ambientais de efectuar a recollida separada da fracción orgánica (FORM), a forma de realizala e as características do servizo, así como aspectos económicos da xestión (recollida, tratamento, taxas, bonificacións, etc.).

2. Requisitos.

Ademais dos requisitos xerais establecidos na orde, a entidade solicitante deberá cumprir os requisitos que se citan a continuación para cada liña de axuda.

a) Liña I implantación de puntos limpos móbiles.

Para optar a esta liña de axuda a entidade local solicitante deberá de acreditar o destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixo ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. No seu caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.

Así mesmo, a entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos, así como á inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo a actividade de xestión tipificada.

b) Liña II proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

A entidade local solicitante deberá, polo menos, identificar a instalación ou centro de tratamento a que ten previsto destinar os biorresiduos recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o (ou en trámite de obter a autorización) para o tratamento da fracción orgánica dos residuos municipais, con capacidade suficiente, e cunha liña separada para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, non permitindo o tratamento conxunto con outro tipo de orixe industrial.

A entidade que resulte beneficiaria desta liña de subvención, adquirirá o compromiso firme de implantar a recollida separada da fracción orgánica segundo o proxecto presentado. No caso que esta non estea rematada na data de finalización do prazo de xustificación, o prazo máximo de que dispón a entidade beneficiaria para que a Administración poida constatar o cumprimento do requisito da dita implantación é de nove meses contados desde a finalización do prazo de xustificación. Con carácter excepcional, previa solicitude e xustificación das circunstancias concorrentes por parte da entidade beneficiaria, o órgano concedente poderá valorar a ampliación do dito prazo, ata un máximo de tres meses máis. Nestes casos, e para os efectos de verificar a implantación efectiva da recollida separada da fracción orgánica, o órgano concedente da axuda fará un seguimento mediante visitas de inspección.

O incumprimento do requisito de implantación no prazo sinalado será causa de reintegro da subvención outorgada de conformidade co establecido no artigo 25 destas bases reguladoras.

3. Non se admitirán solicitudes por parte dunha mesma entidade local ou agrupación para distintas actuacións ao abeiro dunha mesma liña de subvención.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable e cumpran o establecido na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 (BOE núm. 315, do 30 de decembro).

2. Liña I: implantación de puntos limpos móbiles.

a) A adquisición de puntos limpos móbiles dos seguintes modelos, con diferentes compartimentos para a recollida de residuos:

1º. Contedor/caixa metálica de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado con equipo de gancho para a súa carga e traslado).

2º. Remolque e contedor metálico de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado para a súa carga e traslado).

3º. Camión con caixa e chasis.

4º. Furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.

5º. Outros modelos do mercado, sempre que se xustifique que cumpren os obxectivos deste servizo.

b) Os materiais, ferramentas TIC e outros gastos necesarios para a citada implantación.

c) As campañas de difusión e de información asociadas ás actuacións proxectadas. Neste caso o gasto que se considerará para os efectos de financiamento será como mínimo dun 10 % e ata un máximo dun 15 % sobre o custo total subvencionable do proxecto.

3. Liña II: proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

a) O medios necesarios para a implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos de competencia municipal (contedores de proximidade ou outro tipo de contedores e equipamentos necesarios para a súa instalación/colocación), sempre que incorporen algún elemento innovador.

Valorarase positivamente a incorporación de material reciclado na fabricación dos contedores.

Os contedores ou, polo menos, a tapa, será de cor marrón e incorporarán a rotulación correspondente en que se sinale a fracción do residuo (orgánico) a que van destinados.

b) Medios e materiais de apoio e actuacións que contribúan de forma complementaria ao obxecto do proxecto. Entre outros: instalación de sistemas de identificación de usuario e control/limitación de acceso aos contedores ou outras ferramentas TIC; caldeiros para o depósito dos restos orgánicos nas vivendas ou puntos de xeración (cociñas, comedores...), bolsas domésticas compostables para a recollida da fracción orgánica e o depósito nos contedores. Neste caso o gasto que se considerará para os efectos de financiamento será como máximo ata un 30 % do orzamento total do proxecto.

c) As campañas de difusión e información asociadas á devandita implantación. Neste caso o gasto que se considerará para os efectos de financiamento será como mínimo dun 10 % e ata un máximo dun 15 % sobre o orzamento total do proxecto.

No caso de que estas campañas se realicen de forma conxunta con outras fraccións, considerarase subvencionable o importe correspondente ás actuacións que estean estritamente vinculadas á recollida separada da fracción orgánica, debendo especificar e xustificar a porcentaxe e o valor económico imputable a elas.

Quedan excluídos os contedores que non teñan como finalidade a nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais (por tanto, non poderán empregarse para reposición ou substitución de contedores xa existentes), así como os autocomposteiros e composteiros comunitarios, premios ou agasallos non relacionados co obxecto do proxecto e/ou innecesarios e todos os custos da recollida e o tratamento dos residuos da fracción orgánica.

4. En todo caso non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) No tocante ao imposto sobre o valor engadido, non é subvencionable cando é recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

c) Os gastos financeiros derivados do investimento.

d) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

e) Os gastos de persoal.

f) Os premios ou agasallos non relacionados coa actuación e/ou innecesarios.

g) Respecto dos bens de equipo de segunda man, estes non serán subvencionables cando non se cumpran os requisitos seguintes:

1º. Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non teñen sido obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

2º. O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes aspectos mediante certificación de taxador independente.

h) Todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionable.

5. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto de contrato menor con adxudicación directa.

Artigo 5. Crédito e contía das axudas

1. O orzamento total desta orde de axudas ascende a un millón douscentos oitenta e seis mil cincocentos setenta euros (1.286.570 €), coa seguinte distribución:

a) Importe máximo da liña de axuda I (implantación de puntos limpos móbiles): 900.599 € (70 %).

b) Importe máximo da liña de axuda II (proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais): 385.971 € (30 %).

2. O crédito máximo establecido para cada liña de subvención poderá ser redistribuído á outra liña se nalgún deles as solicitudes beneficiarias non resultan suficientes para esgotar os fondos dispoñibles.

3. Contía das axudas:

a) Liña I. Implantación de puntos limpos móbiles: un 80 % dos custos totais subvencionables salvo no caso de que, con base no establecido no artigo 14 das bases, o solicitante asuma unha achega superior ao 20 % do custo subvencionable do proxecto. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 40.000 €. Non obstante, esta poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 5.000 € máis por cada entidade participante ata un máximo de 60.000 €.

b) Liña 2. Proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais: un 80 % dos custos totais subvencionables salvo no caso de que, con base no establecido no artigo 14 das bases, o solicitante asuma unha achega superior ao 20 % do custo subvencionable do proxecto. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 40.000 €. Non obstante, esta poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 5.000 € máis por cada entidade participante ata un máximo de 60.000 €.

Artigo 6. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O dito formulario se xunta como anexo I a estas bases simplemente a título informativo.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderanse presentar individualmente por un concello, no exercicio da competencia que ten asumida na materia, ou conxuntamente por máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal que pola súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, no parágrafo destinado á identificación do solicitante, a referencia a “Agrupación de” seguida da identificación das entidades de que se trate.

4. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que ostenten a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá acompañar, ademais da documentación requirida ao abeiro do art. 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

5. No caso de solicitudes presentadas de forma presencial, requiriráselle a entidade solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

7. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfonos 981 54 10 82 e 981 95 75 19 ou do enderezo de correo electrónico residuos.economia.circular@xunta.gal.

Artigo 7. Documentación complementaria que hai que presentar

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2. Certificación do acordo adoptado polo órgano competente en que conste a decisión da entidade ou entidades locais de solicitar a subvención ao abeiro destas bases reguladoras (anexo II).

3. No suposto de que a entidade local achegue fondos ao proxecto/actividade/actuación para a que se solicita subvención, para os efectos do establecido en relación cos criterios de valoración, achegarase tamén declaración responsable en que se faga constar que se dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa banda.

4. Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia, as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

5. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán acompañar:

a) Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

b) Identificar a relación de entidades locais participantes.

c) Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

d) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

e) O importe de subvención que se vai aplicar por cada entidade membro da agrupación.

6. Para a liña de axuda I, implantación de puntos limpos móbiles:

a) Acreditación do destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. No seu caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.

b) Compromiso de cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos e de inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo a actividade de xestión tipificada.

7. Para a liña de axuda II, proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais: identificación da instalación ou centro de tratamento prevista para tratar os biorresiduos recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá de tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o (ou en trámite de obter a autorización) para o tratamento da fracción orgánica dos residuos municipais, con capacidade suficiente, e cunha liña separada para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, non permitíndose o tratamento conxunto con outro tipo de residuos de orixe industrial.

8. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

9. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

10. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

11. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirllo á persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8. Documentación técnica relativa á actuación obxecto da solicitude

1. Xunto coa solicitude deberase presentar unha memoria do proxecto ou actuación para a que solicita a subvención que deberá conter unha descrición clara das actividades que se van desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e a información que se sinalan deseguido.

2. Para as dúas liñas de axuda:

a) Tipoloxía e nome do proxecto.

b) Breve descrición do proxecto presentado.

c) Identificación e datos de contacto do responsable técnico.

d) Introdución e diagnose da situación actual na/s materia/s do proxecto dentro do ámbito local de actuación.

e) Obxectivos do proxecto e das súas actuacións. Será preciso neste punto a referencia ás melloras ou beneficios ambientais que se procuran co proxecto.

f) Descrición detallada do proxecto, ámbito de actuación, poboación e sectores ou axentes implicados, obxectivos cuantitativos e cualitativos, programación temporal e orzamento completo das actuacións.

g) O plan de actuación deseñado deberá incluír unha xustificación pormenorizada dos materiais, actuacións e recursos propostos de conformidade cos gastos subvencionables ao abeiro desta orde.

h) As campañas de información e sensibilización previstas así como os seus custos estimados.

i) Indicadores e medidas de seguimento.

j) Resultados esperados (recollida, en quilogramos, por tipoloxía de residuos).

k) Resumo do orzamento e financiamento (importe total da actuación solicitada, fontes e porcentaxe de subvención que se solicita sobre o custo total, se procede) o cal, en todo caso, deberán ser coherentes coa finalidade da subvención. Deberá identificar con detalle os conceptos polos que se concorre na convocatoria chegando á desagregación a nivel de importes unitarios, de ser o caso. No caso de agrupacións de entidades locais, no orzamento figurará que importe correspondería a cada unha delas.

3. Para a liña de axuda II, proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais, deberá especificarse a porcentaxe de material reciclado empregado na fabricación dos contedores propostos.

4. Calquera outra documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde, co fin de que a comisión de avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e prelación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. A sinatura da solicitude leva implícita a autorización ao órgano instrutor para, na tramitación deste procedemento, efectuar a consulta automática dos datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

f) Certificado de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Certificado sinalando outras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia competitiva contemplado no artigo 19, número 1 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Órganos competentes

A Subdirección Xeral de Residuos será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións mentres que corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditar a resolución da concesión.

Artigo 12. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponden á Subdirección Xeral de Residuos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que revisará todas as solicitudes recibidas e a documentación presentada.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o solicitante de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que, no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixese, poderase considerar desistido da súa petición, arquivándoa sen máis trámites, segundo resolución que para o efecto se dite.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda, tendo que achegar nestes casos o solicitante as correspondentes certificacións ou documentos.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. Os requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 13. Comisión de avaliación

1. As solicitudes completas xunto coa documentación requirida serán postas á disposición dunha comisión de avaliación para a súa valoración e informe, o cal incluirá unha relación coa puntuación que corresponde a cada unha das solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 14 desta orde.

2. A comisión de avaliación estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Residuos, ou persoa en que delegue, e integrada por dous funcionarios da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, co nivel mínimo de xefe/a de servizo, actuando como secretario unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución (tendo en conta os criterios sinalados no artigo 14) en que identificarán, de xeito individualizado, os solicitantes que superaron a fase de avaliación mediante unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións, tanto administrativas como técnicas, establecidas nas bases reguladoras. Na proposta constarán tanto as entidades que acadaron a condición de beneficiario, ao obter a puntuación requirida, como aquelas outras que non resultasen estimadas por quedarse por debaixo da devandita puntuación ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria para as diferentes liñas de axudas.

4. Unha vez elaborada a correspondente proposta, mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para a súa resolución.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A comisión de avaliación, á que se refire o artigo 13 desta orde, valorará e priorizará as solicitudes presentadas aplicando os criterios e puntuacións que deseguido se sinalan para cada unha das liñas de axudas.

2. Liña de axuda I: implantación de puntos limpos móbiles:

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo); ata 10 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e do planeamento de obxectivos en liña cos establecidos no PXRUG 2010-2022; ata 10 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados; ata 10 puntos.

b) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

c) En función da poboación que se atenda, segundo sexa solicitude individual ou presentada conxuntamente, de forma proporcional:

1º. Habitantes que se atendan (solicitude individual): de 1 ata 8 puntos.

2º. Habitantes que se atendan (solicitude conxunta): de 5 ata 15 puntos.

d) Achega económica da entidade local superior ao 30 % do orzamento total do proxecto, ata 15 puntos.

e) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 10 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 5 puntos.

2º. Polo número de concellos participantes no proxecto para o que se solicita subvención: 1 punto por concello ata un máximo de 5 puntos.

f) Tratándose de proxectos que inclúan a prestación do servizo a concellos que carecen de punto limpo: 5 puntos.

g) Grao de novidade respecto do resto de actuacións presentadas nesta convocatoria: ata 5 puntos.

3. Liña de axuda II: proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais:

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo); ata 10 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e do planeamento de obxectivos en liña cos establecidos no PXRUG 2010-2022; ata 10 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados; ata 10 puntos.

b) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

c) En función da poboación que se atenda, segundo sexa solicitude individual ou presentada conxuntamente, de forma proporcional:

1º. Habitantes que se atendan (solicitude individual): de 1 ata 8 puntos.

2º. Habitantes que se atendan (solicitude conxunta): de 5 ata 15 puntos.

d) Achega económica da entidade local superior ao 30 % do orzamento total do proxecto, ata 15 puntos.

e) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 10 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 5 puntos.

2º. Polo número de concellos participantes no proxecto para o que se solicita subvención: 1 punto por concello ata un máximo de 5 puntos.

f) Tipo de axentes colaboradores elixidos para o desenvolvemento do proxecto, ata 5 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Pola implantación en vivendas: 2 puntos.

2º. Pola implantación en grandes produtores (comunidades de propietarios, colexios, supermercados ...) ou actividades comerciais: 3 puntos.

g) Porcentaxe de material reciclado empregado na fabricación dos contedores: ata 5 puntos.

4. A puntuación resultante será a suma da aplicación dos baremos indicados. Co obxectivo de acadar un nivel mínimo de calidade dos proxectos de investimento subvencionados, establécese un nivel mínimo de puntuación de 40 puntos, sobre os 100 que como máximo se poderían acadar, para poder optar á subvención. Aquelas solicitudes que non acaden esa puntuación mínima serán rexeitadas.

5. No caso de empate na baremación decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio establecido no primeiro lugar e así de xeito sucesivo co resto dos criterios contemplados no caso de manterse o empate. De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

6. Á vista das solicitudes recibidas, a comisión de avaliación fixará unha relación ordenada de todas as solicitudes que, cumprindo coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario e de conformidade coa puntuación outorgada a cada unha delas, permita determinar tanto as que resulten beneficiarias, como aqueloutras que non resultasen estimadas por non ter acadado a puntuación mínima requirida ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria para cada liña de axuda.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor ditará proposta de resolución con base no documento elaborado pola comisión de avaliación, e elevaraa para a resolución por parte da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. Na resolución figurarán os seguintes aspectos:

a) A relación de entidades locais beneficiarias.

b) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os que se fai o cálculo da contía ou porcentaxe de axuda resultante.

c) A contía da axuda.

d) Que a axuda está cofinanciada nun 80 % con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

e) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión do beneficiario na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 no seguinte sitio web: http://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx.

f) Prazo para a execución do servizo.

g) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran coa súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

9. Transcorrido o prazo para resolver e notificar sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender as súas pretensións desestimadas por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles desde a súa notificación sen que a entidade beneficiaria comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, das demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, as seguintes:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

3. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

4. Someterse ás actuacións de inspección e control que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poida efectuar respecto á xestión destas axudas e que permitan a xustificación ante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

5. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

8. Ispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

9. Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

10. Segundo o establecido no artigo 15, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo III destas bases e segundo as obrigas establecidas no artigo 20.8 en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

11. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013) sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.

12. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

13. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 20. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2019, ambos incluídos.

2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados no período comprendido entre as datas referidas no parágrafo anterior.

4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de novembro de 2019.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar, no prazo máximo ao que se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe total do investimento subvencionable; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude, e polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. A solicitude do pagamento efectuarase polo beneficiario a través de medios electrónicos, mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo, que estará accesible na carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A dita solicitude acompañarase da documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas, tendo neste caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 22. Documentación xustificativa do investimento

1. A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), conterá a seguinte documentación:

a) Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo IV que se xunta a título informativo.

A sinatura da solicitude comporta a realización da declaración relativa a que a entidade beneficiaria dispón das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade así como, de ser o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable.

b) Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, que de conformidade co contido requirido en fase de solicitude, identifique entre outras cuestións as actividades realizadas e dos resultados obtidos en relación, de ser o caso, cos indicadores de seguimento e avaliación propostos.

Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento, acompañarase de calquera outro material informativo (fotografías, publicacións, reseñas en web, etc.) que se considere de interese.

c) Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

1º. Tanto os xustificantes de gasto como os dos pagamentos deberán ter data comprendida dentro do período de subvencionabilidade previsto no artigo 20 destas bases.

2º. A entidade beneficiaria achegará unha certificación que deberá estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar como mínimo:

1. O cumprimento da finalidade da subvención.

2. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

3º. As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Tratándose de administracións públicas presentaranse facturas orixinais, ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

4º. Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) en que deberán constar ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento, así como a data en que se tivesen efectuado a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

5º. No caso de adquisición de bens de equipo de segunda man certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial e declaración do vendedor en que conste a orixe dos bens e que éstes non teñen sido obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

6º. No caso que á hora de puntuar o proxecto obxecto de subvención se tivese considerado a achega económica da entidade local superior ao 30 % do orzamento total do proxecto, incluiranse os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios atendendo aos gastos que, ao abeiro destas bases reguladoras, teñen a consideración de subvencionables.

7º. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

8º. No seu caso, copia do expediente de contratación completo que permita constatar o cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

No suposto de contratos menores, sen prexuízo do disposto na citada normativa, de optarse por adxudicación directa, para os efectos da presente orde deberanse solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de distintos empresarios, agás que polas características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que poidan executar o contrato.

9º. Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

10º. No caso das agrupacións de concellos, presentarase un documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda no cal se recollan expresamente todos os termos dos aspectos requiridos nas presentes bases para as solicitudes presentadas de forma conxunta.

d) Documentación de ter realizada a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no artigo 20.8 en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e segundo o que se establece no anexo III que acompaña ás presentes bases reguladoras.

e) Para a liña de actuación I, implantación de puntos limpos móbiles: acreditación do destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. No seu caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.

f) Para a liña de actuación II, proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais: identificación da instalación ou centro de tratamento prevista para tratar os biorresiduos recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá de tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o (ou en trámite de obter a autorización) para o tratamento da fracción orgánica dos residuos municipais, con capacidade suficiente, e cunha liña separada para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, non permitíndose o tratamento conxunto con outro tipo de residuos de orixe industrial.

Artigo 23. Pagamento da axuda

1. O pagamento da axuda efectuarase con cargo ao exercicio 2019.

2. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.

No caso de que a entidade fixera constar na solicitude de subvención que solicita a modalidade de pagamento anticipado, no prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, deberá presentar unha solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo V.

3. De non presentar a solicitude de pagamento anticipado enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

4. De conformidade co disposto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, as entidades locais están exoneradas de constituír garantía no caso de solicitar anticipos.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007.

Os órganos competentes da Consellería concedente poderán solicitar ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

6. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

7. O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 24. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/información-xeral-protección-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Ademais, os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

4. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da subvención e procedemento de reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao órgano concedente desta axudas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de cinco anos.

e) No caso das axudas outorgadas para proxectos que teñan por obxecto a implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais, suporá a perda da totalidade da subvención concedida a constatación de que non se levou a cabo a dita implantación de conformidade co obxecto subvencionado ao remate dos prazos contemplados no art. 3.2.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención polo que a graduación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, logo do oportuno requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por esta das obrigas previstas na citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Financiamento

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.02.541D.760.1, código de proxecto 2016 00061, na cal existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, aprobado polo Consello da Xunta.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001; a concesión das subvencións quedará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha transferencia de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que procede. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 28. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismo internacional, sempre que o importe total das axudas percibidas non supere o 100 % do investimento subvencionable do proxecto.

2. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a prorrata, segundo o documento en que se establezan as condicións da axuda.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo.

4. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitarase á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

5. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 29. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 31. Réxime xurídico

Respecto de todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

g) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

h) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

i) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

j) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde surtirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file